O Milladoiro de contos de Adriana Andrade vai de xira no mes das Letras

“Cando se cumpre un ano da primeira presentación no local social das Pozacas, o libro de narracións infantís Milladoiro de contos (Edicións Embora), de Adriana Andrade Andrade e Teresa García Fernández, vivirá neste mes das Letras unha intensa xira literaria.
A primeira cita foi o luns 6 de maio, no CEIP Unión Mugardesa no que a autora, Adriana Andrade mantivo un encontro con alumnado de 5º e 6º de Primaria deste colexio de Mugardos.
Na semana que vén, o mércores 15 de maio, a escritora de Cerqueda será a primeira narradora en estrear a nova biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica. Nesta xornada tamén acudirá ao CEIP Xoaquín Rodríguez Otero de Buño. Nos dous centros malpicáns manterá senllos encontros con alumnado de Primaria.
Por último, o venres 17 de maio participará, xunto co narrador cormeán Suso Lista, nos actos do Día das Letras Galegas que organiza a Asociación Cultural San Campio. A cita é ás seis da tarde no local social de Cances. A mesa de presentación será moderada por Miguel Anxo Calvo e Xosé Manuel Varela. Esta actividade é para público xeral.”