Desde Fervenzas Literarias, esta entrevista a Breogán Riveiro:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que o levaron a escribir?
– Breogán Riveiro (BR): Cando falo con rapaces sempre digo que o que máis nos distingue como especie aos humanos é a necesidade que temos de contar -e de que nos conten- historias. Un tal Xabier P. Docampo di no seu blogue que o acto máis sublime de amor é contar unha historia. Eu non creo tanto, non creo que sexa un “acto sublime” -se cadra para alguén da calidade literaria do vello mestre Docampo si, pero no meu caso non-, pero se non é un acto sublime é, en todo caso, un acto necesario. Contar historias é a maneira na que os humanos aprendimos, compartimos coñecementos, comunicamos e emocionamos ao longo de millóns de anos. A escrita, simplemente, é unha plasmación técnica deses relatos que contabamos ao carón das lumieiras. Unha técnica que nos permite contar a mesma historia moitas veces, a diferentes oíntes e en infinitos lugares. Unha técnica marabillosa en si mesma, pero que carece de sentido se perdemos a perspectiva de para que naceu: para contar historias.
Escribir, para min, é unha necesidade. No fondo -confeso- gustaríame máis poder contar historias en directo, conectando cos oíntes como fan Carlos Blanco, Cándido Pazó ou Avelino González. Pero, por desgraza, non dou a talla e debo facelo por escrito. Unha técnica distinta para o mesmo fin. (…)
– FL: Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– BR: Así, en global? É certo que toda obra nos “vende” algo ideoloxicamente, xa sexa á maneira da clásica “sentenza” ou de forma máis sibilina e publicitaria. Pasa inevitablemente. Eu son de esquerdas, non podo evitar que as miñas obras tamén o sexan, pero iso non significa caer no panfleto, nin que os protagonistas das miñas obras sexan da miña mesma ideoloxía -os personaxes teñen tendencia a ter as súas propias ideas-. Tamén son consciente de escribir para todo o mundo, así que tento que non se me note demasiado a ideoloxía, pero claramente teño que estar a prol de certas cousas como a igualdade; unha sanidade, educación e seguridade de todos e para todos; a democracia plural ou o libre cultivo e comercio de grelos, nabizas e outras herbas. Supoño que todo isto nótase nos meus libros, porque é inevitable, pero non é un obxectivo “primario”. O obxectivo “primario” é que o lector o pase ben. Por outra parte escribo en galego, que xa de por si é un posicionamento ideolóxico moi claro: avogas pola supervivencia dun idioma que morre. Herexía! E non só iso: Pretendo que un lector o pase ben lendo en galego! Dobre herexía! Eu coido que iso xa é importante abondo. E aínda por riba está o humor, que exerce de crítica, de agulla que pincha as ideas e que fai pensar. O humor é unha ferramenta imprescindible da intelixencia, pero é a máis deostada de todas as ferramentas. Dá medo ás mentes cativas -e por “cativas” non me refiro ás mentes dos nenos-.
Agora ben, se a pregunta de “Que pretendo transmitir coa miña literatura?” é máis fonda, máis transcendente, sinto que non podo responder. Son o bastante maduro como para saber que unha obra literaria, ou unha película, non van cambiar o mundo. Confórmome conque fagan pensar a unha soa persoa uns poucos segundos. Iso de facer “a obra” definitiva, a obra que deixará en nada a todas as demais obras, a obra que fará que a humanidade comprenda, por fin, o magnífico, transcendente e imprescindible que é o autor, non é mais que vaidade baleira.
No audiovisual pasa que coñeces a xente que quere facer “a” película. Cando lle preguntas de que vai esa película, que historia vai contar, responden que non importa, que iso tanto lles ten, que non o saben. O que importa é que vai ser “a” película. A definitiva. Enorme. Abraiante. Será un “antes” e un “despois” no cinema. Esquecen que somos simples contadores de historias, nada máis. (…)
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– BR: Sen dúbida un oficio que non permite vivir del non é un oficio. No meu caso teño claro que, estatisticamente, cada ano hai cinco ou seis galegos aos que lles toca a primitiva, e non creo que haxa cinco galegos que se poidan adicar profesionalmente á literatura en galego. Se é por cartos, xa que logo, resulta máis lóxico -estatisticamente- investir en primitivas e non en fotocopias das miñas obras. Se escribo -e en galego- é por outros motivos, non por diñeiro.
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– BR: O mellor é escribir para un público sincero, o peor deste público é que non é totalmente libre: non coñezo a moitos rapaces que vaian mercar libros en galego de “motu propio”. Por outra banda, non está demasiado ben visto escribir LIX. En xeral en Galicia -e en España- as literaturas de xénero son desprezadas. Coido que é un erro dos xestores da cultura en toda España -e Galicia non se libra dese erro, senón mais ben todo o contrario, abunda nel-. (…)”
Arquivos da etiqueta: Breogán Riveiro
Fallo do XLVI Concurso Literário de Contos de nenos para nenos da A. C. O Facho
“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de comunicar-lhes o falho do Concurso Literário Contos de nenos para nenos na convocatória do ano 2014, segundo acordo do júri formado polos escritores Xabier P. DoCampo, Breogán Riveiro Vázquez e Xosé Manuel Martínez Oca.
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Onde estás?, de Claudia Neira Pérez. Aluna do IES do Caminho, de Palas de Rei (Lugo).
– Segundo prémio: O espantalho, de Víctor Vidal Anta. Aluno do CEIP Tuela Bibey de Lubián (Zamora).
2º.- Prémios da categoria B (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Onde remata o real… e comezo eu, de Alba Pérez Barcala. Aluna do IES de Cacheiras, Teo (A Corunha).
– Segundo prémio: Na cara escura da Lúa, de Helena Aurora Montero. Aluna do IES Lucus Augusti de Lugo.
Agradecemos a colaboraçom das editoriais: Galáxia, Toxosoutos, Xerais; assim como a participaçom de todos os/as concursantes e felicitamos especialmente às ganhadoras e ganhadores. Também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 6 de Junho às 19:00 horas, no Salom de actos da ONCE, Cantom Grande, 3 – Crunha.
Parabéns e cumprimentos.
Assinado: Soledad González Maside, da Agrupaçom O Facho, e Secretaria do Júri.
Na cidade da Crunha, 24 de Maio de 2014.”
Resoluçom do Concurso de Contos de Nenos para Nenos Carlos Casares
“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de lhes comunicar a resoluçom do concurso literário Contos de nenos para nenos Carlos Casares na convocatória do ano 2012, segundo acordo do júri formado polos escritores Xabier P. Docampo, Breogán Riveiro Vázquez, Xosé Manuel Martínez Oca, e Soledade González Maside (sem voto):
1º.- Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Carta a Pilar, de Andrés Vázquez García. Aluno do CEIP Heloísa Rivadulha, Chantada (Lugo).
– Segundo prémio: A néboa, de David Carpacho Pérez. Aluno do IES Manuel Murguia , Arteijo (A Corunha).
2º.- Premios da categoria B. (Rapazes e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Unha historia do máis normal?, de María Álvarez Vázquez. Aluna do CPI Terras de Maside, Maside (Ourense).
– Segundo prémio: Murmurio a media noite, de André Graña Casal. Aluno do Colegio Alborada, Vigo (Pontevedra)
Agradecemos a participaçom de todos os/as concursantes e felicitamos mói especialmente aos ganhadores e ganhadoras. Parabéns e cumprimentos.
A Corunha, Maio de 2012″
Fallos dos xurados do Concurso de contos de nenos para nenos Carlos Casares e do Concurso de Teatro Infantil, da A. C. O Facho
CONCURSO LITERÁRIO DE CONTOS DE NENOS PARA NENOS CARLOS CASARES:
“A Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de comunicar-lhes o falho do concurso literário Contos de nenos para nenos Carlos Casares na convocatória ano 2011, segundo acordo do jurado formado polos escritores Xabier P. DoCampo, Breogán Riveiro Vázquez, Xosé Manuel Martínez Oca, e Soledad González Maside, directiva d’O Facho (sem voto):
1º.- Prémios da categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Pesadelo, de Ignacio Mañá Mesas, aluno do IES Europa (Ponferrada, O Berzo).
– Segundo prémio: Un día feliz na vida de Xoán de Alva Pensado Ferreiro, aluna do CEIP San Xosé Obreiro (Meicende, A Corunha).
2º.- Prémios da categoria B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Folga xeral, de Matías Núñez Gil, aluno do IES Celanova (Ourense).
– Segundo prémio: Amor e maltrato, de Ana María Gil Rey, aluna do C.P.I. de Zás (A Corunha).
Agradecemos a participaçom de todos os concursantes e felicitamos mui especialmente aos ganhadores. Também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 21 de Maio as 20 horas, na sala de conferencias do Centro Social Nova Caixa Galicia (Avenida da Marinha, s/n.) da cidade da Corunha.
Parabéns e cumprimentos.
A Corunha, Maio de 2011.
Assinado: Soledade González Maside, da Agrupaçom O Facho e Secretária do Júri.”
CONCURSO DE TEATRO INFANTIL:
“Depois de ter lido as obras apresentadas ao Concurso de Teatro Infantil convocado pola Agrupaçom Cultural O Facho, o júri conformado por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego, Susana Alejandra Longueira Regueiro, Xosé Manuel Rabón Lamas e Francisco Pillado Maior, tomou o acordo de declará-lo Deserto como resulta da análise dos textos. Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom (Rua Federico Tapia, 12-1º, 15005 A Corunha). No caso de que o autor ou autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Na cidade d’A Corunha, 13 de Maio 2011.
Asso. J. Alberte Corral Iglesias
Secretário d’O Facho.”