Ars dedicandi: Victoriano Taibo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O 13 de marzo de 1966 morría en Palencia, 37, no vigués barrio de Lavadores, o compostelán Victoriano Taibo, unha das voces máis destacadas da chamada Xeración das Irmandades, autor de poemarios como Abrente ou Da vella roseira e narrador en volumes como Da agra aberta. Mestre de profesión, foi tamén un entusiasta defensor da causa da lingua, sobre a que escribiu non poucos artigos, e pertenceu ao SEG e mais a RAG.
Hai poucos anos tiven a sorte de poder recuperar a súa obra inédita nun libro que se chamou Abicedo. Cabrinfollas. Souben, ao ir afondando alí no seu labor, que foi Taibo un ser entregue que sempre tivo a Galicia, o seu idioma e a súa cultura como norte. Del son estes versos, tantas veces citados:
O galego que non fala
na lingua da súa Terra,
nin sabe o que ten de seu
nin é merecente dela.

Pois ben, esa cuarteta adorna a lapela de Abrente que, como reza o colofón, foi impreso “na Editorial de «El Eco de Santiago», da cibdá de Compostela, o 1º de Janeiro do ano 1922”. Entre os próceres da capital galega que recibiron con maior ledicia a nova da súa aparición atopábase José Portal Fradejas, avogado, periodista e orador que chegou a ser deputado provincial, ademais de cruz vermella do Mérito Militar, terciario franciscano e destacada figura do foro galego. A el vai dedicado, admirativamente, o exemplar de Abrente que se recupera neste Ars dedicandi, onde pode apreciarse a orixinal cuberta que dispuxo para o mesmo Álvaro Cebreiro, o pintor coruñés que tan bo amigo foi do poeta da Algalia de Arriba.”

ars_dedicandi_taibo