“Os curandeiros e a medicina oficial”, artigo de Pablo Vaamonde

Artigopablo-vaamonde de Pablo Vaamonde en Praza:
“O pasado 12 de novembro celebrouse en Lugo unha interesante Xornada de Literatura de Tradición Oral, dedicada nesta ocasión á medicina popular, á que asistiron un centenar de persoas, sobre todo do mundo da docencia. Vai xa pola novena edición este evento tan importante para a recuperación da nosa cultura popular. Detrás está a perseverancia e a intelixencia do escritor Antonio Reigosa, principal impulsor destes encontros e da enciclopedia virtual Galicia Encantada. Puiden coñecer o interesante traballo que está a realizar a xornalista Ana Lois (Palabras Secretas), quen leva anos filmando ritos e tradicións que están a piques de desaparecer. Tamén puider apreciar a profunda sabiduría de persoas como Carmiña Prado, que coñece as herbas e as súas propiedades mellor que ningún profesional. Eu tamén participei nesta xornada, facendo unha reflexión en voz alta sobre a figura do curandeiro e a súa relación coa medicina oficial. Este é un breve resume do falado:
A medicina, tal como hoxe a coñecemos, non existiu sempre. Ben pola contra é unha actividade máis ben moderna que, no noso contorno, ten pouco máis dun século de historia. En Galicia existiu sempre a medicina popular. Ata ben entrado o século XX era unha comunidade eminentemente rural; os seus habitantes residían en pequenos núcleos de poboación mal comunicados ou illados. Os médicos estaban nas cidades ou nas principais vilas cabeceiras de comarca. Non sempre era doado, para a xente das aldeas, desprazarse na busca da axuda destes profesionais, pola distancia ou por razóns de tipo económico.
A pesar dos avances da ciencia no século pasado, as xentes de Galicia acudían con frecuencia aos curadores locais para librarse de certos males. Existía mesmo unha certa desconfianza sobre as bondades da medicina oficial. Como dixo García-Sabell: “O enfermo só cree ao médico capacitado para dicirlle o que ten, pero non para curalo”. Na Galicia rural, sobre todo entre a xente de maior idade, aínda perviven dous tipos de doenzas diferenciadas: as que “son de médico” e as que “non son de médico”. Os curandeiros e menciñeiros; as sabias e as meigas; os arresponsadores e os ensalmadores; os compoñedores e as parteiras xogaron un papel moi importante na atención á saúde das xentes de Galicia. Mesmo existen males, que non deberíamos ignorar, que seguen a formar parte da cultura colectiva deste pobo: o tarangaño, a caída da paletilla, o mal de ollo, o mal de aire. (…)”