A Deputación de Pontevedra bota a andar a colección Medal: poesía de alta calidade feita exclusivamente por mulleres

Desde a Deputación de Pontevedra:
“A Deputación de Pontevedra presentou Violetas no asfalto, unha antoloxía poética de Lucía Novas que é o primeiro libro dunha nova serie do departamento Editorial provincial para dar a coñecer a poesía feita exclusivamente por mulleres, a Colección Medal. O acto, celebrado no Edificio Castelao do Museo, contou coa presenza da deputada responsable do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega; o coordinador da iniciativa, Antón Sobral; e a propia autora, que declamou algunhas das súas pezas.
A decisión de crear a Colección Medal e de editar a mulleres, segundo argumentou a deputada María Ortega, tomouse para compensar a grande presenza de homes en coleccións doutras épocas da institución provincial. Así mesmo, explicou que a serie tomou o nome de Medal, igual que a illa de Pontesampaio, porque no seu momento o illote foi un lugar de recitais e conversas literarias principalmente de homes e “con esta liña exclusivamente feminina, tamén se recolle nese nome a cultura e o potencial creativo das mulleres da provincia”. (…)
A selección de Lucía Novas como autora do primeiro exemplar, segundo explicou, debeuse a que hai unha “realidade incuestionable” que é que Pontevedra e O Morrazo “é unha terra que está a dar moi boas poetas de calidade contrastada”, de feito subliñou que Pontevedra debe ser considerada “a cidade da poesía”. Afirmou que a intención foi “xogar con xente de bo nivel, que xa gañou premios, e que ten poesía moi interesante, que vai dende o clásico ao principio ata unha poesía, a última, moi contemporánea, xogando coa tradición e a modernidade”.
Tamén asegurou que “a poesía é imprescindible para facer mellor o mundo”, e salientou que Medal pretende ser unha “concienzuda defensa da igualdade”. Insistiu en que xorde como compensación ás coleccións Cíes ou Tambo, esta última unha serie iniciada en abril de 2000 que rematou tres anos despois con só tres libros escritos por mulleres dos 32 editados. (…)
A autora, que se define modestamente como “unha máis no sistema literario galego”, asegura que ao crear fai poesía “que ten relación coa experiencia e coas relacións e a busca da beleza, pero non só nos ámbitos considerados normalmente, senón a busca da beleza en todas as facetas da realidade”.
O acto de presentación da Colección Medal e do seu primeiro libro Violetas no asfalto rematou coa declamación de varios poemas por parte da autora.”