Residuos de chamas flamexando, de Raúl Gómez Pato, gaña o VII Certame de Poesía Xosé María López Ardeiro

Desde o Concello de Negreira:
Raúl Gómez Pato, co poemario Residuos de chamas flamexando, presentado baixo o pseudónimo de “Barca de tinta”, e natural do concello de Brión, é o gañador do VII Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, cuxo fallo do xurado e entrega, tivo lugar esta tarde nun acto literario-musical celebrado no Auditorio do Centro Sociocultural, coa presenza do alcalde de Negreira, Jorge Tuñas Caamaño, encargado de entregarlle o galardón cunha dotación económica de setecentos euros. Ángeles Madriñán González, con Animais e outros deuses, natural de A Estrada, foi a outra finalista, quen recibiu un premio de trescentos euros.
Cando o alcalde do Concello de Negreira, participou no acto, o secretario xeral de Políticas Culturais, Anxo Manuel Lorenzo Suárez, cuxo departamento colabora coa organización do certame de poesía na súa promoción e coa edición do poemario, e maila entrega de douscentos exemplares ao gañador. Dase a circunstancia, de que Raúl Gómez Pato foi finalista na edición de 2017 que gañou a teense, Claudia Castro.
O xurado, conformado por José Antonio Ponte Far, escritor e catedrático en Lingua e Literatura, xunto ao poeta Xulio López Valcárcel, e as profesoras María Rey e María López Sández, docentes do instituto Xulián Magariños, así como a avogada e poeta, Diana Varela Puñal, valorou a «unidade e alento poético, que non decae ao longo das páxinas, e a densidade conceptual».
Este acto cultural e social, rematou coa actuación da Coral da Universidade Sénior de Ferrol, chegada ata Negreira por mediación de José Antonio Ponte Far, membro deste coro ferrolán.”

Rocío Leira gaña o III Certame de poesía Xosé M. López Ardeiro convocado polo concello de Negreira

DesdeRocio-Leira-acolle-con-gran-ilusion-este-premio-que-consiste-na-edicion-do-poemario Que pasa na Costa (fotografía recollida no mesmo medio de comunicación):
“(…) Rocío Leira Castro (Pereiriña – Cee), coa súa obra Obituario, presentada baixo o pseudónimo de Xanela, resultou a gañadora do III certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que tivo lugar no concello de Negreira.
Entre as tres obras finalistas están, aparte de Obituario, Versos de amor e norte, de Cristina Negreira Barcia, de Negreira, e Mexacáns do Tambre, de Xosé Antonio Grela, de Santiago de Compostela.
O premio consiste na edición do poemario gañador por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a entrega de 150 exemplares nun acto a desenvolverse na vindeira primavera en Negreira. “Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz”, asegura Rocío Leira.
O xurado –formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sández e María Rey– destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. “A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada”, salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado e amigo persoal de Ardeiro.
Obituario consta de 41 poemas, cada un deles encabezado polo nome dunha muller asasinada no 2015, e nos que se ofrecen, a través da linguaxe poética, distintas perspectivas dunha lacra social como son os feminicidios. (…)
Éste non é o único premio co que a ceense despide o seu ano literario; xa que recentemente lle comunicaron ser a gañadora do segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.
O certame ó que se presentaron máis de 260 obras, tiña como membros do xurado a persoeiros coma Xurxo Souto ou Anxo Angueira -presidente da Fundación Rosalía de Castro-.
O poema presentado por Rocío Leira baixo o título Lume no peito combina elementos culturais galegos e cataláns e versa sobre a dualidade de sentimentos que pode sufrir alguén na diáspora. Entremedias, numerosas referencias a Manuel Oreste Rodriguez López, poeta galego cunha relación moi estreita coa comunidade galega emigrada en Cataluña.”

Rafael Lema gaña o I Certame de Poesía Ardeiro

Desde a páxina web do Concello de Negreira:
“Trece obras aspiraban ao primeiro Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, que finalmente recaeu por decisión unánime do xurado no traballo titulado Alturas do monte Pindo, cuxo autor é Rafael Lema Mouzo, natural de A Ponte do Porto (Camariñas), valorando os catro membros do xurado o nivel da súa obra, e cuxo fallo do xurado coñeceuse nun acto literario-musical no Auditorio de Negreira, celebrado o pasado venres 21 de Nadal, cadrando co quinto cabodano do pasamento do Ardeiro, na cidade de Ferrol.
De ser, de Anxo Mena (Carral), e Expansión, de Suso Bahamonde (Muxía), foron os outros dous traballos finalistas, que logo da deliberación do xurado presidido polo crítico literario, José Antonio Ponte Far, xunto co poeta Xulio López Valcárcel; a escritora, María López Sande, e maila profesora María Rey, ambalas dúas pertencentes ó IES Xulián Magariños, decidiron concederlle este premio consistente na publicación do poemario gañador por parte da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral do Libro, e a entrega ao autor de 150 exemplares. (…)

Negreira: presentación de O fiadeiro, de X. Amancio Liñares Girault

O xoves 27 de decembro, ás 20:00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura (Carreira de San Mauro) de Negreira, preséntase O fiadeiro, de X. Amancio Liñares Girault, publicado por 3C3 Editores. No acto intervirán, xunto ao autor, José Antonio Ponte Far, Adelino Pose Reino, Ignacio Carballo González e José Blanco Pazos. Haberá tamén unha actuación musical do guitarrista Xosé Guzmán.

Ferrol: mesa redonda sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro

O xoves 3 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero (Praza do Inferniño, s/n.) de Ferrol terá lugar unha mesa redonda dentro do ciclo dos Faladoiros Cunqueiro que promove o Consello da Cultura Galega. Desta volta, Ramón Loureiro, José Antonio Ponte Far, Rubén Jarazo e Antonio Raúl de Toro Santos debaten sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro. Influencias, confluencias e visións sobre esta potente fonte de inspiración serán analizadas por estes escritores e críticos.

Ourense: Auria, actividades do día 12

Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o martes 12 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
13:00 h. Sinatura de libros de Carlos G. Reigosa.
19.00 h. Tras o encontro e sinatura de libros con Juan Eslava Galán, mesa redonda sobre A guerra do 36 na novela galega,  coa participación de Carlos Mella, Carlos G. Reigosa, Francisco X. Fernández Naval e Xosé Ramón Pena, moderada por Xosé A. Ponte Far.
Posteriormente, a partir das 20:30 h., recital de poesía Palabra Viva no Centro Cutural da Deputación (Edificio Simeón), con entrada de balde até completar aforo
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.