ButacaZero levará á escena a obra de Ernesto Is sobre María Casares, gañadora do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A Deputación da Coruña financia a produción e posta en escena da obra gañadora do Premio Rafael Dieste que na última edición gañou Ernesto Is con Despois das ondas. A autora e directora Esther F. Carrodeguas será a encargada da produción do espectáculo a través da súa plataforma ButacaZero, ao gañar o concurso aberto convocado pola Deputación.
Despois das ondas, de Ernesto Is, a obra que xira arredor da vida de María Casares, chegará antes do verán aos escenarios producida por Esther F. Carrodeguas, gañadora do concurso convocado pola Deputación da Coruña para representar a peza gañadora do Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais.
Ademais de Esther F. Carrodeguas como produtora, o equipo estará composto por Xavier Castiñeira Blanco como director e o propio autor, Ernesto Is, en calidade de axudante de dirección e responsable da dramaturxia En escena estarán Belén Constenla e Nerea Brei, encarnando a María Casares nas diferentes etapas da vida da aclamada actriz, e Sonsoles Cordón que interpretará diferentes personaxes que acompañaron a vida de Casares, ademais de, en tanto que performer, asumir partes de danza.
Na proposta presentada a concurso o teatro mesturarase co cinema, de maneira que o resultado estea a medio camiño entre un filme e unha obra teatral, ao igual que o estivo a vida profesional da actriz. O traballo audiovisual correrá a cargo de Roi Fernández (Sr. Pause Cinescapismo), que xa colaborara con Carrodeguas e Castiñeira en Voaxa e Carmín.
“Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña estamos a facer un esforzo por difundir as obras gañadoras dos premios culturais e, no caso do teatro, faltaba un paso fundamental que era que a obra chegase ao público, que se representase nun espazo escénico que é o obxectivo fundamental das obras teatrais e, por iso, a representación forma parte do propio premio”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, que destaca tamén o interese de levar de novo a figura de María Casares á escena. “Neste pasado ano fixemos un programa de visitas guiadas ao Teatro Colón coa propia María Casares como protagonista e tivo un resultado extraordinario, agardamos que esta obra que recupera a súa memoria biográfica e artística tamén o teña”, engade Goretti Sanmartín.
A obra percorre as distintas etapas da actriz nacida na Coruña, desde a súa infancia galega pasando polo exilio en Francia, a relación co seu pai Santiago Casares Quiroga e a súa nai Gloria Pérez, o amor con Albert Camus, os éxitos no cine e no teatro europeo, a viaxe a Bos Aires onde entra en contacto co exilio galego ou o regreso a Madrid para representar El Adefesio de Alberti.
A Deputación da Coruña achega por contrato unha cantidade de 67.000 € para a produción e representación da obra que será estreada no Teatro Colón da Coruña e da que se realizarán ademais tres funcións en tres concellos distintos da provincia.”

Esther Carrodeguas vén falarnos de #Camiños, a nova montaxe de ButacaZero

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Propostas que xa están aquí, outras que veñen polo camiño, e nunca mellor dito porque #Camiños é precisamento o título da nova montaxe de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego. Vai permanecer no Salón Teatro ata o domingo 28 de xaneiro. Para falarmos desta montaxe e dos seus últimos traballos convidamos a Esther Carrodeguas. Pode verse aquí.”

A compañía ButacaZero estrea no Salón Teatro o espectáculo #camiños en coprodución co CDG

Desde Agadic:
“ButacaZero e o Centro Dramático Galego (CDG) presentaron en Santiago a estrea da súa coprodución #camiños, que terá lugar este xoves no Salón Teatro. O espectáculo poderá verse ata o domingo 28 na sede da compañía da Xunta, onde o equipo ultima a posta en escena desde o día 15 dentro do programa En Residencia do CDG.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, e o director de #camiños, Xavier Castiñeira, interviñeron nesta presentación, durante a que parte do elenco ofreceron varios fragmentos da montaxe, con dramaturxia de Esther F. Carrodeguas.
Na súa intervención, Sutil incidiu na relevancia da liña de coproducións que a Agadic vén desenvolvendo a través do CDG co fin de “posibilitar unha maior capacidade de todas as nosas estruturas teatrais” e dentro do que –explicou– se insiren tamén títulos como Elisa e Marcela, de A Panadaría, ou os próximos proxectos de Pistacatro (Arnoia, Arnoia) e Pablo Fidalgo (Anarquías). “Estamos a falar dun incremento de actividade medible non só en termos económicos, como xeito de fortalecer financiamentos, senón tamén na optimización de recursos públicos que se poñen ao servizo das compañías privadas”, continuou o director da Agadic. (…)
A memoria do pobo galego
#camiñosé unha peza de teatro físico, poético e político coa que ButacaZero pecha unha triloxía sobre a memoria da que tamén forman parte as xa estreadas Voaxa e Carmín, que abordaba a memoria histórica, e Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], a memoria individual. A que é a terceira montaxe desta nova compañía, creada en 2016, volve estar encabezada polo tándem Carrodeguas-Castiñeiras para levar ás táboas a memoria do pobo galego nunha proposta que xorde a partir dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas en Galicia.
O espectáculo analiza como ve a xeración dos millennials as súas raíces e reflexiona sobre o que queda do noso pasado e da nosa tradición no día a día, botando man de moi diferentes rexistros escénicos, como coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela ou audiovisuais, entre outros.
Cinco actrices serán as encargadas de poñela en escena (ademais de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Celina Fernández Ponte, Pía Nicoletti e Noa Covelo), para o que contan co vestiario ideado pola compañía e por Diego Valeiras, a iluminación de Javi Quintana, os audiovisuais de Fran X. Rodríguez e a escenografía de Xavier Castiñeira.
Venda de entradas e horarios
A venda anticipada das entradas para asistir a #camiños en Santiago está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo, programado para as 20,30 h. de xoves a sábado e para as 18,00 o domingo, día do espectador no Salón Teatro.
Como acción promocional, ás 20,00 h. de mañá a balconada do Salón Teatro será o escenario dunha performance de As Churrascas, o grupo musical nacido para esta peza e composto polas súas cinco actrices, que cantan e bailan a Rosalía de Castro sobre base electrónica.
A montaxe poderá verse a continuación no Teatro Colón da Coruña e na Sala Ártika de Vigo, como inicio da súa xira por distintos espazos galegos.”