Cee: mostra bibliográfica sobre Concha Blanco na Biblioteca Pública “Francisco Mayán”

Até o vindeiro 25 de xuño a Biblioteca Pública Municipal “Francisco Mayán”, sita no 3º andar da Casa da Cultura do Concello de Cee, acolle unha Mostra bibliográfica da obra da escritora ceense, Concha Blanco.
A través de algo máis de 70 libros e diversos documentos procedentes dos fondos propios do centro bibliotecario, a mostra pretende amosar o legado cultural que está a deixar, Concha Blanco, como creadora e escritora comprometida coa nosa cultura e lingua galega. Unha autora que ao longo da súa vida escribiu narrativa para nen@s, pero tamén para adultos, así como outros xéneros literarios, tales como poesía ou teatro. Na exposición tamén teremos a oportunidade de ler as dedicatorias que a escritora realizou nas súas obras, co obxectivo de enriquecer o Fondo Local da Biblioteca de Cee.
Con esta Mostra Bibliográfica a Biblioteca Pública Municipal súmase á homenaxe, a celebrar o 12 de xuño, A escritora na súa Terra; celebración impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que a través dunha serie de eventos, como, a entrega do galardón Letra E de escritora, o descubrimento dun monólito conmemorativo, a plantación dunha árbore, ou a colocación do seu nome á zona axardinada situada detrás do Mercado de Abastos da Vila de Cee, tal como decidiu o Pleno do Concello de Cee, faise un recoñecemento público na figura de Concha Blanco.