O sábado 19 de decembro, ás 13:00 horas, no claustro do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n), terá lugar un acto para rememorar o aniversario da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela en 1483, probablemente acontecida en Mondoñedo o 3 de outubro dese ano, organizado conxuntamente polos colectivos culturais “Cultura do País”, “Mádia Leva” e “Carneiro Alado”.
O marco escollido está a carón de onde se exhibe a denominada ‘Mariscala’, “cadea grosa e forte” coa que estivo preso P. Pardo de Cela, e onde tamén se exhibe o seu escudo de armas. Intervirán Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, e o escritor e académico da RAG Darío Xohán Cabana. A entrada é libre e gratuíta.