A Asociación Galega de Editoras percorre os cen anos de edición moderna en Galicia no Simposio O libro e a lectura, o 22 de setembro

Desde a Asociación Galega de Editoras:
100 anos de edición moderna en Galicia é o lema do XIX Simposio sobre o libro e a lectura que organiza en setembro a Asociación Galega de Editoras, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Xunta de Galicia.
Celebrarase no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, o xoves 22 de setembro. O encontro reúne a diferentes representantes das editoras galegas e destacadas figuras da investigación e da docencia coa finalidade de percorrer os 100 de edición moderna en Galicia. O encontro profesional viaxará a través das distintas etapas da edición no país, desde os selos pioneiros Nós, Lar e Céltiga ata a edición dixital.
Hai xusto un século, editores como Xaime Quintanilla en Ferrol, e Ánxel Casal e Leandro Carré na Coruña e Compostela, puxeron en marcha, por vez primeira, innovadores proxectos editoriais. Tiñan como obxectivo conquistar amplos públicos lectores, para o que se deseñaban capas atractivas, se poñían en marcha coleccións temáticas, e se elaboraban estratexias de mercado e publicidade. Foi o nacemento do libro galego moderno. Unha época intensa e feliz que quedaría tronzada na guerra civil.

Dúas conferencias, e senllas intervencións vertebran un programa que se celebrará nunha única xornada, o xoves 22 de setembro. Na sesión da mañá, ás 10:30 horas, a historiadora e docente, Encarna Otero, encargarase da conferencia de apertura: “O libro galego moderno: Ánxel Casal”. Seguiranlle as intervencións presentadas por Ana Guerra (Obradoiro Edicións): “Os precursores: século XIX”, a cargo do filólogo, investigador e escritor, Xurxo Martínez (12:30 horas); o papel de Céltiga como precursora da edición moderna do país, por Miguel Toval, director de Embora Edicións; e X. M. Dasilva (revista Grial) e Charo Portela (Ediciós do Castro) falarán da edición no Franquismo e no exilio, respectivamente.
Na sesión da tarde, moderada por Paz Castro (Kalandraka), abordarase “A edición comercial nos anos 60: Xosé María Álvarez Blázquez e Castrelos”, a cargo do docente e editor, Manuel Bragado (16:30); Laura R. Herrera, directora de Hércules de Ediciones, analizará a etapa da Transición (17:00), e o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, “O papel do libro na revolución dixital”.
O sociolingüista e ensaísta, Xesús Alonso Montero, pechará o Simposio ás 18:30 coa conferencia de clausura: “Un libro clandestino sobre o franquismo e a represión en Galicia: Galicia Hoy (Ruedo Ibérico, París, Buenos Aires, 1966), deseñado e coordinado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane”.

As inscricións ata completar aforo faranse en s.tecnica@editorasgalegas.gal”

Pontevedra: presentación pública do proxecto A memoria das mulleres

O xoves 19 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa das Campás de Pontevedra, preséntase o proxecto A memoria das mulleres. No acto, de carácter público, darase o coñecer o consello asesor deste programa de investigación e divulgación da historia e da memoria das mulleres de Pontevedra, composto por María Xesús López Escudeiro, Teresa Casal, Salomé Álvarez Blanco, Carme Vidal, Aurora Marco, Pilar Allegue, Cristina González, Charo Portela Yáñez, Patricia Arias, Carmen Suárez, Montse Fajardo e Xosé Álvarez Castro.
Tamén terá lugar unha intervención de Aurora Marco, baixo o nome de Semblanza de mulleres pontevedresas, e, para finalizar, as actuacións do grupo de pandereteiras Adonairare e da cantante pontevedresa Ángeles Ruibal.