O 96,5% das autoras e autores exixe autorización para o uso das súas obras en intelixencia artificial xenerativa (IAX)

Destacado

Unha enquisa realizada no colectivo autorial (escritoras/es, tradutoras/es e autoras/es dramáticas/os) no Estado español revela que a inmensa maioría de profesionais considera imprescindíbel contar coa súa autorización antes de que as súas obras sexan utilizadas para adestrar modelos de intelixencia artificial xenerativa (IAX).

O estudo, promovido durante a segunda quincena de novembro, foi coordinado por entidades autorais como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), a Associació de Escriptors en Llengua Catalana (AELC), a Associació Col-legial d’Escriptors de Catalunya (ACEC) e a Asociación de Autores Científico-Técnicos y Académicos (ACTA). A elas sumáronse unha ducia de asociacións de distintas comunidades autónomas, integradas na Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, que se relacionan no final desta información.

En total, a consulta, que se levou a cabo durante a segunda quincena de novembro, dirixiuse a case 9.000 escritores/as e tradutores/as do conxunto do Estado, co obxectivo de coñecer a súa postura sobre os posíbeis usos de obras literarias, científicas e outros contidos protexidos por dereitos de autoría para adestrar modelos de IA en galego, castelán e no resto de linguas oficiais.

A sondaxe, na que participaron máis de 800 escritores/as e tradutores/as, amosa un apoio contundente á necesidade dunha autorización previa para o uso de contidos protexidos. Segundo os datos, o 96,5% das persoas enquisadas cre que ningún modelo de IA debería adestrarse con obras literarias, científicas ou de tradución sen o consentimento explícito das/os autoras/es. Ademais, o 49,9% rexeita completamente autorizar este tipo de usos, mentres que o 50,1% estaría disposta/o a consideralo, mais unicamente en troco dunha remuneración acaída.

Entre quen se opón a autorizar o uso das súas obras, máis da metade (52,2%) argumenta que a aplicación de modelos de IAX socava o valor do traballo creativo. Outros motivos inclúen o impacto directo na actividade profesional (13,7%) e a falta de transparencia no uso das obras (12%). Esa falta de transparencia no uso das obras é, de feito, un dos grandes puntos de conflito. Para o 56,2% das/os participantes, garantir claridade en como e para que se usan os seus contidos sería clave para considerar unha autorización. Por contra, só o 18,5% considera que o impacto nas vendas dos seus libros é unha barreira importante.

Cando se presenta a posibilidade de compensar economicamente as/os autoras/es, as cifras propostas por algunhas grandes compañías, como 10 dólares por libro ou 0,001 dólares por palabra, foron rexeitadas de maneira case unánime. Un 65% das persoas enquisadas cre que 10 dólares por libro é unha remuneración inaceptábel, mentres que o 68% opina o mesmo sobre os pagamentos de 0,001 dólares por palabra. En termos xerais, as/os enquisadas/os prefiren sistemas de remuneración baseados no número de palabras (58%) frente aos baseados en libros completos (31,4%).

Desde a AELG e as demais entidades promotoras, deféndese o principio de Autorización, Remuneración e Transparencia (ART), adoptado polo European Writers’ Council, como marco esencial para calquera uso de obras protexidas. As organizacións lembran que as obras literarias e científicas están amparadas pola Lei de Propiedade Intelectual e as normativas europeas, e calquera uso, mesmo no ámbito tecnolóxico, debe respectar plenamente os dereitos das/os creadoras/es.

A enquisa, desenvolta por Qbo. Investigación y Estrategia co apoio de CEDRO, puxo de manifesto a postura do colectivo ante un desafío que combina innovación tecnolóxica coa necesidade de protexer o valor do traballo literario e de tradución.

Para coñecer os detalles completos da enquisa, pode consultarse o informe completo, gráficos incluídos, aquí.

Entidades que participaron no desenvolvemento da enquisa xunto ás promotoras: Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE),  Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE).

Declaración da Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores sobre a Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX)

“A plataforma de asociacións de autoras/es, constituída a inicios de ano e que representa case 10.000 autoras/es en asturiano, éuscaro, catalán, castelán e galego, entre os que se atopa a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, aprobou unha declaración pública sobre a Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX). O texto esixe que os usos dos libros e outras publicacións con dereitos de autoría e protexidas pola Lei de Propiedade Intelectual, tanto se son para probas como para a explotación comercial da IAX, se rexan polos principios de autorización, remuneración e transparencia.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, en defensa dos dereitos de autoría, da remuneración polo uso das nosas obras e da transparencia perante a implantación da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) por parte de empresas e Gobernos.
A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores, que integran 15 organizacións autorais e case 10.000 creadoras/es literarias/os (escritoras/es e tradutoras/es), quere trasladar á opinión pública, aos partidos políticos e aos gobernos locais, autonómicos e estatal, a profunda preocupación do colectivo pola alarmante falta de recoñecemento do valor esencial (moral e xurídico) dos dereitos de autoría e dunha remuneración acaída pola utilización das nosas obras nos máis diversos ámbitos da sociedade, de xeito moi especial nun mundo dixital altamente globalizado e cunha moi precaria lexislación na materia.
A experiencia histórica demóstranos que a dixitalización incontrolada baseada no uso non autorizado nin comunicado das nosas obras causou un grave prexuízo á creación e á innovación, acentuando deste xeito a desvantaxe competitiva que padecemos con respecto ás nosas e nosos colegas da maioría dos países europeos.
Hai que salientar que as obras de escritoras/es e tradutoras/es non son simples datos susceptíbeis de se converteren en algoritmos, son a base da nosa democracia, da nosa cultura, do noso coñecemento e ciencia, e deben ser tratados, valorados e remunerados como tales. Un/ha escritor/a ou tradutor/a inviste anos estudando, analizando e consultando centos de fontes para poder escribir ou traducir unha obra, un labor que hoxe en día non é recoñecido nin é remunerado.
A modo de exemplo, o último informe da Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) sobre a remuneración polo préstamo dos nosos libros nas bibliotecas destaca que o Estado español é, xunto con Xeorxia, onde menos se remuneran escritoras/es e tradutoras/es por este uso das nosas obras.
A esta situación temos que engadir unha realidade omnipresente: a implantación da Intelixencia Artificial Xenerativa (IAX) e a necesidade, por parte das grandes plataformas e desenvolvedores, de usar unha ilimitada cantidade de obras, como os libros, os artigos publicados en diferentes medios e, en xeral, todos os materiais derivados da actividade profesional das/os creadoras/es literarias/os, foren escritoras/es, tradutoras/es ou dramaturgas/os.
O Goberno de España, tal e como declarou no seu momento o seu presidente, traballa nun modelo estatal de linguaxe de Intelixencia Artificial testado nas linguas oficiais do Estado. É unha iniciativa de carácter público que utilizará obras literarias e xornalísticas e, por tanto, estará suxeita ás obrigas derivadas da Lei de Propiedade Intelectual e de toda a lexislación relacionada de ámbito europeo, así como doutros marcos legais aplicábeis.
Nos últimos anos, o desenvolvemento do IAX está a sentar as bases dunha nova forma de explotación das nosas creacións que afecta ao contrato social do conxunto da cidadanía, utilizando métodos e prácticas non suxeitas a ningún principio salvo o beneficio económico, nalgúns casos próximas ao saqueo masivo de contidos suxeitos á lexislación antes mencionada, cuxo uso e efectos no futuro non só ignoramos as/os autoras/es, senón todos nós.
Por iso, exiximos que todos os sectores asuman a necesidade imprescindíbel dun firme compromiso de salvagardar os nosos intereses como creadoras/es e respectar o produto do noso traballo, base fundamental do tecido cultural e da industria que o sustenta e da Lei de IA da Unión Europea, primeira normativa supraestatal que, aínda que xeito insuficiente por agora, comezou a contemplalo.
Esta esixencia non só vai dirixida ao sector privado e aos grandes operadores e desenvolvedores que actúan no espazo global de internet, mais tamén, e dun xeito moi especial, ao sector público, para asegurar que o uso de obras literarias e xornalísticas, tanto para as probas da IAX como para a explotación posterior, se basee nas recomendacións feitas públicas polo Consello Europeo de Escritoras/es (EWC) o pasado 27 de xullo, entre as que destacamos as esenciais: AUTORIZACIÓN polas/os autoras/es destes usos, REMUNERACIÓN xusta e non simbólica e TRANSPARENCIA do proceso.
Unha sociedade crítica e democrática non avala a expropiación dos dereitos do colectivo a favor de grandes multinacionais que non tributan no Estado, nin o estabelecemento de sistemas opacos que non informan sobre os usos das obras ás persoas titulares e impiden calquera tipo de negociación de boa fe. E, evidentemente, recoñece o valor das súas creadoras e creadores, proporciónalles os recursos necesarios para se desenvolveren e protexe os seus dereitos. É por iso que solicitamos ás empresas, institucións e ao Goberno que:

1. Respecten, protexan e valoren os dereitos de autoría de escritoras/es e tradutoras/es como resultado do heroico traballo de escribir hoxe en día.
2. Recoñezan dunha vez unha remuneración acaída polos nosos dereitos de acordo co seu valor e o esforzo que investimos en xeralos.
3. Teñan en consideración as dez recomendacións que, en relación cos usos das obras literarias pola IAX, o Consello Europeo de Escritoras/es aprobou e trasladou ao Parlamento Europeo.

Aprobado o 30 de setembro de 2024.

Quen fai parte da Conferencia?
Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Associació Col·legial d’Escriptors de Catalunya (ACEC), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Euskal Idazleen Elkartea (EIE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE) e Sociedad Cántabra de Escritores (SCE).”

Plataforma de Demandas da Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras


Aquí poden consultarse os principais contidos da Plataforma de Demandas aprobada e feita pública pola Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras.

A Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, como froito da reflexión colectiva e dos debates que viñeron celebrándose, desde decembro de 2016, nos Encontros anuais das entidades que a integran, aproba a seguinte Plataforma de reivindicacións e demandas do noso colectivo profesional. dirixidas ás administracións responsábeis, de xeito moi especial ao Ministerio de Cultura e Deporte, ás Consellarías de Cultura dos distintos gobernos autonómicos e, dada a complexidade e a transversalidade das solucións, aos Ministerios de Facenda, Seguridade Social e Traballo do goberno central.

A. MEDIDAS PARA MELLORAR A SITUACIÓN PROFESIONAL DE ESCRITORAS/ES, TRADUTORAS/ES E DRAMATURGAS/OS

1. Lei de Propiedade Intelectual e novo contexto tecnolóxico e dixital: a actual lexislación estatal precisa adaptarse á normativa internacional e europea e apostar claramente pola defensa das/os titulares dos dereitos de Propiedade Intelectual, no actual contexto de implantación e transposición da Directiva Europea sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital e de articulación de medidas legais, nos ámbitos europeo e estatal, para salvagardar os dereitos das/os escritoras/es e tradutoras/es en todos os planos ante a implantación da Intelixencia Artificial (IA). Os obxectivos son: 1) Garantir que as Administracións se doten de medios e recursos suficientes para impedir a copia ilegal e a pirataría. 2) Remunerar as/os autoras/es polas reproducións das súas obras levada a cabo no ámbito educativo e universitario, así como no empresarial. 3) Incorporar, na transposición da citada directiva, que as/os autoras/es percibirán a “parte axeitada” dos ingresos que as/os editoras/es de prensa perciban das Plataformas polos usos de contidos autorais en Internet e redes. O 15% será o importe ao que aspiramos. 4) Protexer as obras de autoras/es e tradutoras/es e a súa orixinalidade, así como a súa xusta remuneración polos usos que poidan facerse das mesmas por parte das plataformas de IA, sempre coa autorización das/os mesmas/os e garantindo en todo momento a identidade das fontes. Traballar por lograr que a Lei Europea en fase de elaboración recolla eses principios.

2. Estabelecemento de medidas que garantan unha xusta e proporcionada remuneración dos dereitos de autoría polas editoriais, garantindo, salvo acordo en contrario, o aboamento do correspondente anticipo na sinatura do contrato. O anticipo sobre dereitos, aínda que sexa mínimo, debería ser norma e non excepción, salvo acordo en contrario entre editor/a e autor/a.

3. Exixencia de remuneración do traballo do/a escritor/a nos medios de comunicación, dixitais ou en soporte papel. Os artigos e outro tipo de colaboracións realizadas en diarios e revistas han ter sempre unha compensación económica.

4. Aprobación dunha normativa concreta que estabeleza sancións exemplares ás editoriais que estabelezan contratos abusivos sobre a obra dun/ha autor/a, ou que vulneren o principio de remuneración xusta polos dereitos da obra contratada ao/á escritor/a, ou que incumpran artificial e unilateralmente os plazos estabelecidos no contrato ou pola Lei. É imprescindíbel a subscrición dun Acordo marco entre a Federación de Gremios de Editores e as/os escritoras/es representadas/os polas asociacións asinantes.

5. Estabelecemento de mecanismos técnicos eficaces (desde a numeración de exemplares á certificación polo/a impresor/a e o/a editor/a) que permitan un estrito control de tiraxe dos seus libros aos/ás autores/as, utilizando os instrumentos que ofrecen as novas tecnoloxías da información, que permiten mesmo un coñecemento “en tempo real” das vendas por parte do/a editor/a e do/a autor/a, desenvolvendo unha política de acordos con CEGAL e con outras instancias, tanto de carácter dixital como físico, que interveñen no derradeiro elo da cadea do libro, quer dicir, no proceso de compra por parte das/os lectoras/es.

6. Garantías reais de execución das sentenzas condenatorias de calquera tribunal ás editoriais por impagamento de dereitos, ora mediante a subscrición de seguros “ad hoc”, ora mediante a creación dun Fondo Común Editorial.

7. Acompañamento da articulación e desenvolvemento, a través dos Institutos Oficiais que teñen como obxectivo a promoción tanto interna como externa das súas respectivas linguas e literaturas ou doutras institucións que poidan cumprir esa función, dos necesarios instrumentos para a tradución e edición no exterior das obras de autoras/es que escriben nas distintas linguas presentes no estado.

8. Potenciación e incremento das subvencións e axudas de ámbito estatal e autonómico á edición. Consolidación e ampliación das axudas á tradución e á creación literarias adaptándoas á nova realidade tecnolóxica.

9. Modificar o Real Decreto Lei de abril de 2019 sobre compatibilidade entre pensión de xubilación e percepción de dereitos de autoría ou ingresos derivados de actividades contempladas baixo o epígrafe de actividades artísticas, de tal xeito que se contemplen todas as modalidades de xubilación e prexubilación: as pensións por incapacidade laboral permanente, as non contributivas, as pensións con complementos a mínimos ou as resultantes dunha xubilación anticipada.

10. Exiximos unha rápida adaptación dos procesos administrativos e da formación do funcionariado dos organismos responsábeis de aplicar o citado Real Decreto de 2019 e os seus desenvolvementos. Non é tolerábel que autoras/es con dereito á compatibilidade teñan que recorrer en distintas instancias e someterse a demoradas esperas por puro descoñecemento das novidades por parte do funcionariado.

11. Adaptación do Réximen Especial de Traballadores/as Autónomos/as ás características do traballo do/a escritor/a naqueles casos en que este/a opte polo desenvolvemento do seu labor baixo ese réxime, vinculando as súas cotizacións ao nivel de ingresos anual e ao carácter intermitente do seu labor. A cota reducida á Seguridade Social estabelecida para “Artistas” debe ser estendida na súa aplicación ás/aos autoras/es literarias/os (escritoras/es, tradutoras/es, dramaturgas/os). Creación da epígrafe AUTORES/AS LITERARIOS/AS no IAE, e dunha casa específica para RENDEMENTOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL na declaración do IRPF.

12. Regular, de acordo coa normativa europea, a remuneración do préstamo bibliotecario ás/aos autoras/es, centralizando a obriga de pagamento no Goberno do Estado e nas Comunidades Autónomas e estabelecendo unha tarifa xusta. Deuse un paso importante situando ese pagamento nas Deputacións Provinciais, mais é fundamental simplificar o proceso na dirección apuntada.

13. Estabelecer un acordo que garanta a participación de autoras/es literarias/os e xornalistas nunha porcentaxe xusta dos ingresos que as/os editoras/es de prensa perciban en concepto de copia privada da entidade de xestión colectiva dos dereitos correspondentes (CEDRO).

14. Acadar unha relación permanente e estruturada das entidades autorais co Instituto Cervantes e cos organismos difusores e promotores das distintas culturas e linguas peninsulares como poden ser o Institut Ramon Llull, Etxepare Euskal Institutua ou o Consello da Cultura Galega, entre outros, nos seus correspondentes ámbitos de competencia, co fin de participar na proposta de actividades no exterior e na presenza de escritoras/es, tradutoras/es e dramaturgas/os nos programas literarios dos centros das citadas entidades fóra do Estado.

15. Articular medidas eficaces contra a pirataría, garantindo a seguridade xurídica á comercialización da obra das/os autoras/es en Internet e a axilización dos procedementos para salvagardar os dereitos de Propiedade Intelectual contemplados no artigo 158 da Lei.

16. Tratamento fiscal á venda de libros en dominio público. Estudo da creación dun gravame dunha porcentaxe a determinar sobre cada libro vendido ou prestado cuxos dereitos xa sexan parte do dominio público co que crear un Fondo de Solidariedade para o colectivo de escritoras/es, de cara a atender posíbeis situacións de exclusión social.

17. Creación, por parte do Goberno do Estado ou, no seu caso, do Parlamento, dunha Xurisdición da Propiedade Intelectual, co correspondente Xulgado Central, algo que por experiencia se sabe que é unha necesidade obxectiva, dadas as limitacións existentes no ámbito xurídico en todo o referido á propiedade intelectual.

18. Incorporar, na Lei de Ensinanzas Artísticas, a Escrita Creativa como unha nova disciplina e co mesmo rango de Ensinanza Artística Superior que hoxe teñen asignadas Música, Danza ou Deseño, entre outras.

B. PARA MELLORAR A INDUSTRIA DO LIBRO E FAVORECER O LABOR PROFESIONAL DAS/OS AUTORAS/ES

1. Desenvolver políticas en favor da lectura e do libro no ámbito da Educación. É preciso incrementar o gasto educativo e as iniciativas de fomento da lectura no ámbito escolar, así como desenvolver unha política activa de potenciación das bibliotecas de aula.

2. Elaborar e pór en marcha unha nova Lei de Mecenado que sirva para facilitar o desenvolvemento e o investimento nas industrias culturais, adaptada ás novas realidades.

3. Colaborar coas administracións no desenvolvemento do PLAN DE FOMENTO DO LIBRO E A LECTURA para que poida afrontarse o futuro desta decisiva actividade con perspectiva de éxito. Necesidade de coordinar o plan estatal cos das Comunidades Autónomas e dos Concellos. As asociacións que forman parte da Conferencia comprométense a exixir nos seus ámbitos territoriais o deseño e a posta en marcha dese tipo de Plans.

4. Apoiar unha campaña para prestixiar as librarías como puntos de referencia cultural. Unha campaña coa que deberían implicarse a fondo as Comunidades Autónomas e os concellos.

5. Dotar de orzamento suficiente as bibliotecas públicas e velar para que as compras das mesmas se fagan en librarías de referencia.

6. Elaborar un Regulamento da Lei do Libro que desenvolva o procedemento sancionador para as vulneracións á Lei aludida.

7. Dotar con fondos suficientes unha liña de crédito ICO para librarías. A idea é que as librarías poidan modernizarse tecnolóxica e fisicamente. Elaborar, nese contexto, un Plan de apoio e promoción das librarías no conxunto do Estado e apoiar economicamente, nas Comunidades, aquelas librarías que fomentan, de xeito especial, as/os autoras/es das mesmas.

8. Consolidar e ampliar o Bono Cultural para a xente máis nova. É un obxectivo posíbel, tal e como demostrou hai anos, nese sentido, o goberno vasco, e evidenciando coa posta en marcha recentemente dun bono cultural xove para o conxunto do estado.

9. Harmonizar as medidas adoptadas polas distintas Comunidades Autónomas para apoiar a adquisición de libros de texto e material educativo no ensino obrigatorio para o conxunto das familias, nomeadamente para as máis desprotexidas.

10. Fomentar os procesos de dixitalización dos fondos bibliográficos e a creación de plataformas de distribución de contidos dixitais. O sistema estabelecido baixo a denominación e-Biblio é un exemplo a seguir.

11. Garantir o investimento continuado e crecente no desenvolvemento de todas as redes e sistemas bibliotecarios de todo tipo de bibliotecas, cumprindo así coas obrigas legais en materia de bibliotecas e mellorando a vida da cidadanía nunha sociedade máis inclusiva e informada e proporcionando mellores perspectivas de futuro.

12. Articular a presenza do colectivo de escritoras/es, a través das súas organizacións, como instancia de interlocución coas Administracións para a resolución dos problemas que afectan o desenvolvemento do seu labor.

13. Exixencia dun maior protagonismo dos medios de comunicación de carácter público (autonómico, estatal e locais) na promoción da cultura, especialmente do mundo do libro. Os medios públicos deben ser belixerantes neste terreo.

14. Incremento dos recursos destinados ás editoriais independentes para a edición de libros, a adquisición de novos títulos por parte da rede de bibliotecas públicas e por parte dos Centros Culturais, Cívicos e Universidades Populares dependentes dos distintos niveis da administración.

ASOCIACIÓNS QUE APOIAN A PLATAFORMA DE DEMANDAS
Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Euskal Idazleen Elkartea (EIE)

Nace a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores

“Os días 15 e 16 de marzo, os representantes de 16 asociacións de escritoras e escritores de todo o Estado que escriben nas súas diferentes linguas (castelán, éuscaro, catalán, galego e asturiano), constituirán no Espazo Santa Clara, na cidade de Soria, a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores. A escolla da cidade para constituír a Conferencia é unha homenaxe por parte das entidades que conformarán a Conferencia ao poeta Antonio Machado no 85 aniversario do seu exilio e a súa morte, pola significación que tivo a cidade na súa obra e na difusión universal dunha poesía profundamente comprometida coa dignidade persoal e colectiva e cos dereitos humanos.

Desde o ano 2016, estas entidades veñen celebrando, con carácter anual, por iniciativa da Asociación Colegial de Escritores (ACE) e co patrocinio de CEDRO, un Encontro Estatal (en Madrid e Alcalá de Henares) para valorar os grandes asuntos e demandas que afectan, desde o punto de vista profesional e do cumprimento da Lei de Propiedade Intelectual, a escritoras/es, tradutoras/es e dramaturgas/os de todo o estado. A Conferencia constituirase, así, nunha plataforma estábel de coordinación das citadas entidades ante as distintas Administracións. En Soria estarán representados case 9.000 escritoras/es, tradutoras/es e dramaturgas/os que forman parte delas e as aspiracións de todo o colectivo autoral.

O venres 15, as/os representantes das Asociacións, tras seren recibidas polo Concello, debaterán e, no seu caso, aprobarán a acta fundacional da Conferencia e a Plataforma de demandas ás Administracións Públicas, así como unha Declaración contra a censura e pola liberdade de expresión e de creación literaria e artística ante a reiteración, nos dous últimos anos, de casos vulneradores do artigo 20 da Constitución levados a cabo por distintas administracións locais, provinciais ou autonómicas.

Todas as asociacións fundadoras da Conferencia participaron activamente nas iniciativas que o mundo da cultura, nomeadamente da cultura escrita, puxo sobre a mesa nos últimos anos, comezando pola Plataforma Seguir Creando, nacida en 2015 para defender os intereses das/os creadoras/es ante as sancións que o goberno de entón impuxo a escritoras/es e tradutoras/es xubiladas/os, algúns moi coñecidos, por seguiren creando e recibindo dereitos de autoría despois da xubilación.

Aquela loita, con gran repercusión mediática, desembocou na redacción do Informe sobre o Estatuto da/o Artista, aprobado por unanimidade polo Congreso dos Deputados e cuxa concreción e desenvolvemento se veñen realizando, non sen dificultades, desde abril de 2019.

A Plataforma de demandas que se aprobará o venres na reunión constitutiva farase pública o sábado día 16 no acto de fundación da Conferencia. No seu borrador recóllese, de xeito prioritario, a exixencia de culminación do citado Estatuto, co pleno cumprimento dos compromisos estabelecidos en materia de compatibilidade pensións-dereitos de autoría, dunha cotización especial en autónomos que, ademais, contemple a intermitencia, así como unha fiscalidade que conteña un capítulo de “ingresos derivados da propiedade intelectual”.

Tamén se exixirá a modificación da norma que traspón á lexislación estatal a directiva europea sobre Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital e a “axeitada” retribución a autoras/es e xornalistas polos usos dos seus contidos en Internet, así como a actualización, achegándoa aos estados máis avanzados da Unión Europea, das tarifas por préstamo bibliotecario, de tal xeito que se beneficio diso o colectivo autoral.

Outras demandas presentadas son: o reforzamento dos niveis de transparencia no proceso de venda de libros; a exixencia de compensación económica a escritoras/es e xornalistas pola colaboración nos medios de comunicación, sexan en papel ou dixitais, e pola participación en actos culturais de institucións e entidades privadas; a articulación dun tratamento fiscal que beneficie ás autoras e autores, aos libros de dominio público ou á creación, no ámbito xudicial, dunha xurisdición de Propiedade Intelectual.

A Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores elixirá, na reunión do venres 15 de marzo, unha persoa representante das entidades que a constitúen que exercerá, con carácter provisional, a función de voceira/o no acto público de sinatura do día 16. Posteriormente, unha vez constituída, elixirá o seu órgano reitor e o seu coordinador ou coordinadora, cun mandato de dous anos.

Os actos do sábado serán presentados pola escritora e xornalista Marisol Artica. Tras a sinatura do documento fundacional, terá lugar unha conversa sobre “o oficio de escritor/a” entre Manuel Rico e Luis Landero, Premio das Letras Españolas 2022. O concerto “A voz plural dos poetas, con Antonio Machado”, no que os cantautores Moncho Otero e Rafa Mora porán música a poemas de distintas autoras/es e escritos nas distintas linguas do Estado, porá fin aos actos constitutivos da Conferencia.

Constitúen a Conferencia de Asociacións de Escritoras e Escritores:
Asociación Colegial de Escritores de España (ACE), Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), Euskal Idazleen Elkartea (EIE), Asociación de Escritores de Euskadi – Euskadiko Idazleen Elkartea (AEE-EIE), Asociación Valenciana de Escritores y Críticos Literarios (CLAVE), Asociación de Escritores y Escritoras de Extremadura (AEEX), Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), Asociación Colegial de Escritores de Cataluña (ACEC), Asociación de Escritores de Castilla La Mancha (AECLM), Asociación Navarra de Escritores/as – Nafar Idazleen Elkartea (ANE-NIE), Sociedad Cántabra de Escritores (SCE), Nueva  Asociación Canaria de Escritores (NACE), Asociación de Escritores y Escritoras de Asturias (AEA), Asociación Riojana de Escritores (ARE).”

As/Os escritoras/es presentan ao Ministerio de Cultura un manifesto en defensa dos dereitos de autoría no mercado dixital europeo

Ante a próxima transposición da Directiva de Dereitos de Autoría no Mercado Único Dixital, a Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras do Estado Español (á que pertence a AELG) que representa a máis de 6.000 autoras/es, enviou esta semana un manifesto ao Ministerio de Cultura e Educación, no que solicita o recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria e a irrenunciabilidade do dereito de autoría recoñecido no artigo 15 desta directiva.
Baixo o título Manifesto pro-dereitos de autoría para as/os escritoras/es, xornalistas e outras/os autoras/es, a norma europea prevé no seu artigo 15 un dereito conexo a favor das/os editoras/es de prensa, con participación das/os autoras/es, polos usos dixitais que realizan dos seus contidos determinados servizos de información, tales como agregadores e buscadores. O Estado deberá traspoñer esta directiva ao seu ordenamento xurídico antes do 7 de xuño deste ano.
Neste sentido, as asociacións que forman esta Conferencia lembran que «esa directiva recoñece ás/aos xornalistas, escritoras/es e titulares de dereitos sobre obras e outras prestacións incorporadas ás publicacións de prensa, unha parte axeitada dos ingresos percibidos polo/a editor/a en concepto deste dereito». O texto reclama «transparencia na súa xestión» e, para iso, solicitan o «recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria para este dereito unido á consideración de irrenunciabilidade» como única forma de facer efectivo este dereito.

MANIFESTO PRO-DEREITOS DE AUTORÍA PARA ESCRITORAS/ES, XORNALISTAS E OUTRAS/OS AUTORAS/ES

Moitas/os escritoras/es colaboramos, xunto a xornalistas e outras/os autoras/es, cos medios de prensa con artigos que, tras a súa publicación, son utilizados en internet polos servizos da sociedade da información, tales como agregadores e buscadores, sen solicitar autorización nin abonar cantidade algunha.
Para remediar esta situación notoriamente inxusta, a Directiva Europea de dereitos de autoría de 2019 recoñeceu, no seu artigo 15, un novo dereito conexo para o/a editor/a de prensa. De agora en diante, eses usos dixitais deberán efectuarse coa autorización dos/as seus/súas autores/as. Ademais, esa directiva recoñece ás/aos xornalistas, escritoras/es e titulares de dereitos sobre obras e outras prestacións incorporadas ás publicacións de prensa, unha parte axeitada dos ingresos percibidos polo/a editor/a en concepto deste dereito. Que este novo dereito sexa unha realidade para uns/unhas e outros/as esixe a transparencia na súa xestión, isto é, que as tarifas, as recadacións e as reparticións sexan públicas e transparentes e queden fóra do alcance das presións das grandes empresas tecnolóxicas que usan os nosos contidos para os seus negocios na rede.
O recoñecemento da xestión colectiva obrigatoria para este dereito unido á consideración de irrenunciabilidade, son os instrumentos legais que permiten conseguir dita transparencia. Por todo iso e ante o risco de que estes dous elementos de garantía non se contemplen na transposición de devandito artigo, esiximos:
A implementación na Lei estatal do artigo 15 da Directiva Europea co recoñecemento dese novo dereito, establecendo a súa irrenunciabilidade.
A xestión colectiva obrigatoria do mesmo.
En caso de que estes elementos non se contemplasen, estarase a expropiar á parte máis feble, ao/á autora, de novo, outro dereito social conquistado tras anos de loita, así como establecendo un precedente para a viraxe do modelo de protección dos dereitos de autoría cara a teses puramente mercantilistas.
A xestión colectiva obrigatoria foi un soporte moi importante para que o noso colectivo poida desenvolver gran parte da súa actividade, non só con carácter xeral durante os últimos 30 anos, senón tamén, e moi especialmente, ter un soporte de protección social e de apoio no seu labor profesional que se fixo aínda máis evidente, até ser imprescindíbel, en momentos tan duros como os orixinados pola pandemia que estamos a padecer.

A Conferencia de Asociacións de Escritores e Escritoras, coordinadora de ámbito estatal, está integrada pola Asociación Colexial de Escritores (ACE), a Asociación Colexial de Escritores de Cataluña (ACEC), a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC), a Asociación de Escritores de Euskadi-Euskadiko Idazleen Elkatea (AEE/EIE), a Asociación Aragonesa de Escritores (AAE), a Asociación Escritores e Críticos Literarios de Valencia (CLAVE), a Asociación de Escritores Estremeños (AEEX), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Nova Asociación Canaria de Escritores (NACE), a Asociación Navarra de Escritores-Nafar Idazleen Elkatea (ANE), a Asociación de Escritores da Rioxa (ARE), a Sociedade Cántabra de Escritores (SCE) e a Asociación de Escritores de Castela-A Mancha (AECLM).