Carme Fernández Pérez-Sanjulián: “É envexábel a teoría e a acción das Irmandades”

Entrevista a Carme Fernández Pérez-Sanjulián en Sermos Galiza:
“A profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández Pérez-Sanjulián vén de presentar, como coordinadora, o volume As Irmandades da Fala, cen anos despois, impulsado polo grupo ILLA (Investigación Lingüística e Literaria Galega).
Recoñecida investigadora, o seu traballo céntrase no estudo da literatura galega e portuguesa dos séculos XIX e XX, así como nas relacións entre os discursos literarios, culturais e políticos, sobre todo, a respeito da identidade e da construción nacional.
– Sermos Galiza (SG): O volume que coordinas ofrécenos unha visión holística ou totalizadora das Irmandades da Fala. Como o concibistes desde o grupo ILLA?
– Carme Fernández Pérez-Sanjulián (CFPS): Concibimos o libro como unha obra interdisciplinar para poñermos de manifesto o carácter integral e totalizador do labor das Irmandades que, obviamente, non se limitou ao campo literario ou ao lingüístico. As Irmandades son como a base, o programa a partir do que se organizan múltiples liñas de traballo en moi diferente ámbitos… é importante, por exemplo, analizar como a introdución da lingua galega no ámbito científico tivo a ver co labor das Irmandades.
– SG: Nesa interdisciplinariedade foi fundamental o grupo de autoras e de autores.
– CFPS: A preparación deste libro enmárcase na proposta inicial, que xorde desde o Museo do Pobo Galego, para coordinar e organizar as actividades polo Ano das Irmandades. Foi unha convocatoria xeral dirixida a todo o tecido cultural galego en sentido amplo, e tamén ao académico, para intentar artellar o máis posíbel as actividades, para evitar duplicidades… e coordinar esforzos A esa reunión, para alén de institucións, fundacións… foron convocadas as universidades, sobre todo, os departamentos de Filoloxía Galega, así como o de Historia Contemporánea da USC. E das tres universidades, só respondemos nós, o noso grupo de investigación. Así, a Universidade da Coruña, a través do grupo ILLA, implicouse activamente na organización do simposio Repensando Galiza que tivo lugar en novembro e, xa de modo máis específico, na organización deste volume de estudos. (…)”

Entrevista a Carme Fernández Pérez-Sanjulián sobre As Irmandades da Fala, cen anos despois

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Carme Fernández Pérez-Sanjulián, coordinadora do volume As Irmandades da Fala, cen anos despois do grupo ILLA de Investigación Lingüística e Literaria Galega. “Foise consolidando a idea clara de que as Irmandades non son só o momento fundacional, senón que funcionan como organizadoras da actividade cultural e ideolóxica, como magma de fondo, entre o 1916 e o 1931”. Pode escoitarse a entrevista aquí.”