Carlos Penela, vigués do ano 1975, é o gañador da XVII edición do Premio de poesía Miguel González Garcés que convoca a Deputación da Coruña.
Así o decidiu o xurado, reunido o xoves 19 de xuño na sede da institución provincial, tras valorar “o rigor na elobración do conxunto, a súa capacidade de reflexión metapoética e de aprehensión do mundo pola linguaxe, con moi suxestivas referencias culturais da tradición europea”.
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Arte de fuga, é licenciado en Filoloxía portuguesa pola USC e actualmente vive en Viena. Ademais de escribir, dedícase tamén á tradución e á docencia.
Entre o seu currículo destacan o Premio Espiral Maior de Poesía en 1997, o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2000 ou o accésit do Premio Esquío de poesía no 2004. Ademais, no ano 2007 gañou o Premio de poesía Caixanova coa obra Sombras, rosas, sombras.
Agora, como gañador do Miguel González Garcés, recibirá 6.500 euros e a edición da obra.
Os membros do xurado decidiron tamén designar como finalista ao poeta e artista plástico de Celanova Baldomero Fernández Ramos, coñecido como Baldo Ramos, pola obra Amado estranxeiro. Este último será recoñecido coa edición dunha obra que, segundo reflexa a acta de concesión do premio, destaca “pola súa capacidade de sorpresa no uso da imaxe, pola perspectiva equilibradamente visionaria e o seu sentido rítimico”.
O xurado do premio de poesía que convoca a Deputación estivo presidido por Mariel Padín, vicepresidenta primeira da institución e responsable da área de Cultura, e comisariado por Xavier Seoane. Tomaron parte tamén nas deliberacións Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramón Neto, Henrique Rabuñal, Manuel Forcadela e Alexandre Nerium.