Arquivos da etiqueta: Amnistía Internacional
Compostela: actividades arredor da exposición Castelao maxistral
Na Cidade da Cultura de Galicia continúase no 2019 coas actividades que están a arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, mostra que permite contemplar por vez primeira en Galicia a A derradeira leición do mestre, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Deste xeito, o 17 de xaneiro esperamos contar contigo nun programa de actividades que poñen o foco no exilio, que marcou o artista e intelectual galeguista e a tantas e tantos do seus coetáneos, xa que foi nesta circunstancia cando pintou o óleo que artella o relato da mostra.
Así, no Museo Centro Gaiás celébrase ese día, ás 20:00 horas, un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) que, baixo o título Os camiños de Castelao, ofrece un repertorio centrado nos países que percorreu na diáspora e no exilio o artista de Rianxo (máis información aquí). E previo a esta actuación, organizouse un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional (toda a información sobre esta actividade, aquí).
Anmistía Internacional Galicia convoca un concurso de microrrelatos en prol da liberdade de expresión
Desde Fervenzas Literarias.
“Que pensas cando ves esta imaxe? Esa é a pregunta á que terán que dar resposta os microrrelatos que participen no I Concurso de Microrrelatos de Amnistía Internacional Galicia, un certame que nace co obxectivo de fomentar a reflexión da cidadanía galega achega do labor de promoción e defensa dos Dereitos Humanos levada a cabo por Amnistía Internacional.
O tema do microrrelato deberá estar baseado nesta imaxe e ter relación directa co dereito á liberdade de expresión. Este microrrelato, que será orixinal, terá unha extensión máxima de 250 palabras (sen incluír o título) e poderá redactarse en galego ou castelán. O prazo para enviar os microrrelatos será desde o 10 de novembro ao 29 de novembro de 2012 (ambos incluídos) e cada autor só poderá enviar un microrrelato. A inscrición pódese realizar desde aquí.
Haberá dous premios: Premio ao microrrelato mellor valorado por un xurado e premio ao microrrelato máis popular. Os microrrelatos colgaranse no Facebook oficial dos Grupos Locais de Amnistía Internacional Galicia (Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo) durante un prazo dunha semana desde a súa recepción, durante a que as/os seguidoras/es poderán votar mediante a opción “gústame”. Aquel relato que máis votos obteña será o ganador. As/os ganadoras/es obterán como obsequio unha escultura en bronce realizada para a ocasión pola artista Cuqui Piñeiro e un lote de libros.” Desde Fervenzas Literarias.
A Coruña: recital poético-musical con motivo do Día dos Dereitos Humanos
O venres 10 de decembro, a partir das 20:00 h., na Biblioteca Miguel González Garcés (Rúa Miguel Glez. Garcés, s/n.) da Coruña, con motivo do Día dos Dereitos Humanos, Amnistía Internacional organiza un acto poético-musical coa participación Yolanda Castaño, Xulio López Valcarcel, Pedro Ramos, Xosé Taboada, Xurxo Mares, Silvia Penide, Paco Campos, Francisco Pillado e Xulio Correa.