Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Tiven, outra vez máis, a fortuna de participar no xurado Premio Literario Escolar Novacaixagalicia que se fallou o 10 de maio e que deliberou arredor de case catrocentas propostas literarias provenientes dos últimos anos da primaria, ESO e Bacharelato. Como todos os anos resulta para min unha ocasión magnífica que constata, por unha banda, que hai moita mocidade que escribe e que o fai moi ben e, pola outra banda, testemuña a existencia de novas xeracións que han vir, en ben pouco tempo, a sumarse con eficiencia e talento ao noso sistema literario. Oxalá sexa así. Galardóns coma este, ao meu ver, son moi necesarios e sería doloroso que desaparecesen. Deixo aquí a información oficial sobre a convocatoria e premiados: parabéns a todos eles!
O xurado do V Premio Literario Escolar Novacaixagalicia reuniuse esta mañá en Vigo para acordar os nomes das alumnas e alumnos gañadores deste galardón. Finalmente, a lista de premiados foi a seguinte: na modalidade de bacharelato, o premio recaeu en Alfonso Francisco Traficante Fernández, do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela (profesor: Manuel Maseda Deán); na de segundo ciclo de ESO, a premiada foi Leticia Álvarez Teruelo, do CPI Tomás Terrón Mendaña de Carballeda de Valdeorras (profesora: María Blanco Crespo); na de primeiro ciclo de ESO, o galardón foi para Daniel Alonso Lorenzo do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense (profesora: Marina Iglesias Iglesias); e na de terceiro ciclo de primaria, a gañadora foi Silvia Dorila de Diego Millarengo, do CEIP de Maciñeira en Neda (profesora: M.ª Rosa Piñeiro Grandal). O xurado estivo composto polo escritor Francisco Castro, que actuou de presidente; pola escritora Beatriz Fraga; a poeta Dores Tembrás; o crítico literario Ramón Nicolás; e o escritor Álvaro Otero. O prazo de presentación dos traballos para o Premio Literario Escolar Novacaixagalicia, no que podían participar todos os alumnos e alumnas de Galicia que estivesen cursando terceiro ciclo de primaria, eso ou bacharelato, estivo vixente desde o mes de febreiro ata o día 13 de abril. Nestes dous meses e medio en que se abriu a recepción de escritos inéditos e orixinais, chegaron ás oficinas de Novacaixagalicia 371 obras, o cal constata o éxito de participación deste premio literario.”