Tamara Andrés: “Amar continúa a ser un acto moitas veces violento, cheo de restricións e de límites”

Entrevista de Montse Dopico a Tamara Andrés en Praza:
““Amante’’, na súa etimoloxía, non é máis ca alguén que ama. En que momento convertemos algo tan fermoso nun concepto tan terrible?”. Esta é unha das reflexións sobre as que se Tamara Andrés teceu Bosque vermello (Positivas), o seu último poemario. Que esculca na concepción hexemónica do amor na nosa sociedade e nas normas que constrinxen os distintos xeitos de amar. E de amar, aceptando e mesmo celebrando a liberdade da persoa amada que tivo que marchar –neste caso, unha irmá– vai tamén Irmá paxaro (Cuarto de inverno), o penúltimo libro desta mesma autora. Falamos con ela destes dous poemarios, poñéndoos ademais en relación coa súa obra anterior.
– Praza (P): Entre os primeiros versos de irmá paxaro están: “as nenas nunca saben/ que o golpe máis duro/ é/ o tempo”. O libro está dedicado a Paula, a irmá paxaro. En que momento sentiches a necesidade de escribilo e por que?
– Tamara Andrés (TA): Este libro accionouse cando a miña irmá pequena, Paula, marchou a Madrid para comezar os estudos universitarios. Foi un momento no que aprendín que a complicidade que existe nunha relación fraternal sempre se ve minguada polo tempo, que chega un punto no que as irmás pequenas queren distanciarse por completo da imaxe de referencia que foi a maior, e voar por si mesmas. É completamente lóxico, mais unha realidade que non ocupa moitas conversas.
– P: O libro parece estar tecido polas lembranzas da infancia. E todo resulta moi recoñecible, moi vivo… Nun poemario, ademais, moi narrativo. Que papel xogan as lembranzas neste poemario e de que xeito quixeches que o lector/a se identificase con elas?
– TA: Hai lembranzas autobiográficas e outras ficcionadas, porque tamén me apetecía xogar un pouquiño, mais creo que quen lea pode deducir de todas elas unha relación vertebrada arredor da complicidade e da inocencia, e atopar algunha historia propia que se poida espellar. Tamén é doado identificarse coa idea de que o paso do tempo nos fai menos inocentes, de aí o silencio e a dor. (…)
– P: Un dos temas de Bosque vermello é a identidade, sobre a que se pensa en relación co outro/a, co que (quizais) non é o noso corpo. En realidade, é algo que estaba tamén nos teus anteriores poemarios. Como se relacionan corpo e identidade en Bosque vermello? (Parece que a ausencia do outro/a te fai máis consciente da túa propia identidade).
– TA Hai certos temas que non deixan de aparecer de xeito transversal en todo o que escribo. Supoño que esas son as cuestións obsesivas: o corpo, a linguaxe, a identidade, mais se cadra pensados en cada poemario desde unha nova perspectiva.
Ás veces, cando estou con alguén, dáseme por preguntarme como habita esa persoa unha realidade na que eu mesma me atopo, como dous corpos poden habitar de xeito distinto un mesmo momento, un mesmo lugar, como todo é absolutamente subxectivo e cuestionable.
Por outra banda, moito teño falado cunha amiga sobre esas persoas que coñeces en tránsitos (aeroportos, trens, viaxes breves) coas que de súpeto xorde unha complicidade inexplicable, e coas que te amosas máis libre porque estás fóra do lugar vital que che é máis común.
Daquela: a identidade compréndense en función de cada outro, de cada contexto, pero sempre en flutuación. A identidade de cada persoa vai abaneando grazas a outro, como unha danza. (…)”