Entrevista a Antonio Manuel Fraga en Lecturafilia:
“(…) – Lecturafilia (L): Por que escribir unha carta a H.P. Lovecraft e non a outro escritor?
– Antonio Manuel Fraga (AMF): Todo partiu da casualidade. Eu estaba a me documentar sobre escritores que se suicidaran para un libro de relatos que nunca cheguei a escribir. Foi procurando información para ese proxecto cando batín coa historia de Robert E. Howard. Pensei naquel intre que a morte de Howard tiña elementos dabondo para conformar os alicerces dunha novela, que –por suposto –tiña que encadrarse dentro terror cósmico instaurado por Lovecraft. Despois, á hora de conformar a novela, pensei que botar man do xénero epistolar podería ser unha boa solución para lle dar ao texto ese aspecto de confesión que procuraba. (…)
– L: Como prende en ti a chama da literatura? Cando decides que queres escribir?
– AMF: A través da lectura. Supoño que a necesidade de non ser só receptor de historias, senón tamén emisor, foi o que me levou a dar o salto. Como afección, escribo desde moi novo, talvez desde a adolescencia. Dun xeito máis consciente, máis serio se se quer, desde o ano 2011. Daquela quixen crear un conto para lle dedicar á miña sobriña Icía, que aínda non nacera, e tanto me gustou a experiencia que continuei por ese camiño. E até hoxe! (…)
– L: Falas do suicidio, da morte, da soidade e da insatisfacción persoal. Ten a literatura unha función salvadora?
– AMF: Totalmente. É case un exorcismo. A idea da morte angústiame tanto que me deixa paralizado. Sei que, a medida que envelleza, necesitarei axuda psicolóxica para afrontar esta cuestión ou tolearei. Dígoo en serio. Escribir sobre iso sérveme de válvula de escape. Ademais, facelo sobre temas que realmente me preocupan coido que lle engaden á historia un pouso de honestidade que doutro xeito non tería. Dalgún xeito, a literatura salvoume a vida, porque lle deu un sentido do que antes carecía.
– L: A túa máis recente novela é A virxe das areas, que, segundo xa comentaches nalgunha ocasión, parte dun soño que tiveches un día, no que escribías esta novela sobre a aparición dunha rapaza sen memoria nun piñeiral. Que máis nos podes contar dela?
– AMF: A virxe das areas foi un exercicio literario no que aprendín moitísimo como narrador. Está ideada como un folletín, dividida en capítulos moi curtos onde sempre acontece algo. Pretende xogar con diversos elementos da novela negra, á que dalgún xeito parodia. A historia imaxineina conxuntamente con Olaia Sendón, unha cineasta amiga miña. Iso serviume tamén para lle dar un aspecto máis visual. É certo que partín dun soño no que un xubilado de Pontedeume, a miña vila, investigaba a misteriosa aparición dunha moza que perdera a memoria. Ese foi o punto de partida para tecer a arañeira de segredos que conforma a novela. (…)”
Arquivos da etiqueta: A virxe das areas
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o martes 4
O martes 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Concerto-presentación de Fantasía coas palabras, de Papi e Mami, publicado por Galaxia.
– 19:30 h. Manuel Esteban asinará A ira dos mansos (Premio Xerais de Novela, 2016).
– 19:30 h. María Luísa Abad asina exemplares de Limaduras de prata na caseta da Libraría Librouro.
– 19:45 h. Presentación de Avións de papel, de Xavier Estévez, publicado por Xerais. Con Marcos Viso e Helena Pérez. Ao remate, sinatura.
– 20:30 h. Antonio M. Fraga presenta A virxe das areas, publicado por Embora, acompañado de Ledicia Costas.
Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do sábado 10 e domingo 11
O sábado 10 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizada polo Concello de Santiago, e que rematará o domingo 11 (con horario de 11:00 a 21:00 horas) cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:
Sábado 10
– 13:00 h. Presentación de Querido H. P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, publicado por Urco.
– 17:30 h. Presentación de A virxe das areas, de Antonio M. Fraga, publicado por Embora.
– 18:00 h. Tradutoras ao vivo: María Reimóndez e Patricia Buxán.
– 19:00 h. Alfonso Blanco: Do Latín ao galego… tamén na literatura; ou, motivos para traducir ficción dende o latín.
– 20:00 h. Marcha cultural en defensa da obra compostelá do pintor e escritor Urbano Lugrís. Partirá cun manifesto da praza da Quintana (carpa da SELIC) e logo percorrerá varias rúas da cidade. Está organizada por Alvarellos Editora en colaboración co colectivo literario In Nave Civitas da Coruña.
– 20:30 h. Marga Tojo presenta Últimos bruídos, publicado por Positivas.
Domingo 11
– 17:30 h. Presentación – concerto do libro cd Volta, revolta e reviravolta, de As Maimiñas, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Rosalía Fernández Rial presenta Aulas sen paredes, publicado por Positivas.