Desde Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas de Vigo presentou o “Mapa Literario de Vigo” para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios da cidade olívica marcando os fitos literarios das obras.
Trátase dun mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos. O proxecto está configurado para crecer a medida que aparezan novos títulos e está configurado coma un traballo colectivo no que calquera cidadán poida colaborar incorporando obras que quedaron atrás na súa primeira posta en escena.
O proxecto consta da realización dun mapa de Vigo con dez liñas que atravesan en todas direccións a cidade e que van deténdose nas diferentes “Paradas Literarias”, que teñen o nome das novelas que dalgún xeito están vinculadas a ese lugar. Toda esta información, ademais dunha bibliografía completa, están dispoñibles na páxina web mapaliterariodevigo.com.
Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis e a xeración perdida das revoltas obreiras, o Berbés coma recordo das tradicións viguesas, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario como reflexo de unión entre a veciñanza.
As rutas están protagonizadas por autores como Jules Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban, María Lado e unha decena máis de escritores que converteron a Vigo en protagonista das súas obras.”
Arquivos da etiqueta: Biblioteca Xosé Neira Vilas
Vigo: inauguración da Biblioteca Xosé Neira Vilas
O xoves 24 de marzo, ás 18:00 h., na Avenida Martínez Garrido, 21, de Vigo, a Concellaría de Cultura do Concello de Vigo inaugura a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Neste acto participan o autor que dá nome á Biblioteca e Cándido Pazó, que representará un extracto do seu monólogo Memorias dun neno labrego.