Desde a Fundación Plácido Castro:
“As obras premiadas son unha tradución da obra The Year of Magical Thinking, de Joan Didion e o clásico Código de Hammurabi, obra fundamental na historia da humanidade
Reuniuse o 7 de setembro en Cambados o xurado da XXIª edición do Premio Plácido Castro de Tradución, integrado por D.ª Ánxela Gracián (Xunta de Galicia), Dª. Beatriz Fariñas (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), Dª. Andrea Fernández Maneiro (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Dª. Ana Luna Alonso (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xosé Antón Palacio Sánchez (Real Academia Galega), D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgar ex aequo o premio Plácido Castro 2022 á tradutora Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking, de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, pola obra Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica.
No caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de aparencia sinxela pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salienta tamén a elegancia da tradución, por outra banda tan efectiva como a orixinal.
No caso de Xosé Antón Parada Fernández, destaca a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade. (…)”
Arquivos da etiqueta: Beatriz Fariñas
María Alonso Seisdedos, gañadora do Premio Plácido Castro de Tradución na súa vixésima edición
Desde a Fundación Plácido Castro:
“Reuniuse o 2 de setembro en Cambados o xurado da XXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución, integrado por D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), Dª. Beatriz Fariñas (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), D. Ramón Caride Ogando (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), D. Alberte Álvarez Lugrís (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.
Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgar o premio Plácido Castro 2021 á tradutora María Alonso Seisdedos pola obra Canto jo i la muntanya balla/Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá.
O xurado salientou o valor da novela, de aparencia sinxela pero de construción complexa, con pluralidade de voces narrativas, que sinala unha perfecta adaptación dos rexistros da lingua de orixe, reflectindo a súa oralidade con altas doses de precisión. Así mesmo, destaca que logra manter o ritmo da narración respectando a atípica puntuación do orixinal. (…)
A cerimonia de entrega do premio terá lugar o próximo 30 de setembro, Día Internacional da Tradución, no concello de Vilagarcía.”