A Sega: Letras de muller

ArtigoA Sega en Cultura Galega:
“Este 28 de febreiro cumpriu tres anos de existencia A Sega. Esta plataforma de crítica naceu coa intención de facer visible o traballo das mulleres no campo das letras e de achegar unha perspectiva feminista sobre a nosa literatura. Desde entón, o seu traballo avanzou cara a outros ámbitos como a celebración do Día das Galegas nas Letras. Continuamos a nosa serie sobre a presenza da muller na nosa cultura.
“A iniciativa foi fundamentalmente de María Reimóndez, que nos escribiu un correo a xente da creación e da crítica literaria con certa sensibilidade feminista”, explica Lara Rozados, unha das compoñentes do grupo. “A intención era facer unha plataforma de crítica literaria a través de Internet”. Ao grupo inicial fóronse incorporando novos nomes ata, na actualidade, concentrar colaboracións de Ánxela Lema París, Verónica Martínez, Ana I. Morales, Andrea Nunes Brións, Andrea Ruthven, Eli Ríos, Susana Sánchez Arins, Beatriz Suárez Briones e Lau Ríos, ademais da propia Lara Rozados e de María Reimóndez. No grupo atópanse perfís de filólogas, tradutoras, profesoras universitarias, poetas, xornalistas, e mesmo unha lectora adolescente. O equipo complétase con Lucía López, responsable da programación web.
Necesidade
Segundo explica o propio texto de presentación do colectivo, “A Sega nace do exercicio de observar un panorama da crítica caracterizado polos silencios das voces das expertas, por lecturas sen explicitación da posición, pola falla de análise crítica dos textos das autoras. O tempo é chegado de okupar con enerxía o espazo público para que as lecturas críticas adopten voces ás que non se lles deu ata o momento nin visibilidade nin autoridade”. Segundo explica Lara Rozados, esta problemática non é específica deste ámbito nin da nosa cultura. “No campo literario, ao igual que en moitos outros, a obra das mulleres está infrarrepresentada. É unha parte moi pequena do que se estuda e sobre o que se fai crítica”, explica. “Ademais, as visións sobre as obras escritas por mulleres non teñen unha óptica feminista, senón que parten de visións paternalistas que as ollan como un subxénero ou se campo. Deste xeito, incardínase como literatura de muller unha serie de campos e de tópicos”. Ante esta situación, a necesidade dunha plataforma para potenciar a crítica feminista nas nosas letras “era unha perspectiva totalmente necesaria, non só na literatura, senón tamén na crítica cinematográfica, teatral e cultural en xeral. Do que se trata é de rachar a autoridade patriarcal neste campo, o feito de que en xeral os que opinan e teñen autoridade para o facer son homes. Na academia, entendida no sentido máis amplo, os opinadores seguen a ser homes. Reclamamos o dereito a falar desde nós mesmas e sobre nós mesmas, cunha perspectiva claramente feminista”. (…)”

Compostela: A medida do (im)propio. Galicia ano 3015, coordinado por Claudio Pato

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”As Escritas xogan na aporía, aquilo que pon nun límite ilimitado ao pensamento e á linguaxe” A media do (im)propio. Galicia ano 3015. Nova entrega de Escrita(s) Almaci(gas) que coordina Claudio Pato. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

A medida do impropio

Ánxela Lema: “A crítica na Galiza pon en lugar secundario a literatura feita por mulleres”

DesdeÁnxela Lema Sermos Galiza:
“Este 15 de agosto, María Victoria Moreno será a protagonista da segunda edición do Día das Galegas nas Letras, unha iniciativa do colectivo A Sega para visibilizar o papel das mulleres na literatura galega. Falamos con Ánxela Lema Paris, filóloga e coordenadora do noso vindeiro A Fondo, o último até setembro.
– Sermos Galiza (SG): Por que escollestes a María Victoria Moreno para o Día das Galegas nas Letras?
– Ánxela Lema Paris (ALP): Pois por que non? Na Sega é todo moi voluntario. Sempre nace todo de motivacións que cada unha temos. Xurdiu o nome de María Victoria Moreno como podería ter xurdido o de moitas outras mulleres. E dixémonos, por que non, con toda a contribución que fixo, sobre todo a unha literatura penalizada como é a infantil?
– SG: Dicídelo neste A Fondo: a escolla de María Victoria Moreno é a escolla dun xénero literario menosprazado, a literatura infantil e xuvenil, e dun xénero humano tamén menosprezado, as mulleres…
– ALP: Si, xusto. Ademais é moi atractiva á súa figura tendo en conta a súa orixe, toda a contribución que fixo á literatura galega sen ter nacido aquí. É algo que se invisibilizou moito. Quixémoslle dar un aire de ledicia e de festa á reivindicación da súa figura.
– SG: Por que cres que se invisibilizou?
– ALP: Entran en xogo varias funcións: o feito de ser literatura feita por unha muller e tamén o xénero escollido por ela, dirixido a un público menos académico ou institucional, do que nos medios quizais non se fala tanto, non tan prestixiado como outros xéneros literarios. Quizais por iso non ten o seu recoñecemento a súa figura como escritora como outras mulleres cuxo nome se coñece máis. (…)”

O 8 de marzo como pornocaricatura da muller, por Ánxela Lema París

ArtigoA Sega de Ánxela Lema París en A Sega:
Momento 1
Nesta última semana non deixei de me tropezar con multitute de carteis que anuncian o día da muller do tipo: desconto en sesións de beleza, carteis con imaxes de tacóns de fina agulla, maquillaxes…
A cuestión é que neste clima de performance do que é/representa/quérese facer que sexa ser muller unha repara na comicidade que supón a relación directa entre o martes de entroido que acaba de pasar e o chamamento a investir os nosos corpos dese modelo de muller.
Momento 2
No mesmo día en que vin estes anuncios escoitei na radio insinuar que malia que na España podemos falar de violencia machista non temos que nos alertar porque podemos dicir que contamos con moita mais información que moitos países da Europa e que, ademais, non contamos con índices tan altos de abusos sexuais.
[Pausa]
Quero deixar claro que estaba a escoitar isto mentres estaba a almorzar, é dicir, estaba nese débil momento do día en que a unha aínda lle custa abrir os ollos e no que aínda non sabe moi ben a que mundo pertence. Foi exactamente nese momento no que, ademais, eu cría que era cedo para escoitar cousas que che revolvan o estómago.
[Volvo]
Que quere dicir isto exactamente? Que poder pode ter a (sobre)información neste momento central no que non paramos de ir para atrás? Se ben se considera que acumular información sobre certos aspectos é, sen dúbida, enriquecedor para o noso propio desenvolvemento e posterior evolución isto non deixa de ser, en certos aspectos, algo errado. (…)”