Xurxo Alonso: “Este poemario ilustraríao Sendeiros de gloria

Entrevista de Cristina Pérez a Xurxo Alonso en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Cun pouco máis de repouso sobre a impresión inicial, que sensación deixa nun o gañar o XLIX Certame Literario de Vilalba?
– Xurxo Alonso (XA): Síntome moi honrado polo premio, por suposto, e cun profundo agradecemento aos membros do xurado pola confianza posta nestas Cartas de Conxo.
– EP: Que recompensa é mellor para o escritor, os 7.000 euros cos que está dotado este premio ou a publicación da obra?
– XA: O pracer dun escritor está en escribir, non en publicar. Cada libro de poesía ten unha tirada media de 500 exemplares. Os dereitos de autor por cada título poden supoñer, no mellor dos casos, 300 euros. Comprenderá vostede que este escritor, despois de nove libros no mercado, se tivese que escoller, prefire a dotación económica por riba da publicación.
– EP: Acumula xa uns cantos galardóns en concursos literarios, que o move para presentarse a este tipo de convocatorias?
– XA: Caballero Bonald dicía que os motivos que o levaban a presentarse a premios ao longo da súa carreira foron tres: por vaidade persoal, por estímulos económicos e por coxuntura editorial, unha apetencia, unha necesidade de publicar. A vaidade persoal para un escritor é coma o valor ao soldado, hai que supoñerllo. Pero hai que mantelo a raia. Moito valor pode matarte. Os outros dous motivos sempre están aí e ás veces un pesa máis ca outro.
– EP: Que función cumpren estes certames?
– XA: Son moi necesarios para aumentar o número de creadores que poidan dedicar máis tempo á escrita, e para que ao fin, o galego teña un corpus literario máis amplo. Aquí cobra razón unha divisa do superrealismo, a frase célebre de Lautréamont: “Golpe a golpe, revelación a revelación, é como a poesía se está a facer por todos”. Todos os poetas importan, non só os bos. Todos importamos. Todos podemos aprender de todos.
– EP: Ao recibir a chamada dun novo premio, mantense aínda a emoción daquel primeiro recoñecemento hai xa máis de 20 anos?
– XA: Antes era unha emoción ilusionante, que abría expectativas, agora é unha emoción máis madura, que axuda a consolidar unha traxectoria.
– EP: O xurado elixiu Cartas de Conxo por unanimidade, que cre que viron na súa obra? E que lle gustaría a vostede que visen eles e os lectores?
– XA: A primeira parte da pregunta habería que facerlla ao xurado. A min gustaríame que encadrasen o poemario na definición de poesía que fai Coleridge: “As mellores palabras na mellor orde” (…)”.

Entrevista a Alberte Momán en Cosmoversus

Entrevista de Marcos A. Palacios a Alberte Momán para Cosmoversus:
“(…) – Cosmoversus (C): Na túa literatura móveste entre a prosa e a poesía. Tamén o artigo.
– Alberte Momán (AM): Cando escribo busco fórmulas que me permitan distanciarme das etiquetas. De feito, as últimas críticas que recibín dos meus dous últimos libros de poemas trataban aos textos como relatos breves. Non me gusta limitar os conceptos a un canon, a unha estrutura ríxida ou a unha suposta universalidade definida, en gran medida, por criterios extra literarios. Dende o meu punto de vista, a arte, neste caso literaria, debe posuír un importante compoñente de experimentación e a autoría debe correr o risco de equivocarse coa fórmula empregada. A conquista do bestseller, na miña opinión, consiste en eliminar da literatura todo o risco e, por tanto, aumentar a distancia entre o libro como produto de mercado e a arte.
En canto ao artigo, é algo que tento evitar. É certo que na miña bitácora persoal opino sobre diferentes acontecementos ou, simplemente, reflexiono sobre temas de actualidade, pero iso débese máis á miña responsabilidade como individuo político, que a unha necesidade real de escribir artigos. Debido á miña profesión, como enxeñeiro técnico agrícola, en ocasións pídenseme artigos técnicos sobre a miña especialidade, as emendas cálcicas. Son artigos que realizo como obriga e cos que non sempre me sinto cómodo.
Noutras ocasións, sinto a necesidade de mostrar os motivos polos que escribo, ou definir aspectos que nos meus libros non se esclarecen, por exemplo a relación entre o concepto de micro novela psycobilly e a socioloxía.
– C: Moitas das túas novelas teñen unha compoñente fetichista e sadomasoquista. Herdanza dalgún gusto literario ou cinéfilo?
– AM: Durante a adolescencia lin a Sade, Lautréamont, Apollinaire, antes de dedicarme ao dadaísmo e o surrealismo posterior. Teño que recoñecer que, naquel momento, non comprendín a magnitude daquelas obras. Centrábame en partes rechamantes que coincidían coa miña necesidade de chamar a atención por medio da provocación. O que, desde un punto de vista político, non demostraba máis que un baleiro ideolóxico, moi propio das distintas subculturas ou culturas urbanas de diferentes épocas, non de todas, por suposto. Co tempo, coñecín a Leopold Sacher-Masoch e, con el, un ensaio de Deleuze sobre o sadismo e o masoquismo, o que marcou definitivamente o meu interese polo tema. Non tanto sobre o que sucede nas sesións de bdsm, senón nos motivos que levan ás persoas a realizar determinadas prácticas. Hai xa algúns anos, empecei a frecuentar diferentes foros, procurando testemuños que me axudasen a comprender as motivacións últimas na realización de determinadas prácticas.
Até o momento, non cheguei a ningunha conclusión, pero gústame relacionar estas prácticas coa tendencia decadente das relacións sociais que se centran na cousificación e a sexualización destas, como alivio do mal que provoca a frustración diaria. Unha alternativa a esta tendencia sería centrar a atención nunha sociedade politicamente activa que cuestione o seu papel dentro da estrutura. Unha sociedade crítica sería insostible para o sistema, polo que o estado, como brazo armado dos lobbies económicos, desvía a atención cara a outros aspectos máis asépticos da vida social. (…)”