Gañadores do Premio Adiala 2010

“Reunido o xurado do Premio Adiala 2010 de relato curto, do Centro Galego de Mallorca, o pasado 17 de decembro de 2010 e composto por D. Perfecto E. Cuadrado Fernández, Dna. Mª del Carmen González Moreno e D. Carlos Ramos Aguirre, decidiu por unanimidade conceder o PRIMEIRO PREMIO a Chelo Suárez Muíños polo seu relato Monólogo dun cadáver. Asimesmo, conforme ás bases do certame, o xurado decidiu conceder un ACCÉSIT a Darío Portela Núñez polo seu relato A partida. Ademais o xurado salientou a boa calidade dos orixinais presentados nesta edición, sinaladamente a dos relatos A garda de Diana Varela Puñal e Agre de Clara do Roxo, que tamén serán publicados na Revista Adiala”.

Convocado o Premio Adiala 2010 de relato curto do Centro Galego de Mallorca

O Centro Galego de Mallorca convoca por segundo ano o seu Premio ADIALA de relato curto co obxecto de promover a cultura galega e estimular a creatividade literaria.

BASES

1. Cada autor poderá presentar un único relato (literatura de ficción) de temática libre, nas linguas galega, castelá ou catalana, con independencia da nacionalidade do autor. Os textos deberán ser inéditos en calquera lingua e non ter sido presentados a ningún outro certame.
2. A extensión dos relatos deberá situarse entre os 3.500 e os 4.500 caracteres. Os textos deberán remitirse por correo electrónico ao enderezo: centrogalego.mallorca@gmail.com. Xunto co relato deberá constar o nome completo do autor, o número de documento nacional de identidade ou pasaporte, enderezo e teléfono ou correo electrónico. Non se admitirán máis pseudónimos que os habituais, entendendo por pseudónimo habitual aquel que fora empregado cando menos dúas veces firmando libros xa publicados.
3. Non se manterá comunicación sobre os orixinais presentados.
4. A data límite para aceptar orixinais é o 30 de novembro de 2010, inclusive. Os autores poderán solicitar recibo (vía mail) dos relatos presentados.
5. Establécese un primeiro premio dotado con CINCOCENTOS euros (500 euros), podendo concederse un accésit non pecuniario se así o entende oportuno o xurado.
6. O Centro Galego de Mallorca publicará nas páxinas da súa revista ADIALA e, se o considera axeitado, tamén na web cgmallorca.galiciaaberta.com os relatos premiados e outros relatos que pola súa calidade sexan seleccionados polo xurado con este obxecto.
7. O xurado estará formado por persoas de traxectoria recoñecida nos ámbitos académico e das letras e darase a coñecer no intre e maneira que o Centro Galego de Mallorca coide axeitados.
8. O fallo do xurado será inapelable e farase público en decembro de 2010 na páxina web do Centro Galego de Mallorca cgmallorca.galiciaaberta.com. Se procede, farase público tamén a través dalgún medio de comunicación das C. C. A. A. de Galicia e Baleares. O xurado poderá declarar deserto parcial ou totalmente o premio.
9. Calquera aspecto non previsto nas presentes bases será resolto polo xurado de acordo co seu criterio.
10. A participación neste certame supón a aceptación destas bases.

Palma de Mallorca, 12 de outubro de 2010.

As bases pódense descargar neste arquivo: Bases do premio Adiala.