Foron entregados os premios do XXVIII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela

Desde Galiciaxá:
“O XXVIII Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López de Paradela entregou os seus premios a María Soledad García Riveiro, Xoán X. Piñeiro Cochón, Concepción Fernández López, Gabriel Estelrich Torrens e Patricia Torrado Queiruga.
Así, o primeiro premio de poesía foi para ‘As palabras son cinzas por soprar’ de María Soledad García Riveiro, o segundo premio de poesía foi para ‘Os trapecios terreais’ de Xoan X. Piñeiro Cochón, o primeiro premio de narrativa foi para ‘Follas dun caderno de coiro marrón’ de Concepción Fernández López e o segundo premio de narrativa foi para ‘Vamos con todo, Johnny’ de Gabriel Estelrich Torrens.
Por outra parte, houbo unha mención especial especial Camiño de Santiago para ‘Verba enxertada’ de Patricia Torrado Queiruga. Así, desde o Concello agradeceron a alta participación e a calidade das obras presentadas.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, destacou durante o acto, celebrado no Centro Sociocultural que leva o nome dos galardóns, que este certame, “que leva o nome da provincia de Lugo lonxe das nosas fronteiras”, demostra a riqueza cultural e a capacidade dinamizadora do rural.”

Convocado o XVIII Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López

BASES

PRIMEIRA.- Participantes.
Poderán concorrer anualmente ao Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, todos os autores que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade, admitíndose unha soa obra por categoría e autor.
SEGUNDA.- Requisitos das obras.
Os relatos terán unha extensión máxima de vinte folios, sen mínimo. As obras de poesía terá unha extensión máxima de 100 versos. En ambos casos, mecanografiadas (ou a ordenador) e a dobre espazo. Deberán ser orixinais, inéditos, non premiados en calquera outro tipo de concurso e estar escritos en galego ou en castelán, debendo estar rematadas con carácter previo á convocatoria.
TERCEIRA.- Presentación das obras.
O prazo de entrega dos relatos e da obra poética rematará o trinta de novembro de dous mil doce. As obras enviaranse por sextuplicado exemplar, sen sinatura e cun lema, ao seguinte enderezo:
CONCELLO DE PARADELA
Certame literario
(Modalidade Poesía/Narrativa)
Rúa Cabaleiros de Santiago, nº 15
27611 Paradela-Lugo
En sobre aparte e pechado, constará o lema que distinga o traballo, e no interior o nome e apelidos do autor/a, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é axustada ás normas contidas na base segunda. Abriranse soamente os sobres dos traballos premiados. No caso de que as obras se remitan mediante correo electrónico, á conta concello.paradela@eidolocal.es, deberán enviarse no mesmo correo electrónico, dous arquivos en formato PDF, un co contido da obra e outro onde constará o lema que distinga o traballo, no que conterá, no seu interior, o nome e apelidos do autor/a, domicilio, teléfono, poboación de residencia, e declaración formal de que a obra é axustada ás normas contidas na base segunda. Este segundo arquivo será custodiado pola Secretaría do Concello, entregando unicamente ao Xurado a obra e o lema da mesma. No caso de participación en ambos apartados; deberase concursar en cada modalidade por separado, utilizando un lema propio en cada caso e presentando a obra por separado. Conforme ao disposto na Lei Orgánica 15/1999 de 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, os seus datos serán tratados de forma confidencial. Poderán ser incorporados aos ficheiros do Concello de Paradela relacionados con este trámite, coa finalidade de utilizalos para as xestións municipais derivadas dos procedementos e consultas que inicia o interesado con esta solicitude. En calqueira momento poderá exercitar os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición comunicándoo mediante escrito que deberá presentar no Rexistro Xeral do Concello.
CUARTA.- Premios.
Establécese un Premio de seiscentos euros (600,00 €) para a obra que resulte seleccionada polo Xurado dentro do apartado de poesía e outro de seiscentos euros (600,00 €) para a obra que resulte seleccionada polo Xurado dentro do apartado de narrativa. O xurado reservase a facultade de conceder os accesits (carentes de dotación económica), que estime oportunos. O autor ou autores premiados convocaranse ao acto de entrega de premios, o día que estableza o xurado.
QUINTA.- Fallo do Xurado.
O Xurado designado polo Concello de Paradela emitirá o seu fallo no mes de abril de 2013 e farase público polos medios de comunicación e na paxina do web do concello; comunicándose persoalmente aos gañadores. O Xurado pode deixar deserto o premio nun ou nos dous apartados; e a súa decisión será inapelable.
SEXTA.- Dereitos sobre as obras presentadas.
O Concello de Paradela resérvase, en exclusiva, o dereito de edición das obras premiadas e accesits durante o prazo máximo de doce meses, contados dende o momento do fallo. As obras non premiadas, así como as súas correspondentes plicas, non serán devoltas, sendo destruídas despois da proclamación de gañadores do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López – 2012.
SÉTIMA.- Prerrogativas.
A resolución de todas as cuestións que poidan xurdir ou formularse nesta convocatoria son de exclusiva competencia do Concello de Paradela e do Xurado.

Paradela, 2012.”