Os Premios Alfredo Iglesias entregan en Teo os recoñecementos á cultura e ao compromiso social

Desde Xornal de Compostela:
“A quinta edición dos Premios Alfredo Iglesias celebrarase o venres 16 de xaneiro, ás 20:30, no hotel Congreso, no concello de Teo, nun acto no que se recoñecerá o labor cultural e o compromiso social de persoas e entidades vencelladas ao país. Os galardóns están impulsados polo teense Álex Regueiro en lembranza do creador Alfredo Iglesias.
Nesta edición, o xurado acordou conceder o premio de Escrita a Paula Carballeira, mentres que o recoñecemento en Música recae en Wöyza. O apartado de Acción Patrimonial distinguirá ao Museo do Pobo Galego, e o de Comunicador a Tareixa Navaza.
No eido da Moda, o premio será para Katuxa Platero, mentres que en Gastronomía recoñecerase o proxecto La Central Heladera. A Promoción da Lingua distinguirá a Esther Estévez, e o apartado de Ilustración a Kiko da Silva.
A Acción Cultural será recoñecida coa distinción á Casa Museo Rosalía de Castro, mentres que o premio de Ciencia recaerá en Jorge Mira. No ámbito das Artes, o galardón será para Fuco Reyes.
En canto ao compromiso social, o premio de Acción Solidaria distinguirá a Leila Nachawati, e o de Acción Social á Fundación Dawn Compostela. O recoñecemento en Artesanía recaerá en Idoia Cuesta.
Pola súa banda, Maca Reimóndez e Carmen Fernández, produtoras da Radio Galega, serán recoñecidas co premio á Traxectoria.
O Premio á Memoria será concedido a José Luis Míguez Abucide, mentres que o galardón de Artista Revelación distinguirá a Eiris Makencíe e o de Personaxe Revelación a Marisa Prisa.
Segundo a organización, estes premios procuran afondar “nas traxectorias persoais e na relación que teñen co país as súas gañadoras e gañadores, salientando o valor da cultura e a súa promoción”, así como “o compromiso social”.”

María Pilar García Negro, A Banda da Loba e Manuel Gago, entre os galardoados na cuarta edición dos Premios Alfredo Iglesias

Desde Nós Diario:
“O Hotel Congreso de Teo (comarca de Compostela) acollerá o vindeiro día 16 de xaneiro a entrega da cuarta edición dos Premios Alfredo Iglesias, que recoñecen o labor cultural e o compromiso social. Estes galardóns, que impulsa o teense Álex Regueiro en lembranza do creador ourensán Alfredo Iglesias, buscan afondar “nas traxectorias persoais e na relación que teñen co país as súas gañadoras e gañadores, salientando o valor da cultura e a súa promoción”, así como “o compromiso social”.
Seguindo estas premisas, nesta edición figuran gañadoras como María Pilar García Negro, na Escrita; A Banda da Loba, en Música; Manuel Gago, en Acción Patrimonial; ou Avelino González, como Comunicador.
Na sección de Moda, a gañadora foi Dolores Couceiro; Adegas Vía Romana foi a seleccionada na modalidade de Gastronomía; mentres que os Premios Mil Primaveras foron seleccionados como iniciativa en Promoción da Lingua.
Olalla Diéguez Boo gañou nesta cuarta edición o Premio Alfredo Iglesias de Ilustración; a Asociación Cultural A Mámoa, o de Acción Cultural; José Pereira Uzal, o de Ciencia; Ana Romero Masiá, o de Artes; Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, o de Acción Solidaria; Aspamite, o de Acción Social; Oli Xiráldez, o de Artesanía; Quintana Martelo, o de Traxectoria; e Moncho Díaz, integrante de Fuxan os Ventos, o Premio á Memoria.
A Artista Revelación desta edición dos Alfredo Iglesias é Hydn, e os Personaxes do Ano son nesta ocasión Víctor Manuel Oujo e Ángel Currás. (…)”