Desde
o Observatorio da Mariña pola Igualdade:
“A Axenda Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade para o 2015 está adicada ás Poetas Galegas. Un ano máis escollemos un ambito cultural para visibilizar e valorar o traballo de doce mulleres galegas, unha por cada mes do ano. Se no 2012 foron as músicas, no 2013 as escritoras e no 2014 as teatreiras, para este 2015 que está a piques de comezar queremos render homenaxe ás nosas poetas. As poetas e a poesía, capaces de rachar as lindes da norma e de estourar ceibes en todos os espazos.
Porque, contra todo prognóstico, é posible construír, crear, dicir. Desde a rebeldía. Por iso, para este 2015, estarán con nós as palabras de Luz Pozo, Pilar Pallarés, Xiana Arias, Yolanda Castaño, Lara Rozados, Andrea Nunes, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní, Chus Pato, Eva Veiga, Berta Dávila e Olalla Cociña. Están porque é necesario dicir o crac, poñer palabras ao que se rompe, falar desde a fenda, medir a fractura e as consecuencias, o seu centro e a súa expansión. Están porque nos son máis precisas que nunca novas chaves para abrir as nosas vidas, palabras que nos atravesen e nos removan, lentes coas que mirar o que nos rodea e a nós mesmas. Precisamos recuperar a palabra e cargala outra volta de significado, facela luz coa que prender os tempos escuros que estamos a vivir.
Coma sempre, na Axenda Feminista 2015 atoparedes fotos e textos inéditos das doce mulleres bravas que a protagonizan, así coma a súa bio-bibliografía coa principal obra en galego, o calendario menstrual 2015 ou datas sinaladas dos movementos feministas. O formato é o mesmo que os últimos anos: tamaño A5, cosida, tapas duras con goma para pechar e cinta para marcar o día desexado.
Para facervos coa vosa Axenda Feminista 2015 sobre Poetas Galegas acudide xa, antes de que se esgoten, a un dos seguintes puntos de venta:
– Ribadeo: Libraría Casa das Letras e Tenda de Calidade Guidán.
– Foz: Libraría Bahía.
– Burela: Libraría Espacio Lector Nobel e Papelería Atril.
– Viveiro: Libraría Porta da Vila.
– A Coruña: Libraría Suevia.
– Santiago de Compostela: Librería feminista Lila de Lilith e Libraría Pedreira.
Tamén podedes poñervos en contacto con nós no mail observatorioigualdade@gmail.com ou no teléfono 627.037.668. O prezo son 12 euros (10 para soci@s do Observatorio). Enviámosvos a axenda por correo postal (+2€ de gastos de envío) a onde nos digades!
Na axenda colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e o ribadense David Ribas Pena, encargado do chulísimo deseño da cuberta.
Bulide a pola vosa Axenda Feminista 2015!
Arquivos da etiqueta: Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
Publicado o novo número da revista Escrita Contemporánea, coas actas da VII Xornada de Literatura de Tradición Oral
Publicouse
un novo número da revista da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Escrita Contemporánea, coas actas da VII Xornada de Literatura de Tradición Oral e título Amuletos e reliquias. Usos e crenzas, que xa pode ser consultada en liña aquí.
Eli Ríos gaña con Remexido de patacas o premio Modesto Rodríguez Figueiredo
Desde
Faro de Vigo:
“A escritora galega nada en Londres, Eli Ríos, coa súa obra Remexido de patacas, foi a escollida como gañadora do certame galego de narracións breves Premio Modesto Rodríguez Figueiredo tras o fallo do xurado reunido o sábado 27 de decembro en Catoira. O premio, organizado pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro coa colaboración, nesta corenta edición, do Concello de Catoira.
O xurado estivo presidido por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro. Actuou como secretario o escritor David Otero. Tamén participaron no veredito os escritores Antonio Reigosa, Isidro Novo, Anxos Sumai e o crítico literario Armando Requeixo, en representación das diversas institucións que colaboran como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o PEN Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, Concello de Catoira e o Pedrón de Ouro.
A obra gañadora levará 1000 euros, que nesta ocasión recaerán en Eli Ríos. O xurado, e dada a alta calidade estimada nos textos presentados, decidiu conceder tamén dous accésit, dotados de 400 euros cada un, ás narracións Boxcar blues, do ribeirense Antonio Piñeiro, e a Gran Sol, do compostelán César Carracedo.
O acto de entrega terá lugar o sábado 17 de xaneiro no concello catoirense.”
O Carballo do compromiso e a fe continúa vivo no corazón de Maceda
Desde
Sermos Galiza:
““A semente non caeu nas pedras, senón no rego”, era unha frase que a Francisco Carballo lle gustaba repetir e tamén se sentiu na homenaxe que este sábado se lle rendeu en Maceda, o seu concello natal. A semente agromaba na voz de todas as persoas que construíron o seu perfil de home de principios, con rexo compromiso nacionalista e coa vontade e a ilusión nunha Galiza liberada que conservou até o fin dos seus días.
Co Salón Multiusos do Concello de Maceda completo e todos os lugares ocupados, a primeira homenaxe póstuma a Francisco Carballo percorreu todas as facetas da súa figura, completando o retrato do home de sólidos e inquebrantábeis principios, aberto e comprensivo coas diferencias, comprometido nas organizacións que pulan por unha Galiza liberada e con enerxía para tirar por iniciativas e proxectos que contribuísen a o anceio dun país de seu, sen subordinación.
Da semente que Carballo plantou na vida estaba composto o auditorio de Maceda, de veciños e veciñas da súa terra de orixe e tamén de persoas que foron cadrando canda el no transcorrer da vida, de maneira máis intensa na súa actividade pública e comprometida co nacionalismo e o activismo cultural e social. Desa figura ampla e xenerosa deu conta o vídeo Francisco Carballo, sempre no corazón que, con guión e elaboración do xornalista Xan Carballa, traería de novo as reflexións e a serenidade da fala do historiador nacionalista por medio, principalmente, das súas propias palabras. Sería o propio Xan Carballa quen lembraría aquel activismo de Carballo que o levou a traballar arreo polo proxecto de A Nosa Terra, que partillaron durante tantos anos, no que tamén foi testemuña de como nucleou o grupo de historiadores entre os que se atoparon Luís Obelleiro, Bieito Alonso, Dionísio Pereira, Anselmo López Carreira ou Francisco Calo e que tiñan como obxectivo, desde o relato histórico, darlle a volta á visión que, desde o poder, se daba da Galiza contribuíndo así a loitar contra a imposición dun carácter subalterno. Carballa lembrou tamén o ilusionado coa creación de Sermos Galiza da que lle falou a última vez que o topou en Vigo, co entusiasmo que camiñou con el durante toda a súa vida e que o levou a comprometerse, xa nos seus últimos anos, co proxeto de Sermos Galiza.
Achegouse o xornalista e editor a esa face máis humana e persoal que estivo presente durante toda a homenaxe, de maneira especial na intervención da súa sobriña Milagros Calvo que destacou o carácter rompedor e revolucionario de Carballo, mesmo á hora de morrer. Milagros lembrou que, mesmo as dificultades, cumpríronse os seus desexos para despois da morte, ser incinerado -o primeiro dos paules que o fai- e que as cinzas se depositaran no cemiterio de Asadur, á beira da nai. A sobriña destacou que, malia non ser ela crente, nunca tivo o maior problema de entendemento co seu tío, un home aberto que, a pesar das diferencias, entendía as distintas opcións con respecto á fe.
Da súa beira compartindo crencias situaríase o presbítero Manuel Peleteiro, alumno seu de cando chegou a Salamanca. Peleteiro lembrou o episodio do debate teolóxico no que un grupo de alumnos, procedentes de Mondoñedo, cuestionaron o tema da inculturación, que el defendía desde a propia igrexa. A súa era unha visión aberta e transformadora, defensora dos oprimidos e liberadora, distinta á da xerarquía que se había de impoñer no poder eclesiástico, como lembrou o seu antigo alumno.
Home de ideas claras e rexas, que defendeu até o seu último día, Francisco Carballo foi tamén militante nacionalista e comprometido co BNG desde a súa fundación. Foi o voceiro nacionalista, Xavier Vence o que destacou esa faceta súa de lealdade e traballo organizativo que se iniciou coa participación na fronte cultural da ANPG e que o levou a se posicionar activamente como candidato en distintos procesos electorais e activista social e cultural. Cesáreo Sánchez, a través dunha intervención gravada dado que nesta xornada se atopaba fóra de Galiza, achegou o seu perfil de home de letras polo que foi recoñecido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co premio “Bos e Xenerosos”.
A presenza dos textos do propio Carballo foi continua nun acto que Santiago Prol, amigo e coñecedor a fondo da súa biografía e a súa obra, deseñou á medida da súa figura. Prol é autor, canda Xan Carballa, do libro Conversas con Francisco Carballo (A Nosa Terra) e foi o condutor e organizador da homenaxe.
No acto interviron tamén o alcalde e o ex-alcalde de Maceda, Xabier Oviedo e Bieito Seara. Oviedo agradeceu a organización do acto convocado polo propio concello e evocou a última visita que lle fixeron a Carballo desde Maceda a Salamanca no mes de maio. O que fora alcalde do concello remontouse aos seus primeiros mitins no concello e como regresou ao lugar no que nacera para colaborar a organizar o nacionalismo. Lembrou Bieito Seara que unha das primeiras iniciativas que botou a andar ao chegar a alcalde foi o recoñecemento de Francisco Carballo no concello no que nacera. E por iso a biblioteca leva o seu nome e tiña a condición de fillo predilecto de Maceda. O acto, como tantos nos que participou, rematou co canto do himno galego.”
A Coruña: Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto
O
Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, dentro da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, co patrocinio de Gadis, é un convite a desenvolver a creatividade literaria de cada un de nós.
Xurxo Souto insiste nos argumentos que lle son máis queridos: A Coruña e o Mar. Unha descuberta de dúas facianas desta cidade-barco, mediante dúas rutas ben diferentes cara o noso espazo interior:
A cidade é un libro que se le camiñando
Sábado, 13 de decembro
Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes, ou como a Cidade Vella e a Peixaría están inzadas de referencias náuticas que hoxe xa non sabemos ver.
Saída ás doce da mañá, dende o “Pórtico de San Andrés”.
Sábado, 20 de decembro
A toponimia das pedras percebeiras da península da Torre, ou o encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade.
Saída ás doce da mañá, dende o cargadoiro de pedra da Praia de Santo Amaro.
O obxectivo final deste obradoiro será realizar dentro dunhas semanas un recital ou lectura pública dos textos que xurdan tras destas dúas viaxes. Máis argumentos para seguir conformando (polo rego de Urbano Lugrís, Monterroso Devesa ou Luísa Villalta) a gran rapsodia da cidade-barco.
Cómpre acudir con papel e lapis, e en disposición de escribir e debuxar camiñando. En caso de que o mal tempo non permitise realizar estes paseos, as sesións do obradoiro desenvolveranse no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16)
Para persoas a partir de 16 anos.
Inscrición no 981 133 233 ou oficina@aelg.org
A Coruña: V Día Lugrís, o sábado 20 de decembro
O
sábado 20 de decembro terá lugar na Coruña o V Día Lugrís, organizado polo Colectivo literario In nave civitas, en colaboración coa A. C. O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Este é o programa previsto:
– 17:00 h. A arribada do grafiti (Praza José Sellier).
Solemne e lírica inauguración do grafiti que recrea unha obra de Urbano Lugrís na Praza de José Sellier, cerna da Coruña lugrisá, seguido do tradicional Obradoiro de Paraugas Pintados (Praza José Sellier). Xuntarémonos para decorar os nosos paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas. (Que cada quen leve o seu paraugas, as súas pinturas e toda a súa imaxinación)
– 17:45 h. Manifestación atlántica e surreal (Praza de José Sellier-Xardín de San Carlos).
Cos nosos paraugas pintados e unha serpe mariña seguiremos as alancadas diurnas e nocturnas do pintor do mar até atoparnos con a outra metade de Ulyses Fingal: Antón Avilés de Taramancos.
– 18:30 h. Recreación do intre no que Antón Avilés de Taramancos coñeceu a Urbano Lugrís (Xardín de San Carlos).
Coa participación de todo o público asistente e Anxo Angueira.
– 18:45 h. Manifestación atlántica e surreal (continuación) (Xardín de San Carlos – Praza do Papagaio)
Segunda parte da marcha na que chegaremos até o Papagaio, seguindo os cantos de tritóns e sereas.
– 20:30 h. A habitación do vello mariño (Monty Ambigú)
Recital poético mariñeiro na memoria e honra do Noso Señor Lugrís polos vates mareiros Manuel O’Rivas, Serafín Mourelle e Xosé Iglesias.
Todos os actos deste V Día Lugrís son abertos.
Prégase que quen a tivera acuda cunha corna mariña para axudar a encher de sons atlánticos esta xornada e invitamos a que participedes nos actos disfrazados dalgunha das personaxes dos cadros do gran pintor sur-marino.
Xa somos aelg.gal
A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés
O
venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:
– Luz Pozo Garza.
– Xulio López Valcárcel.
– Lino Braxe.
– Olga Patiño.
– Miguel Mato Fondo.
– Estíbaliz Espinosa.
– Manuel Rivas.
– Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Ánxeles Penas.
– Xavier Seoane.
– Manuel Álvarez Torneiro.
Coa música de César Morán e Xosé Taboada.
MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.
Identidade e memoria: A sección de Literatura de Tradición Oral da AELG
Artigo
de Antonio Reigosa publicado na Asociación de Profesionais da Narración Oral en España:
“Os gregos cando consultaban o oráculo de Trofonio tiñan que beber en primeiro lugar da Fonte do Esquecemento (Lete) para borrar da memoria todo canto lles pasara anteriormente na vida. A continuación entraban nunha cova onde experimentaban o pánico que produce o transo da vida á morte, para a continuación recuperar o visto e o vivido bebendo auga da Fonte da Memoria (Mnemósine). Ese horror transitorio que se apoderaba do consultante do oráculo cando se desprendía da memoria (lémbrese o mito do Río do Esquecemento acontecido no noso Limia) representa a necesidade humana de ter lembranzas dun pasado para conformar unha identidade no presente.
Mais esquecemento e memoria, sendo contrapostos pois un inhibe ao outro, son valores aliados e complementarios. Non todo debe fiarse á memoria nin todo debe entregarse ao esquecemento. Como na Cova de Trofonio, a experiencia debe ser o árbitro que concilie un desexable equilibrio entre unha e outra facultade.
A memoria é, xa que logo, imprescindible pero, como dicía Nietzsche, fiar todo á memoria pode matar. A memoria é fráxil, voluble, alterable e vulnerable, e, a pesar de todo isto, constitúe a argamasa imprescindible da nosa identidade.
A memoria e a identidade son representación subxectivas da realidade, mais, coidado coas fontes da memoria. Non é o mesmo alimentar a memoria lendo textos de historia, escritos para que os sucesos do pasado, como afirmaba Heródoto, non queden no esquecemento, ca beber directamente da memoria viva, froito das experiencias e da tradición.
Esta é unha das grandes razóns, non a única, pola que o Consello Directivo da AELG decide aló polo ano 2006 crear nun primeiro momento unha vogalía e logo unha sección de Literatura de Tradición Oral.
Hai outras razóns, evidentemente. Sabemos que a memoria popular e a memoria das elites, que sempre se preocuparon por conveniencia pola conservación da súa memoria de clase, non son as mesmas.
Os historiadores e os arquivos apenas reparan nas memorias da xente do común así que a conformación da nosa identidade como galegos e galegas non pode depender só das interpretacións, máis ou menos certeiras, dos historiadores que desde este ou outro presente indagan e interpretan un pasado máis ou menos recuado. Os saberes que se acumulan na memoria viva da xente e nas súas tradicións, no que se lembra e representa do pasado máis próximo, ten significado no presente e, por tanto, utilidade para o inmediato futuro.
Aos poucos, paseniño, nestes anos fomos poñendo en marcha proxectos de investigación e divulgación como as Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que se veñen celebrando en Lugo desde o ano 2008. Creamos as Polafías, un proxecto que, inspirado nos antigos costumes de reunión para contar ou cantar (polavilas, fías, seráns …), nos leva agora por aldeas, parroquias e vilas para, coa axuda indispensable de moitos colaboradores, motivar a recuperación da transmisión de historias, contos, lendas, romances, músicas ou historias de vida. Das vinte e tantas gravacións destas sesións naceu o arquivo da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que conta agora mesmo con máis de 500 vídeos accesibles libremente para quen o desexe.
E outra consecuencia máis deste proxecto, o arquivo e os premios “Mestres da Memoria”, cos que tratamos de detectar e recoñecer como se merecen aqueles homes ou mulleres que nos amosan un grao de excelencia na transmisión dos saberes propios da nosa cultura popular. Así mesmo, botamos andar os Obradoiros de Narración Oral, unha variante especializada da Escola de Escritor@s da AELG que conta con moita aceptación. A estes habería que engadir outros proxectos menores como a revista oral Letra das Festas, que se desenvolve en Lugo como un acto máis do programa de festas de San Froilán desde o ano 2011.
Con estas e outras actividades son moitos os colectivos e persoas relacionados co estudo, investigación e recreación da tradición que participan dos nosos proxectos. Unha comuñón de intereses e obxectivos que nos fortalece a todos, que nos dá esperanza e ánimo para non perder o paso, nestes tempos nos que calquera descoido pode derramar de vez e para sempre as formas culturais que nos identifican e ata a mesma lingua na que se expresan e transmiten.
A sección de literatura de Tradición oral da AELG procurou desde os inicios da súa andaina crear espazos, desenvolver proxectos onde a memoria viva e a identidade que nos é común a galegas e galegos se manifeste, a ser posible, de viva voz. Cremos na oralidade como soporte de comunicación básico, primordial, onde a nosa lingua resiste, moito máis liberada de prexuízos que noutros ámbitos os embates do desprezo da cultura oficial. Cremos na literatura popular de tradición oral e nos que a aprecian, recrean e transmiten, pois sen eles, a nosa lingua tería morto hai xa moito tempo.
Cremos, en resume, que a auga da Fonte da Memoria adormece os efectos sempre perigosos da outra auga, da que gurgulla da Fonte do Esquecemento.”
“Na mesa de debate A crítica literaria en Galicia, no Culturgal 2014″, por Ramón Nicolás
Crónica
de Ramón Nicolás arredor do encontro sobre A crítica literaria en Galicia, proposto pola Sección de Crítica Literaria da AELG, desde o blogue Caderno da crítica:
“Resultou, ao meu ver, moi interesante e suxestiva a mesa de debate que se celebrou onte sobre a crítica literaria en Galicia, nun espazo que Culturgal brindou á Sección de Crítica da AELG, organizadora do evento. Os adxectivos veñen ao fío de que o encontro, alén de cumprir co obxectivo de visibilizar a existencia da devandita sección, posibilitou un intercambio de opinións, de perspectivas e puntos de vista sobre parte da crítica que se fai en Galicia e, ademais, tal e como desde o Culturgal se sinalou, contribuíu a desvelar as caras da crítica, cando menos algunhas delas.
A intervención inicial, que correspondeu a Roberto Pascual, comezou facendo referencia ao feito de que a tarefa crítica non remata na lectura individual. Ao seu ver, a crítica, entendida como creación, posúe unha función que vai máis alá do factor puramente mediador e informativo, engadindo que no caso da crítica teatral posúe a especificidade dun ámbito receptor particular que, no caso das críticas a espectáculos, se estende ás compañías teatrais e mais ao ámbito pedagóxico. Non faltaron as referencias á marxinalidade da crítica teatral nos medios, salientando a relevancia do papel que desempeña neste ámbito unha publicación como é a Revista Galega de Teatro.
Montse Pena, que viña tamén de presentar a revista dixital Criaturas, dirixida por Ledicia Costas e Daniel Landesa, da que forma parte do consello da redacción e que recomendo vivamente visitar, articulou a súa intervención partindo dunha posible definición da práctica crítica, acreditando na persecución dun obxectivo como é o de realzar a función estética do que se escribe e comunica. Nucleou, asemade, o seu discuso no que atinxe á crítica da LIX, sendo consciente de que escribe para persoas mediadoras e non directamente para a infancia. Concluíu, tras a referencia cumprida de onde ler crítica de LIX en Galicia, abrazando a intención de se presentar como unha “incitadora a ler”, lectura que debe ser inoculada, claro é, coa sedución pois tal e como Pennac deixou dito: “o verbo ler, como o verbo amar, non soporta o imperativo”.
Mario Regueira, pola súa parte, centrou boa parte da súa intervención en compartir unha reflexión sobre a autonomía real da crítica en Galicia, aludindo á súa propia experiencia como crítico, con periodicidade semanal nos dous últimos anos desde as páxinas de Sermos Galiza, e o que isto conleva como a procura dunha representación paritaria no que se refire a xéneros literarios e non só. Ao tempo, insistiu na necesidade de realizar unha autocrítica desta ocupación, apelando á necesidade de obxectividade e argumentación no traballo crítico, algo ben difícil -sobre todo o primeiro- ao facelo nun país non que non é difícil atoparse, antes ou despois e indefectiblemente, a quen se critica.
Lara Rozados fixo un repaso pola filosofía de traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, plataforma que abraza o feminismo como marco de traballo e perspectiva de análise. Rozados desvelou parte dos obxectivos que se perseguen colectivamente como son “okupar” o espazo crítico para encher invisibilizacións nun ámbito dominado polo patriarcado, intervir con actividades que xeren debate e poñer en cuestión temas e perspectivas. Aludiu, asemade, á dinámica interna e colaborativa das publicacións da plataforma que pasan con anterioridade por un proceso horizontal de peneira, comentario e debate interno antes de saír á luz: un modelo que posibilita un proceso de aprendizaxe e debate para ir tecendo redes neste ámbito. Concluíu explicando o sentido de iniciativas como Día das Galegas nas Letras e os contidos que ata agora se deron coñecer na devandita plataforma.
Un diálogo, tamén enriquecedor, entre o público asistente e as persoas participantes pechou un acto que, de podermos desde a Sección de Crítica da AELG, repetiremos se se dá a ocasión. Grazas a todas e todos por compartir experiencias e reflexións.


