Víctor F. Freixanes obtén o premio Irmandade do Libro na categoría de mellor autor

Os premios Irmandade do Libro, que entrega anualmente a Federación de Libreiros, teñen xa gañador na categoría de mellor autor. Víctor F. Freixanes alzouse con este galardón na vixésima edición do certame pola súa novela Cabalo de ouros, publicado en Galaxia. Os organizadores anuncian que o resto dos vencedores daranse a coñecer o vindeiro 2 de abril, día no que, a partir das 21:00 h. se celebrará a cerimonia de entrega. As categorías pendentes de se coñecer son as do Libro do Ano, Obra Editorial, Centro de Ensino, Libraría, Institución e Fomento da Lectura. Vía Cultura Galega. Tamén reseñado en Galaxia, Galicia Hoxe, Galiciaé, La Opinión e La Voz de Galicia.

Noia: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O venres 25 de febreiro, ás 20:30 h., na Casa da Cultura “Avilés de Taramancos” de Noia, preséntase o libro Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, participan, acompañando ao autor, Antón Riveiro Coello, Xerardo AgraFoxo, Encarna Pego, Isabel Santos, e o alcalde de Noia, Rafael G. Guerrero.

Pontevedra: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O martes 21 de decembro, ás 20:00 h, no Auditorio do Café Moderno (Fundación Caixa Galicia. Praza de San Xosé, 3) de Pontevedra, preséntase Cabalo de ouros, o novo libro de Víctor Freixanes, publicado en Galaxia. No acto participan, co autor, Carlos Lema, Lola Dopico e Miguel Barros.

Víctor Freixanes: “A literatura é unha cousa moi seria, non fago concesións”

Entrevista a Víctor Freixanes en La Opinión:
“La Opinión (LO): En Galiza temos moi bos escritores, pero temos lectores dabondo?
Víctor Freixanes (VF): Esa é seguramente a parte máis dura. Temos unha enorme capacidade de creación pero temos un público escaso ou polo menos insuficiente. A riqueza do catálogo do libro é enorme, pero nos lectores, aí seguimos a ter dificultades. Que se miramos cara atrás con perspectiva, avanzouse moitísimo, nunca se leu tanto como se le agora, pero somos poucos. Somos 2.700.000 persoas, e tendo en conta que nas sociedades desenvolvidas os lectores veñen sendo o 35% da poboación. E a iso hai que sumar que nesta sociedade temos un problema, que é o da lingua, que segue a estar en peligro grave.
LO: Cales son os pasos que se deben dar, dende o mundo editorial pola parte que lle toca, para ampliar eses lectores e lograr que a lingua deixe de estar en perigo?
VF: Unha editorial, que é unha empresa, ten que facer o mellor posible os seus produtos, o mellor posible a selección dos seus autores e dos seus textos, pensando na diversidade de públicos que hai. Ten que editar en condicións, para poder competir con calquera outra edición do mundo. Nestes mesmos días vimos de publicar O soldadiño de chumbo cun libro-cine en colaboración coa productora coruñesa Continental, unha obra que pode competir con calquera libro do mundo, tanrto na Feira de Boloña, como na Feira de Fráncfort… onde sexa. Pero temos que facelo ben, temos que publicar con pulcritude, e logo temos que saber lanzar, apoiar, promocionar, estimular, animar. Somos uns axitadores culturais tamén. É dicir, os editores galegos non somos máquinas de facer libros sen máis; estamos comprometidos cunha causa moi definida e así o sentimos todos, mesmo aqueles que semella que van máis ao seu.”

Santiago: presentación de Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes

O xoves 16 de decembro, ás 20:00 h., na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII), de Santiago de Compostela, Víctor F. Freixanes presenta a súa novela Cabalo de ouros, publicada en Galaxia. Acompañan ao autor Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, e Dolores Vilavedra, crítica literaria.

Víctor F. Freixanes: “A edición vive a tormenta perfecta”

Entrevista a Víctor F. Freixanes no Xornal:
“Xornal (X): Que conta Víctor Freixanes nesta novela chamada Cabalo de ouros?
Víctor F. Freixanes (VF): Trátase dunha novela centrada na época do volframio na Galicia do 49 ao 51, aproximadamente. Hai unha partida de cartas que dura tres días e tres noites entre un grupo de sete persoas cun capitán xogador, un vello alcalde do interior e un cura. Ese sería o núcleo da novela, pero é unha historia que resulta complexa porque se hai sete personaxes, hai sete vidas, hai sete historias. As historias entrecrúzanse, hai unha aventura de amor e unha parábola do país. A novela está construída como un cantar de cegos. (…)
X: Dezasete anos sen publicar unha novela. Por que agora?
VF: Eu escribo moito, pero publico pouca ficción. Escribo moito sobre investigación, estudos e literatura gris. De ficción, moi pouco porque é onde máis son eu. Na ficción atópome comigo, coas miñas pantasmas, coa miña visión de país. E cando escribo ficción, vexo a outra cara da moeda. Aínda así, teño catro ou cinco libros comezados. Este libro ía ser un conxunto de contos, pero atopei que no primeiro deles había unha novela que é a que finalmente sae agora. Os contos quedarán para outra ocasión. Cando escribes, de cando en vez volves, sobre as túas historias porque na literatura hai algo de diván de psiquiatra e algo de fuxida, unha especie de escape a outros mundos.
X: Falar con Freixanes, ademais de falar cun escritor, é falar cun editor. Non hai moito o presidente da Asociación de Editores, Manuel Bragado, advertía de que a edición en Galicia ía baixar un 20%. Son moi malos tempos para os libros?
VF: Probablemente sexa así, pero non é só un problema galego, senón que é algo xeral. E tamén hai que ter en conta que baixa o libro, pero tamén baixa a produción audiovisual ou da música. O mundo da produción cultural vive e vivirá momentos de recesión ou, polo menos, de austeridade. A edición vive unha tormenta perfecta porque agora temos uns factores políticos, económicos, financeiros e lingüísticos e temos unhas circunstancias de consumo e de novas tecnoloxías que a provocan.”