O
sábado 22 de outubro, ás 12:00 horas, no salón nobre do castelo de Castro Caldelas, terá lugar a entrega do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, dotado con 6000 euros, e organizado polo Concello de Castro Caldelas, o Concello de Allariz, a Fundación Sotelo Blanco e a Fundación Vicente Risco, e que se lle outorgou, nesta edición, a Carlos Callón pola obra titulada Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media.
Arquivos da etiqueta: Concello de Allariz
Convocadas as bases do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Co
fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes
BASES
Primeira.– Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos, totalmente orixinais e sen poderen estar publicados nin traducidos en ningún dos formatos dixitais que ofrece internet, han tratar do estudo do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.
Segunda.– De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 30 de decembro do 2011, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos, 77, 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.– Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; indicando no sobre XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS.
Cuarta.– O xurado estará composto por cinco membros que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de votos.
Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de decembro.
Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer na segunda quincena de febreiro e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Allariz en data que se comunicará oportunamente.
Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.– Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Décima.– Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.
A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.
Santiago de Compostela, setembro do 2011
As bases poden descargarse aquí en formato pdf: Bases do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.
Carlos Callón gaña o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
“Reunido
o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica e ensaística dos traballos presentados.
2.-Conceder o XVI PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Carlos Manuel Callón Torres, domiciliado en Bertamiráns-Ames.
Neste ensaio o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.
En Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2011.”
A nova recóllese en Galicia Hoxe, Galiciaé, A Nosa Terra e Cultura Galega.