A Coruña: presentación dos 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta o venres día 1 de xuño ás 19:30 horas, no xardín de San Carlos da Coruña, os 50 carteis conmemorativos do cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas. Co fin de achegar a un público amplo a dimensión e significado do 50 aniversario do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega desenvolveu unha serie de actividades celebratorias ao redor desta data. Entre elas a elaboración de cincuenta carteis, cada un deles dedicado a unha das figuras homenaxeadas durante estes cincuenta anos, de Rosalía a Paz Andrade. Para levar adiante esta iniciativa contouse coa colaboración desinteresada e xenerosa de varios colectivos profesionais e dos seus asociados:
– A Asociación Galega de Deseñadores (DAG). Entidade que encomendou entre os seus asociados a realización das cincuenta pezas.
– A Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) encargoulles a cincuenta escritores/as a redacción de cincuenta frases que se incorporaron a cada un dos cincuenta carteis.
– A Asociación Galega de Artes Gráficas realizou a impresión dos carteis.
– Torras Papel forneceu o papel.
– A Asociación Galega de Editores asumiu a distribución das coleccións de carteis en librarías e bibliotecas.
– A Federación Galega de Libreiros comprometeuse a promover desde as librarías a difusión dos carteis.
– A Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia e ANABAD-Galicia promoven a difusión dos carteis e organizan actos relacionados coa efeméride.

O acto contará coa intervención de escritores e deseñadores participantes, así como cos representantes das asociacións que promoven o proxecto. Pecha o acto o Presidente da Real Academia Galega, D. Xosé Luís Méndez Ferrín.