Xurxo Alonso García gaña o Certame poético Rosalía de Castro do Concello de Padrón

Desde o Concello de Padrón:
“O pintor e poeta vilagarcián Xurxo Alonso García é o gañador da décima edición do Certame poético Rosalía de Castro que organiza o Concello de Padrón. Alonso García presentouse ao certame baixo lema Acta de Sospeita cun traballo do que o xurado destacou que se “trata dunha visita renovada a través do xenio epistolar ao horror fascista de 1936”.
Nado en Bos Aires en 1956 e residente en Vilagarcía dende os oito anos, Xurxo Alonso recibirá un premio de 1.500 euros e o seu poema (que se presentou sen título a este certame) será publicado na colección de Poesía Rosalía de Castro do Concello de Padrón.
O xurado destacou que a obra de Xurxo Alonso “está dotada dunha lingua patrimonial moi rica e mantén unhas constantes estilistas de boa factura”, motivo polo que lle concederon este premio nun certame ao que se presentaron outros 43 traballos.
Licenciado en Bioloxía, Xurxo Alonso é pintor e poeta. Como poeta é autor de nove libros e recibiu, entre outros, os seguintes premios: Avelina Valladares, Johán Carballeira, Francisco Añón, Bouza-Brey, Concello de Carral, Cidade de Ourense, Díaz Castro, Torre de Caldaloba e Lueiro Rey.
Como pintor, Alonso García realizou máis de setenta exposicións individuais e obtivo premios como a Bienal Cidade de Pamplona, Bienal de Pontevedra, Premio Gredos e Bienal Eixo Atlántico.
O xurado deste X Certame poético Rosalía de Castro reuniuse na casa consistorial de Padrón, presidido polo alcalde, Anxo Arca. Forman parte do mesmo Anxo Angueira, profesor titular da área de Filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Vigo, presidente da Fundación Rosalía de Castro e académico da Real Academia Galega; Manuel Lorenzo Baleirón, escritor e mestre no IES Macías o Namorado de Padrón; Miriam Ferradáns Ferradás, poeta e graduada social; Inés Mosquera Calvo, tradutora, intérprete e escritora, e Rita Bugallo González, escritora e profesora de educación secundaria de Lingua galega e literatura. Actuou como secretaria, con voz pero sen voto, a animadora cultural do Concello de Padrón, Beatriz Lorenzo Vázquez.”