Entrevista de Marcos Pérez Pena a Xurxo Souto en Praza Pública:
“(…) – Praza (P): No 2024 vaise celebrar o 30 aniversario do Bravú. Como vai ser a conmemoración?
– Xurxo Souto (XS): Non está nada organizado, pero temos aínda un ano para preparalo. Eu o que queria era festexar esa data, unha efeméride que semella ter ficado bastante invisible. Hoxe hai 29 anos estabamos aí en Viana, ceando e inventando aos postres esta palabra: o Bravú. Que un grupo de rapaces se xuntasen alí foi un fito fermoso: creouse unha etiqueta, un discurso estético, cunha vontade de deixar pegada. E isto non pasou nunha cidade, non pasou en Santiago, nin na Coruña nin en Vigo, senón nunha aldea. Iso tivo a súa repercusión e creou unha certa dinámica cultural da que estamos moi orgullosos. (…)
– P: O 18 de xaneiro publicas Somos un pobo de artistas! O método Luísa Villalta (Xerais), que en parte é unha homenaxe a Luísa Villalta e que afonda na idea de que música e literatura sempre están ligadas, e moito máis en Galicia. Que contas neste libro?
– XS: Somos un pobo de artistas é un libro que segue o método de Luísa Villalta. No ano 1999 ela editou unha obra que me deixou fascinado: O outro lado da música, a poesía. E a partir dese momento comecei humildemente a analizar a realidade nesa clave, na unión entre música e poesía. Nese libro ela conta que toda a nosa estética musical xa foi codificada polos gregos e, ademais, que toda a literatura galega é música, dende as cantigas musicais ata o Rexurdimento con Rosalía.
Como se nos puido explicar a liteatura sen música? Por que existe esa distancia aparente entre a poesía e a música, cando é o mesmo? A resposta está no propio libro de Luísa e vén de moi atrás. Platón e Aristóteles ponderaban os instrumentos apolíneos: os que permitían cantar e procuraban a orde, os instrumentos de corda, pero pola contra rexeitaban os instrumentos dionisícos: as trompetas, a festa, a loucura, porque eran o caos. Esa visión pasou ata nós. A música popular consideráse algo menor, algo frívolo, algo que está nun estatus inferior. E aí está Luísa Villata rachando con todo iso e falando da unidade infinita. A literatura galega (e tamén a literatura española) está mal explicada, porque obvia a música. Iso é o que eu propoño no libro: estudar a nosa realidade, sempre buscando o vencello entre música e literatura.
E póñoche outro exemplo: así como hai artistas e hai artesáns e teñen consideracións distintas, aos que compoñen versos para cantar non se lles considera poetas, senón letristas, que non ten a mesma categoría. Pero agarda un momentiño: quen é o maior letrista da música galega? Pois Rosalía de Castro, e Celso Emilio Ferreiro, e Curros Enríquez. Iso é o que propoñía Luísa Villalta e o que desenvolvo eu no libro. (…)”