“O relato A semântica oculta de Mrs. Hockett, de Teresa Moure Pereiro, vence no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía. Foron segundo e terceiro premio, respectivamente, Corazón de Aquiles, de Noelia Cendán Teijeiro e Reversible, de Jesús Amboage García.Na cerimonia de entrega de premios que se celebrou o pasado venres 19 de maio ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo, a escritora Anxos Sumai, como representante do xurado, valorou así as obras gañadoras:
“Despois de varios contactos por correo electrónico, chegamos á xuntanza final con dez finalistas dos que seleccionamos tres relatos pola súa incuestionable calidade literaria, polas persoais voces narrativas, pola orixinalidade temática e polo impecable uso da lingua. Resultou excitante comprobar que as persoas que formamos o xurado, coincidamos sen apenas discusión en premiar os relatos Reversible de Jesús Amboage, Corazón de Aquiles de Noelia Cendán e a A semántica oculta de Mrs. Hockett de Teresa Moure, de aí que deixásemos constancia na acta de que os premios foron dados por unanimidade. Por entusiasta unanimidade.
Hai nos tres relatos, absolutamente distintos na forma e na historia, algo que os une. Tanto o diálogo coma o conflito –centro mesmo da literatura– son, ao noso ver, a esencia das tres propostas creativas. No caso de Reversible, o diálogo, ou a tensión, prodúcese entre rutina urbana do protagonista e o redescubrimento apaixonado do mundo rural e entre uns personaxes, perfectamente construídos, que se entrelazan para dar nun sorprendente final. Canto a Corazón de Aquiles, a autora confronta a investigación da ciencia e o desexo infantil de ser heroe, desprazándose con mestría por distintos tempos narrativos e históricos, conciliando a realidade cotiá coa cultura clásica. E, por fin, n’A semántica oculta de Mrs. Hockett establécese unha comunicación entre distintas disciplinas: a literatura, a lingüística e as matemáticas, nun fluído xogo —narrado impecablemente, con ritmo e certa ironía— entre narrativa e poesía, entre códigos numéricos e emocións humanas.
Parabéns para Jesús Amboage, Noelia Cendán, Teresa Moure. Parabéns tamén para o Concello de Arteixo polo mantemento dun premio que naceu coa fin de estimular a creación literaria e de favorecer a aparición de novas voces narradoras e que se converteu nunha referencia para o xénero do relato, nun premio respectado e cobizado por autoras e autores consagradas, nun premio libre no que caben todas as temáticas e todas normativas.”
O xurado estivo composto por Anxos Sumai (escritora e representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Beatriz Rodríguez Rodríguez (profesora da Universidade de Vigo e representante da Asociación Galega da Crítica), Diego Giráldez (gañador da 25ª edición) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), e decidiu por unanimidade conceder os tres premios mediante o ditame resolto na reunión previa do 22 de abril.
58 foran os relatos recibidos, e 52 foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases. Os premios, que se coñeceron durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
Como novidade deste ano, a coordinación destacou a presenza no xurado dun membro da Asociación Galega da Crítica, feito que, grazas a un recente acordo de colaboración similar ao precedente coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pasa a vincular de maneira máis decidida o Certame ao sistema literario galego.
O acto de entrega ofreceu ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical do grupo Ejazz (composto por Marga Ramos, Betty Queiro, Ángeles Dorrio e Carmen Rey), as intervencións artísticas en directo do colectivo XIPA (colectivo artístico arteixán representado por Ana Crujeiras, Ricardo Veiga e Xián Novelle) e un viño de honra como fin de festa.
O evento incluíu ademais unha lembranza da figura de Carlos Casares, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, mediante a proxección dunha peza en que se fai referencia á relación do autor ourensán con Arteixo.”