Desde a Fundación Manuel María:
“O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos elixiu por unanimidade a Alberte Ansede como o seu novo presidente, ocupando así a vacante no cargo provocada polo recente falecemento de Saleta Goi, compañeira de Manuel María. A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a Fundación unha vez falecido Manuel María no ano 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria. A Fundación foi constituída e declarada de Interese Galego no ano 2007, adquirindo inmediatamente a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público como Casa-Museo do escritor en setembro de 2013. Desde ese momento deposítase alí e móstrase ás persoas que a visistan todo o legado do escritor, a súa biblioteca, numerosos manuscritos, a rica documentación tanto en soporte de papel como de fotografías, audios, e vídeos ou a colección artística do propio poeta e o seu mobiliario e obxectos persoais.
Alberte Ansede traballou conxuntamente con Saleta na consecución deste obxectivo, e viña desempeñando o cargo de secretario da Fundación desde a súa posta en marcha. O novo presidente é profesor de Filosofía e mantivo desde a súa mocidade unha intensa relación con Manuel María e Saleta, relación que se converteu en íntima amizade unha vez que o matrimonio se trasladou a vivir á cidade da Coruña onde tamén residía o propio Alberte Ansede. Foi precisamente no Teatro Rosalía desta cidade onde o escritor chairego recibiu a súa grande homenaxe en vida, precisamente da man da entidade que presidía Alberte Ansede naquel momento, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
O cargo de secretario vacante pasa a ser ocupado por Antón Laxe, que vén exercendo o traballo de encargado da Casa-Museo Manuel María.
Alberte Ansede manifestou que “o activo máis importante da nosa Fundación é o colectivo de persoas implicadas no seu traballo pois é o que fai posíbel sacar adiante proxectos e iniciativas que van moito máis aló do noso orzamento”. Nese sentido, afirmou, “a miña pretensión non é tanto suplir a Saleta -algo completamente imposíbel- senón contribuír como Presidente a fortalecer a dinámica deste colectivo, única garantía de que a obra de Manuel María siga presente na sociedade galega”. Salientou, ademais, que “o traballo e actitude de Saleta desde o falecemento de Manuel María foi admirábel desde o punto de vista humano e impagábel desde o punto de vista social. Iso foi decisivo para que hoxe a Casa-Museo Manuel María sexa a matriz dun importante proxecto cultural centrado no escritor, mais que vai máis aló del”. Como é sabido, alí celébranse, semanalmente, actividades culturais de música, teatro, cine, maxia; clubs de lectura xuvenil e de persoas adultas ou roteiros de natureza e literatura. A Casa-Museo vén publicando a obra inédita ou esgotada do escritor así como materiais para o ensino e para apoiar as visitas escolares (xogos, lecturas…); convoca concursos escolares de recitado poético e videopoemas así como importantes certames de teatro e de composicións musicais realizados sobre a obra do escritor; celebra o Convívio da Cultura Galega na carballeira emblemática de Santa Isabel en Outeiro de Rei… Todas estas son iniciativas que os novos directivos pretenden consolidar.”
Arquivos da etiqueta: Antón Laxe
A cultura galega conflúe por cuarto ano consecutivo no Convivio en Outeiro de Rei
Desde Sermos Galiza:
““Recuperar o sentido comunitaria das antigas romarías, neste caso da romaxe de Santa Isabel, onde centos de persoas celebraban en torno á carballeira, un día de compartir, de partillar ilusións, un espazo de encontro para a cultura galega”, salientan desde a organización da IV edición do evento que conmemora a figura de Manuel María.
O tecido cultural e asociativo galego confluíu este sábado na Carballeira de Santa Isabel e na Casa das Hortas, sede da Fundación Manuel María, por cuarto ano consecutivo para celebrar o Convivio da Cultura Galega. Unha xornada festiva que busca emular o espírito popular das romarías, coa música como fío condutor, e que ten Outeiro de Rei, vila natal do escritor, como espazo de encontro para creadores e creadoras e para todo o asociacionismo cultural de base que se estende polo país.
Un milleiro de persoas, segundo informa a organización, encheron un ano máis a Carballeira de Santa Isabel, unha paraxe natural “onde as augas do Río Ladra encóntranse coas do Miño” e que conformou un dos espazos físicos e mentais predilectos da vida e obra do artista galego.
“Un día de festa por volta de Manuel María que, para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, gastou, literalmente, ‘o seu corpo nos camiños’ como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo”, salientan os organizadores do Convivio, impulsado desde a Casa-Museo Manuel María xunto á federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela.
“Para nosa sorpresa, despois de que o ano pasado supuxera un salto importante, tamén por ser o ano de Manuel María, o lóxico este ano é que baixara un pouco. Pero non foi así, nótase que o Convivio se consolida. Para nós iso é o máis importante. Incrementouse a participación, tanto en número de grupos que quixeron subir o escenario como da xente que participa no xantar, na festa e nas visitas á Casa-Museo, que non pararon durante toda a tarde”, di Alberte Ansede, representante da Fundación Manuel María.
“É unha mostra de que nos podemos divertir perfectamente coas nosas creacións artísticas, coas nosas creacións musicais, e que non hai que renunciar a unha tradición que é milenaria, que debería ser a protagonista nas nosas celebracións festivas”, reivindica Ansede. “Recuperar o sentido comunitaria das antigas romarías, neste caso da romaxe de Santa Isabel, onde centos de persoas celebraban en torno á carballeira, un día de compartir, de partillar ilusións, un espazo de encontro para a cultura galega, acompañado todo pola música. Manuel María sempre tentou recuperar ese espírito que, pouco a pouco, foi indo a menos e que hoxe queremos reivindicar”, sinala pola súa banda o guía da Casa-Museo, Antón Laxe.
A xornada comezou na Casa das Hortas co acto de acollida a cargo de Pilar García Negro e Alberte Ansede. A pé, saíron camiño a Carballeira de Santa Isabel, con parada no cemiterio onde están os restos do escritor para a habitual ofrenda foral. Actuacións musicais, entre outros da banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e da banda de música de Solfa, e un xantar comunitario amenizaron esta cita da cultura galega, que rematou con xogos populares e unha foliada aberta con actuacións de numerosos grupos musicais.”