Chelo Suárez: A violencia e o terror

Entrevista a Chelo Suárez en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Salientas moito a idea de que o golpe e a guerra foron froito da ignorancia e do fanatismo…
– Chelo Suárez (CS): Foron uns cantos os que deron o golpe, e moitos outros os fanáticos que o secundaron. Foi unha guerra cainita. E creo que canta máis ignorancia haxa máis doado será que se obedeza, que non se faga fronte, a xente como a que causou a guerra.
– GH: Pero non hai que caer no discurso da guerra das pelexas por envexas entre veciños, non si?
– CS: Non, claro, a guerra tivo un fondo político, e na novela vese como hai xente detida polas súas ideas republicanas… Pero tamén é certo que houbo xente que aproveitou para a vinganza, e xente que se beneficiou coa guerra, como os estraperlistas que especulaban coa fame.
– GH: Hai tamén unha pegada da túa poesía, partes bastante líricas aínda que sexa prosa. E tamén está presente a sensualidade como en Corpo de mar ou A venus de Cristal.
– CS: Si, neste libro está a sensualidade da fraga, ou a dos rapaces namorados, ou a de Laura e Estela. A sensualidade está na natureza, nos animais, e por suposto, e onde máis, nos humanos. A lírica pódeme, non hai bo libro que non teña algo de poesía. (…)
– GH: Estase a escribir moito sobre a guerra, non si?
– CS: Si, pero eu non entendo as persoas que din “outra novela sobre a guerra civil!”, como se fose todo redundancia. Creo que queda aínda moito que dicir sobre a guerra, e que un non debe calar. Só a verdade poderá curar as feridas.”

Sotelo Blanco publica as obras premiadas no Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta do 2010

A Editorial Sotelo Blanco publica os libros premiados na edición do 2010 do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey: As horas rotas, de Chelo Suárez Muíños, e A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño), de Juan Tallón, finalista do Premio.

Chelo Suárez gaña o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey

Chelo Suárez obtivo o Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey coa obra As horas rotas. O escritor e profesor Manuel Quintáns presidiu o xurado, formado polos críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez, a autora Ánxela Gracián -que actuou nesta ocasión por delegación da editorial Sotelo Blanco- e a escritora An Alfaya, que resultou gañadora da edición anterior coa obra Areaquente. O concelleiro de cultura do Grove, Antón Mascato, actuou ademais como secretario, con voz e sen voto. O xurado do certame resaltou que se trata dunha novela “de contexto da guerra civil española pero no que destaca a poética coa que é tratada dende o punto de vista dunha muller que padece as consecuencias do inicio da guerra civil, vendo como se tronzan as súas esperanzas e ilusións; e dende o punto de vista dun guerrilleiro que entrega a súa vida no que considera unha causa xusta”. Manuel Quintáns, presidente do xurado, destacou o lirismo da obra así como a súa capacidade para “atraer o lector dende o primeiro momento”. Segundo lle indicou a este xornal, a novela “está moi ben narrada en galego, cun sentido poético claro e con personaxes moi ben definidos”. O premio está dotado con 3.000 euros, e a obra gañadora será editada por Sotelo Blanco. O número total de orixinais presentados foi de 26.
A nova aparece recollida nos seguintes medios: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, La Voz de Galicia)