O xornalista Miguel Sande gaña o I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual coa obra A enterradora (blogue)

Desde Nova Dramaturxia:
“O I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e xornalista galego Miguel Sande coa obra A enterradora (blogue). O xurado, conformado pola directora teatral Cristina Domínguez, a actriz Areta Bolado e o dramaturgo Ernesto Is, destacan como “moi actual e orixinal o tratamento do tema da morte, moi presente na idiosincrasia galega”. Así como a “honestidade que presenta ao fuxir da linguaxe contemporánea pretensiosa e afondar nunha estrutura dramática que foxe dos canons”.
A obra de Sande destacou sobre as 14 obras presentadas nesta primeira edición do certame “polas atmosferas sonoras e audiovisuais que consegue” e que, “permite a adaptación da peza a outros formatos como o radioteatro”, sinala a acta do xurado.
A compañía teatral Feira do Leste organiza este primeiro certame que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas. “O certame nace da necesidade de loitar contra as principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, que non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras, senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións”, sinala Javier Lojo, coordinador do certame.
Aquí pode consultarse a acta.”

Bases do I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual

“Nos últimos anos estase a dar un florecemento do teatro e a dramaturxia en Galicia. A aparición de novos dramaturgos con ampla formación e con linguaxes innovadoras para o panorama teatral galego, está a consolidar unha nova xeración de autores recoñecidos dentro e fora da nosa comunidade.
As principais dificultades ás que se enfrontan os autores teatrais das novas xeracións do teatro galego, non só pasan pola falta de representación escénica das súas obras senón que viven unha eiva no eido da publicación e difusión da súas creacións.
Na procura de maior visibilidade dos novos dramaturgos e dramaturgas, nace o I Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual convocado por Feira do Leste e co apoio da Deputación de Pontevedra.

1. Poderán concorrer ao Certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre. E nelas deberá procurarase o bo uso da lingua galega. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
3. O PREMIO consta da edición e publicación da obra gañadora dentro dun volume xunto con outras pezas de dramaturgos galegos actuais. Así mesmo, o gañador recibirá 10 exemplares da obra como compensación dos dereitos de autor e unha porcentaxe dos beneficios obtidos pola venda de cada exemplar durante o primeiro ano. Poderase outorgar o premio a varias obras ou autores se así o estima o xurado e a organización.
4. O PRAZO de presentación de orixinais comeza o 18 de outubro e remata o 1 de decembro de 2017 (ámbolos dous incluídos).
5. O ENVÍO das obras farase exclusivamente a través do formulario de inscrición da páxina web oficial do certame ou mediante o correo electrónico certame@novadramaturxia.feidadoleste.com. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e a plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
6. O XURADO estará conformado por profesionais do teatro e do mundo da cultura e prestarán especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas. A elección das obras será anónima.
7. Os orixinais non premiados serán destruídos.
8. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame.
9. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”