Crónica fotográfica da Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras

Estas son algunhas das fotografías da Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras, celebrada o pasado 12 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Como novidade no proxecto Polafías, gravouse en vídeo un roteiro previo con visitas e explicacións por parte de Xosé Manuel Vázquez de dous elementos patrimoniais moi interesantes:
– O cabezón de Ralle, busto con torques de gran tamaño custodiado nunha casa particular, evidente escultura da cultura castrexa, quizais de guerreiro ou divindade.
– Esgrafiados en varias casas de lugares da parroquia, uns recuperados e outros nun proceso claro de deterioración. Os esgrafiados son como encintados nos muros exteriores das casas con vontade artística, nos que poden aparecer figuras xeométricas, humanas e animais.
Despois do xantar interviron:
– Francisco Almuíña, cego que interpretou 3 romances acompañado de zanfona. Ademais contou varias historias de mulleres loitadoras.
– Xosé Manuel Vázquez, quen sintetizou o que se sabe sobre o cabezón e os esgrafiados (é un experto, autor dunha publicación monográfica sobre o tema, ao que enagadiu varias historias de carlistas, bandoleiros e bandoleiras, e mesmo exemplos de obras da comarca erguidas á forza por presos do franquismo.
– A señora Lola, quen, amais dalgunhas anécdotas, recreou o proceso de traballo do liño desde a sementeira ao tecido de diversas prendas.
Antón Cortizas, escritor e actor casual que achegou algún brinquedos e recitados para a cativeria, recollidos por el.
– Tamén participaron representantes dunha asociación local para dar a coñecer o seu traballo.
– A poesía estivo a cargo de dúas poetas residentes no concello: Ana Vila Portomeñe e Ana Rey Goy.

Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras, o 12 de outubro

A Polafía en Taboada. Historias de cabezóns e loitadoras é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co patrocinio da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración do Concello de Taboada e Casa do Romualdo.

Historias de cabezóns e loitadoras

Casa do Romualdo, Vilar, Vilela, Taboada (como chegar)
Sábado, 12 de outubro de 2019 | 17:00 horas | Entrada libre

Coas intervencións de:
Ana Rey Gay
Xosé Manuel Vázquez
Ana Vila Portomeñe
Francisco Almuíña
Anxo Moure e…
veciñas e veciños da contorna

Música:
Francisco Almuíña

Alén da Polafía, é posíbel gozar do seguinte Programa previo:
11:30 Acollida en Casa do Romualdo
12:00 Saída cara a Ralle para coñecer a cabeza do guerreiro de Ralle e os esgrafiados, guiados polo historiador e etnógrafo Xosé Manuel Vázquez
14:00 Xantar en Casa do Romualdo Con reserva previa. Prazas limitadas. Ao facer a reserva comunique intolerancias alimentarias
Prezo por persoa: 16€
Reservas para o xantar: 982 455 010 / 650 226 646


As polafías son un proxecto da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado por Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.