Carlos Mella: “Só a figura de Castelao me podía facer volver a un posto público”

Entrevista a Carlos Mella en Sermos Galiza:
“(…) “Levo moitos anos arredado da política e das institucións e o único posto que conservaba era o do padroado da Fundación Castelao, da que fun fundador. Propuxen a miña candidatura e o consello aceptouna. Para min é unha grande honra e un dos desexos máis queridos”, comeza a falar Mella para deixar sobre a mesa, de saída, a ilusión que lle fai presidir unha entidade que ten como obxectivo a promoción e difusión da figura de Castelao.
Na súa idea, a débeda con Castelao é facer valer o seu pensamento. “Recoñecer a súa figura é fácil, agasallar seus libros, tamén. Castelao é coñecido mais hai que comezar a poñer a disposición da xente a súa doutrina e o seu pensamento para que se asimile”, afirma ao tempo que idea iniciativas para difundir o seu ideario en colexios e vilas.
Cos debuxos de Castelao non se ri, dan para pensar e sacar unha filosofía. Temos que traducir o traballo en feitos, coñecer, respectar e transmitir as súas ideas galeguistas”, engade o novo presidente da Fundación Castelao. Como todo o tecido cultural, a Fundación Castelao vive a crise e falta de recursos do momento. “Todo está moi verde e son tempos ben difíciles, mais traballar na leira de Castelao e sachar nela é unha grande satisfacción”, comenta. De saída, aceptan a oferta do alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, para teren unha sede fixa na localidade natal de Castelao. Por diante quédanlle dous meses para estabelecer o plan de traballo da equipa que presidirá. “Temos que defender a importancia maiúscula da Fundación Castelao”, comenta. A falta de cartos vai ser unha dificultade que conta solventar a forza de traballo, xestionando os poucos recursos con imaxinación e esforzo. Declarar BIC a súa obra, a creación dun Centro ou Museo Castelao arredor da súa figura e mesmo facerse coa casa de Rianxo en propiedade son obxectivos que promoveu a Fundación e que agora a situación económica sitúan aínda máis lonxe e obrigan a reconducir os obxectivos e o traballo da entidade. A Carlos Mella non se lle esquece recoñecer a forza e enerxía de quen o precedeu, a entrega á causa de difundir a figura de Castelao por parte do anterior presidente Avelino Pousa Antelo, quen coñecera de rapaz ao fundador do Partido Galeguista.”

Carlos Mella, novo presidente da Fundación Castelao

Desde Sermos Galiza:
“A Fundación Castelao vén de nomear presidente a Carlos Mella, economista, escritor e político nado na Estrada en 1930. Mella ocupa o cargo, baleiro após o falecemento de Avelino Pousa Antelo. Mella foi vicepresidente de asuntos económicos na Xunta de Fernández Albor. Na súa traxectoria política pasou por diferentes formacións, como UCD ou Coalición Galega. En 1994 foi candidato do BNG ás eleccións europeas. Carlos Mella foi presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, porén só ocupou o cargo durante vinte días en xullo de 2001.”

Ourense: Auria, actividades do día 12

Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o martes 12 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
13:00 h. Sinatura de libros de Carlos G. Reigosa.
19.00 h. Tras o encontro e sinatura de libros con Juan Eslava Galán, mesa redonda sobre A guerra do 36 na novela galega,  coa participación de Carlos Mella, Carlos G. Reigosa, Francisco X. Fernández Naval e Xosé Ramón Pena, moderada por Xosé A. Ponte Far.
Posteriormente, a partir das 20:30 h., recital de poesía Palabra Viva no Centro Cutural da Deputación (Edificio Simeón), con entrada de balde até completar aforo
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.