Miguel Anxo Seixas: “Se Castelao se rendese, Galicia aínda estaría hoxe sen Estatuto”

Entrevista de Montse Dopico a Miguel Anxo Seixas en Praza:
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación. É o título da tese de doutoramento do historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, que realizou, durante moitos anos e sen saber ao principio que ía acabar facendo unha tese, a investigación ata agora máis exhaustiva sobre a vida e a obra de Castelao. Revisando todo o que o rianxeiro escribiu e todo o que outras persoas escribiron del, ademais da súa obra gráfica e pictórica. O resultado é un traballo que procura o máis esixente rigor, en canto a apoio de cada dato na documentación, e que deixa a interpretación, e as conclusións, para o lector. Sen renunciar a reivindicar a coherencia ética e a vida de entrega polo país do autor de Sempre en Galiza.
– Praza (P): Defines a tese como un recoñecemento, un xeito de “facer xustiza” a unha persoa cuxa vida foi un exemplo de entrega ao país. Por que “facer xustiza”? Pensas que Castelao non ten o recoñecemento que merece?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Se hai algo que caracteriza a Castelao é a súa loita contra a inxustiza. Un ben a este mundo para loitar contra a inxustiza, ou así debería ser. Porque o mundo é inxusto. Castelao loitou para que Galiza tivese un Estatuto propio, por un mundo máis xusto. Pero unha banda de intolerantes destruíu o que el tentara construír. Foi a inxustiza do poder, das armas, da intolerancia, a que se impuxo contra o goberno lexítimo da República. E el tivo que exiliarse, foi perseguido.
Podemos dedicarlle medallas, unha rúa, o que queiramos pero, como dicía Walter Benjamin, temos que escoitar a voz dos vencidos. E eu tento seguir ese mandado de Benjamin. Tamén o dicía o propio Castelao nun dos seus debuxos: “Galegos, cumpride a manda dos vosos mortos”. E foi o que el fixo: seguiu loitando e resistindo no exilio. Agora, o fascismo segue a triunfar en moitos sitios. Segue a haber rúas que levan o nome de fascistas e asasinos. É como se os derrotados fosen derrotados de novo. É parte do botín de guerra dos vencedores. E é a nosa obriga loitar contra inxustizas coma estas. Ou polo menos tentalo.
– P: Se cadra o que fai diferente a túa tese é que é un estudo exhaustivo, feito a partir de todo o que Castelao escribiu, todo o que se escribiu sobre el, e a súa obra gráfica e pintura. É unha análise global, moi abranxente. Revisaches 4.333 entradas bibliográficas. Cantos anos traballaches na tese?
– MAS: En realidade, por circunstancias, foime chegando moito material de Castelao. Son historiador da arte e moita xente que tiña un debuxo, un cadro… chamábame. Porque unha parte da obra de Castelao, a visible, está en institucións públicas: museos, fundacións… e outra, a invisible, está en mans privadas. Eu fun xuntando moito material de Castelao durante moitos anos, que depositei na Fundación Castelao. Agardaba que chegase alguén que collese todo ese material e reconstruíse o puzzle a partir das pezas. Pero esa persoa non chegou e acabei facéndodo eu.
En principio ía ser unha biografía e despois acabou sendo unha tese. Tratábase de encaixar todo, de darlle orde aos restos do naufraxio poñendo cada cousa no sei sitio. Tampouco era subir a estatua ao pedestal, senón baixar a estatua do pedestal e volver relacionala co mundo. Para min iso era moi importante: situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo: co exilio, con Arxentina… Parte da dificultade é que, claro, os restos do naufraxio están espallados por Pontevedra, Bos Aires, Montevideo, Nova York, Moscova… (…)
– P: Dis tamén, en relación con iso, que creou un campo autónomo para a arte e a literatura, afectadas pola heteronomía política. Non parece tan claro, desde o momento en que facían arte e literatura para construír nación…
– MAS: Eles eran conscientes de que estaban a construír unha nación, claro. Pero o que pasa é que aquí hai dous enfoques posibles. Hai xente que entende que todo o que fai é un acto político. A idea é, por exemplo: vou escribir en galego aínda que o faga mal. E iso acaba condicionando a arte. Pero Castelao non pensa así. Castelao pensa en facer literatura e arte de alta calidade. Fai alta literatura. Consegue o que Bourdieu defende, a autonomía da literatura respecto do campo político. Castelao é artista cando exerce de artista e político cando exerce de político. A arte non ten que ser “comprometida”. Ten que estar comprometida coa propia arte. E naquel momento si se fixo moita literatura política, ao servizo da política. Pero, que quedou desa arte? (…)”

Compostela: presentación da tese de doutoramento de Miguel Anxo Seixas sobre Castelao

O venres 17 de novembro, ás 11:00 horas, no paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación da tese de doutoramento Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, por parte de Miguel Anxo Seixas. O tribunal está formado polo seu presidente, Ramón Villares Paz, o secretario, Borja de Riquer, e como vogal. Alicia Alted Vigil.