Bases do XIV Premio de Poesía Johán Carballeira

CONCELLO DE BUEU
XIV PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA
B A S E S

1. Poderán concorrer a el tódalas autoras e autores que presenten os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización).
2. Presentaranse 3 copias en tamaño folio, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. Estas deberán vir identificadas cun lema. Xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá os seguintes datos: nome e apelidos do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
3. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación “XIV PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA” e sen remite, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra).
4. O prazo de presentación dos orixinais remata o 15 outubro de 2010.
5. O xurado estará composto por tres persoas vinculadas á literatura galega e máis un/ha secretario/a.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 €, contía á que se lle aplicarán as retencións fiscais oportunas. Inclúe ademais a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Bueu. En todo caso, o premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
7. A resolución do premio terá lugar a finais do mes de decembro. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
8. As obras devolveranse por correo postal ás autoras e autores que o soliciten no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da resolución do xurado. Os traballos non reclamados en prazo serán destruídos.
9. O Concello de Bueu resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada, en tódalas linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor/a renuncia a favor do Concello, na 1ª edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existiren posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o “XIV Premio de Poesía Johán Carballeira”.
10. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.
Máis información: SERVIZO DE CULTURA DO CONCELLO DE BUEU, telf. 986324338, correo electrónico:  cultura@concellodebueu.org ou na páxina web do Concello: www.concellodebueu.org.

Pódense descargar as bases aquí.