Libro aberto, programa do 22 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o poeta, ensaísta e profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, que falará do seu libro de poemas Ámote vermella. A reportaxe semanal aborda a exposición co mesmo nome, Ámote vermella, conectada con dúas obras literarias: os microtextos de Carmen Blanco publicados en Atracción Total e agora o poemario de Claudio Rodríguez Fer. Este proxecto multisoporte é unha idea inspirada no número Vermellas da revista “Unión Libre”.

O programa analizará ademais a figura de Daniel Mordzinski, tamén coñecido como “o fotógrafo dos escritores”, que retratou a moitos dos grandes nomes da literatura en español, tales como Vargas Llosa, García Márquez ou Cela.

Coma sempre haberá lugar para a crítica literaria. Nesta ocasión, Isabel Soto falará do libro infantil de Manuel Rivas O sombreiro Chichiriteiro, que edita Xerais. Despois, na sección de traducións, Xesús Fraga analizará a obra Do que estou a falar cando falo de correr, do xaponés Haruki Murakami. A lectura desta semana corre a cargo de Constantino Bértolo, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra La cena de los notables. Para rematar, imaxes do documental Lister, pronunciado Liste da académica galega Margarita Ledo Andión. O filme analiza a Europa da Fronte Popular e a España da guerra civil a través da figura do dirixente comunista Líster e das mulleres que formaron parte da súa vida.

Libro aberto emítese mañá mércores 22 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Lugo: presentación de Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer

O libro Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas, preséntase hoxe 23 de marzo en Lugo nun acto que contará coa presenza do autor e do editor, Manuel Bragado. Será a partir das 19 horas na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo.

En “Ámote vermella” o poeta Claudio Rodríguez Fer e a pintora Sara Lamas berran contra o exterminio atroz das mulleres desfeitas pola represión, contra o seu esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que chaman en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror. O poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Neste poemario elexíaco recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que constitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.

Café literario con Claudio Rodríguez Fer: Galicia na obra de Borges

Hoxe xoves 29 de xaneiro ás 19 horas no Casino de Santiago o ciclo Miradas alleas celebra a primeira sesión dos seus “Cafés literarios” coa presenza de Claudio Rodríguez Fer, que falará de Galicia na obra de Jorge Luis Borges. A entrada é libre.