A Asociación Galega de Editoras cumpre 40 anos con 45 empresas asociadas e co obxectivo de mellorar o mercado interior do libro galego e a promoción exterior

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras conmemora os 40 anos desde a súa creación en 1983, coa renovación da súa imaxe corporativa a cargo do deseñador Pepe Barro e con varias accións que se desenvolverán ao longo deste ano, entre elas, un acto especial conmemorativo e unha publicación do libro Cen anos de edición moderna en Galicia, que recollerá as intervencións no último Simposio do Libro da Lectura, celebrado en Compostela en novembro de 2022.

OBXECTIVOS PARA 2023
Integrada actualmente por 45 empresas, dous obxectivos presidirán a actuación da AGE os vindeiros meses: no mercado interior, sumar forzas co resto de colectivos que integran a cadea do libro galego (principalmente a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) co fin de superar a preocupante situación na que se atopa a lingua galega e incrementar ese 17% de cota actual de mercado de libro galego en Galicia. O segundo obxectivo é acadar os apoios necesarios, e útiles, para a proxección exterior da nosa edición, tan necesitada de traspasar fronteiras, unha reclamación xa histórica que a Asociación demanda da Xunta de Galicia e que, a inicios deste 2023, aínda segue pendente.

UN ESPAZO PROPIO NAS FEIRAS INTERNACIONAIS
As feiras internacionais do libro Boloña, LIBER (Madrid), Frankfurt e FIL Guadalaxara (México) centrarán a axenda exterior da Asociación Galega de Editoras, coa contratación e xestión dun espazo propio.
O pasado mes de febreiro a AGE decidiu asumir a xestión do stand nas feiras internacionais do libro para desenvolver as accións comerciais do mesmo xeito que o fan os gremios de editores que participan nestas feiras profesionais. Sen resposta, polo momento, á proposta de participación presentada á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Editoras volverá participar con espazo propio nas feiras internacionais do libro con apoio de CEDRO e retomando a presenza en Boloña (Italia), do 6 ao 9 de marzo; LIBER, do 10 ao 12 de outubro, en Madrid; Frankfurt, do 18 ao 22 de outubro; e FIL Guadalaxara (México), do 25 de novembro ao 3 de decembro.

PRIMEIRA CITA, EN MARZO, EN BOLOÑA
A feira de Boloña marcará o inicio da presenza exterior da AGE en 2023, na que o gremio de editoriais de Galicia terá presenza na feira dentro do stand da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), como xa o fixera na pasada edición da feira internacional do libro de Frankfurt. O espazo, xestionado pola AGE, contará coa colaboración de CEDRO e acollerá ás editoriais asociadas que confirmaron a súa presenza na feira profesional, considerada como o encontro internacional de maior relevancia no mundo literario infantil e xuvenil, na que se reúnen editoriais, autoría, ilustradoras/es, axentes literarios, empresas de produción de cine e televisión, distribución, imprentas e librarías, que acoden a Boloña para comprar e vender dereitos, establecer novos contactos ou consolidar relacións profesionais, explorar e desenvolver novas oportunidades de negocio e observar as últimas tendencias no libro infantil e xuvenil.

FORMACIÓN E SERVIZOS GRATUÍTOS PARA ASOCIADAS
A Asociación Galega de Editoras volverá ofrecer ás súas asociadas unha oferta formativa especializada no sector e o servizo gratuíto de asesoramento en contratación de dereitos e negociación e internacionalización de proxectos empresariais para resolver casuísticas puntuais sobre o funcionamento internacional de compra e venta de dereitos de explotación de libros, consulta sobre materiais, catálogos e web enfocados na internacionalización dos contidos, consultas sobre cláusulas concretas dun contrato nacional ou internacional, sobre o funcionamento da contratación no estranxeiro, ou sobre os conceptos de contratación (formatos, explotación, cesións…)”