Nova edición do torneo de poetas Slam Arousa Poesía, coa participación de Celia Parra (gañadora da primeira edición que se celebrou o 5 de outubro en Rianxo) como convidada especial. Será o domingo 4 de novembro a partir das 21:30 horas no Bar Brétema (Rúa Cervantes, 6) de Ribeira. No Slam.Arousa de Ribeira poderán competir, gozar, obter o recoñecemento do público tribunal e conseguir ademais o agasallo que outorga o Concello de Ribeira. As persoas interesadas pódense apuntar previamente no correo slam.arousa@gmail.com ou aparecer sen máis no acto, onde terá o micro aberto para a súa poesía..
Arquivos da etiqueta: Concello de Ribeira
Convocada a IV Edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira
“Convoca a Área de Cultura do Concello de Riveira e Edicións Xerais de Galicia para potenciar, apoiar e difundir a literatura en lingua galega e conmemorar a concesión do título de Cidade, outorgado pola S.M. o Rei Alfonso XIII o 23 de marzo de 1906.
1.- Poderán concorrer ao certame de novela curta todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade e/ou residencia, cun único traballo en lingua galega (empregando a normativa ortográfica e morfolóxica aprobada pola RAG en 2003) de temática libre, orixinal e inédito.
2.- A obra, cunha extensión mínima de 80.000 caracteres e máxima de 140.000 caracteres, presentarase por quintuplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados ou encadernados, sen firma ou calquera outro elemento que poida ser identificador do/a autor/a e cun lema ou pseudónimo, empregando o sistema de plica e debendo ademais incorporar un CD co arquivo dixital do texto.
3.- A plica deberá conter no seu interior os datos do autor/a e fotocopia de identificación (DNI/Pasaporte), así como declaración xurada de aceptación das bases do certame e de que a obra presentada é orixinal do/a autor/a e inédita.
4.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o 23 de marzo de 2013, aniversario da concesión do Título de Cidade a Riveira pola S. M. o Rei Alfonso XIII en 1906.
5.- Os traballos, citando IV Concurso Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, remitiranse a: Concello de Ribeira, Á/a da Área de Cultura, Praza do Concello, s/n, 15960, Ribeira, A Coruña, España.
6.- Establécese un Primeiro e Único premio de 3.000,00 €, diploma conmemorativo e publicación da obra, que será realizada por Edición Xerais de Galicia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
7.- O/A autor/a terá que recoller persoalmente o premio na data, lugar e hora que sinale a organización do certame, a non asistencia, ou delegación sen que estea debidamente xustificada por causa maior, suporá a renuncia a este.
8.- O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que non quedará deserto. Estará composto por persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura a educación e as letras galegas e emitirá publicamente o seu veredicto no mes de maio de 2013, coincidindo coa programación do Maio Cultural e Letras Galegas que organiza este concello.
9.- O acto de entrega do premio terá lugar no mes de maio de 2013, do cal se dará conta anticipadamente aos medios de comunicación e ás persoas interesadas. A publicación e presentación da obra gañadora será entre os meses de marzo e maio de 2014, acto no que tamén se convocará a V Edición do certame.
10.- Os traballos non premiados serán destruídos vinte días despois do veredicto, polo que a súa reclamación farase persoalmente e con identificación no Auditorio Municipal de Ribeira durante ese prazo.
11.- O feito de concorrer ao certame implica a aceptación das devanditas bases.”
