Vigo: Vinte anos de literatura galega, coloquio na Fundación Caixa Galicia

A Fundación Caixa Galicia prosegue co ciclo de coloquios sobre o estado da arte e a cultura galega. Este sábado xunta en Vigo a cinco dos principais piares do sector do libro: os escritores Chus Pato, Suso de Toro e Agustín Fernández Paz, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, e o crítico literario Ramón Nicolás. Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, modera o debate no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia da cidade olívica. O acto comeza ás 12 horas e a entrada é libre.

Premios da Crítica 2008

A Sección de Crítica da AELG anunciou hoxe as obras propostas para os os premios da Asociación Española de Críticos Literarios. Copiamos a seguir a anotación que publicaron a última hora da mañá no seu blog:

Reunida en Santiago de Compostela o luns 13 de abril de 2009, a Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega acorda, tras o debate e votación correspondentes, propor para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander, as seguintes obras:

-Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, da editorial Xerais.

-Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, Xerais.

De Festina Lente o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.

De Hordas de escritura destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.

A COMISIÓN XESTORA DA SECCIÓN

Presentación de Volverlles a palabra

A presentación do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo terá lugar no Ateneo de Ourense o venres 23 de marzo de 2007 ás 20:00 hs. Intervirán: Representante do Ateneo de Ourense, Xosé Carlos Sierra (delegado da Consellería de Cultura e Deporte en Ourense), Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador da publicación), Baldo Ramos (coordinador da publicación), Xesús Alonso Montero (prologuista do libro). Lerán textos literarios: Francisco X. Fernández Naval, Chus Pato, Manuel Outeiriño, Baldo Ramos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Manuel Vilanova e Víctor Campio.