Ampla reportaxe en Cultura Galega: “Malia a estar recoñecido como un dos grandes das nosas letras, non cabe dúbida de que Álvaro Cunqueiro é tamén un autor controvertido. Debates ideolóxicos, modas literarias, e itnerpretacións dispares danse cita arredor da súa figura. Agora, o congreso Mil e un Cunqueiros organizado polo Consello da Cultura Galega e mais as tres universidades, tenta botar luz sobre a súa figura. Entre moitas outras cuestións que se tratan neste evento está a do herdo que o mindoniense deixou nas nosas letras. (…)”. No mesmo medio tamén aparece esta referencia sobre a intervención de John Rutherford.
Arquivos da etiqueta: Congreso Mil e un Cunqueiros
“Xosé Miranda rexeita o realismo máxico de Cunqueiro e alborota o congreso”
‘ (…) Pepe Cáccamo (…) foi repasando a “herba que nace enriba da obra literaria de Cunqueiro“, mencionando autores que, a través da súa poesía ou mediante ensaios, mostraron “entusiasmo e admiración, mesmo de reverencia, diante de Herba de aquí ou acolá” no volume de poesía completa publicado en 1980. Logo interveu Xosé Miranda, que comezou contradicindo a militancia na modernidade de Cunqueiro, que o día anterior destacaran os poñentes en Santiago: “Cunqueiro é un antimoderno no sentido persoal, ideolóxico e estético”. Argumentou Miranda que como o escritor mindoniense non gustaba do mundo que habitaba “elixe un pasado mellor”, como fixeran Tolkien o Borges. “A de Cunqueiro non é literatura fantástica, é literatura do marabilloso”, afirmou, matizando que fixo que “ese mundo marabilloso ancore no mundo real”. Na súa opinión, o autor de Merlín e familia “utiliza o humano para que se faga natural ou sobrenatural”. Antes de ser bombardeado con preguntas por parte dos asistentes aos que alborotou coa súa intervención, Miranda asegurou de Cunqueiro que “eleva o pobo a categoría de príncipes” debido a que “é fondamente anticostumista”.’ Vía La Voz de Galicia. Tamén reseñado en La Opinión.
‘César Antonio Molina di que Cunqueiro imprimiu estilo ”orixinal” á poesía e narrativa’
“O escritor e ex ministro de Cultura César Antonio Molina asegurou hoxe que Álvaro Cunqueiro outorgou á poesía e á narrativa un estilo “propio orixinal”. Molina pronunciou esta mañá a conferencia inaugural do congreso Mil e un Cunqueiros, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas tres universidades galegas para conmemorar o centenario do escritor (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). O ex ministro dixo de Cunqueiro que foi o escritor galego “máis importante do século vinte” e relatou as súas experiencias con Álvaro Cunqueiro, ao que coñeceu nos anos sesenta, así como as lecturas que realizou sobre a súa obra. (…) “Foi sempre un autor que invadiu a poesía e a narrativa intercomunicando ambos os xéneros cun estilo propio orixinal”, dixo Molina de Álvaro Cunqueiro. O ex ministro cualificou ao autor mindoniense como un home “escéptico” e agregou que Cunqueiro “comprendeu que as posibilidades de sobrevivir culturalmente era a través da imaxinación”. Ademais, destacou que, como narrador, Álvaro Cunqueiro foi bilingüe e que no campo do xornalismo utilizara fundamentalmente o castelán, mentres que cando escribía poesía escribía en galego e “era profundo e consustancial”. A César Antonio Molina precedeuno no uso da palabra o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que destacou o “poder de atracción” de Álvaro Cunqueiro. Villares sinalou que Cunqueiro “conta moitas cousas que remiten a mundos que coñecemos máis ou menos directamente”, pero precisou que “convén” imprimir “universalidade a eses mundos de Cunqueiro”.” Vía Galiciaé. Reseñado tamén en Cultura Galega, Xornal, Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.
Congreso Mil e un Cunqueiros, do 28 de setembro ao 1 de outubro
“En 2011 cúmprense cen anos do nacemento de Álvaro Cunqueiro Mora. Esta conmemoración supón unha oportunidade para revisar o legado do escritor mindoniense, facer balance dos estudos cunqueirianos e propiciar novas aproximacións críticas á súa obra.
A dimensión galega e universal da obra e da figura de Álvaro Cunqueiro convertérono nun factor privilexiado para a proxección de Galicia no mundo. O pensamento e a imaxinación cunqueiriana renovaron a conciencia dos propios galegos sobre si mesmos, establecendo novas pautas que contribuíron a definir a identidade galega e a imaxe do noso país.
No marco das diferentes conmemoracións que ao longo deste ano van ter lugar por toda a xeografía galega (exposicións, faladoiros, concertos, representacións teatrais…), o Consello da Cultura Galega, coa colaboración das universidades galegas, organiza o Congreso Mil e un Cunqueiros. A súa finalidade é servir de foro para o debate académico e o intercambio científico, con especial atención á presentación dos resultados das investigacións en curso sobre Álvaro Cunqueiro. O Congreso pretende ser un punto de encontro entre investigadores, profesores e estudantes da comunidade académica galega, peninsular e internacional, e favorecer o diálogo interdisciplinar e intercultural arredor da obra do mestre mindoniense.
O programa, que pode estar suxeito a cambios, pode consultarse aquí:
* Mércores, 28 de setembro:
Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro s/n.). Santiago de Compostela:
– 10:00 h. Inauguración
– 10:30 h. Conferencia As miñas lecturas de Cunqueiro, por César Antonio Molina (Casa del Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez).
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro: o derradeiro dos tradutores-mestre da Península Ibérica?, por Thomas Harrington (Trinity College, Hartford-Connecticut).
– 13:00 h. Mesa redonda Achegas á biografía cunqueiriana: Xosé Luís Franco Grande (escritor),
Rexina Vega (Universidade de Vigo) e Xosé M. Dasilva (Universidade de Vigo)..
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 18:00 h. Mesa redonda Cunqueiro e os medios de comunicación: Miguel Somovilla (Director de comunicación da RAE), Iago Castro (Universidade de Vigo) e Manuel Outeiriño (Universidade de Santiago de Compostela).
– 19:30 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, unha mirada holística, por Anxo Tarrío (Universidade de Santiago).
* Xoves, 29 de setembro:
Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza, 9).
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 11:30 h. Pausa.
– 12:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro, José J. Veiga e a literatura fantástica, por Regina Zilbermann (Universidade de Rio Grande do Sul).
– 13:00 h. Mesa redonda O herdo de Cunqueiro: Xosé María Álvarez Cáccamo (escritor), Francisco Salinas (Universidade da Coruña) e Xosé Miranda (escritor).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Cando xogan dobre a novela e o seu autor. Proceso de configuración textual en Merlín e familia/Merlín y familia, por Martine Roux (Universidade de Angers).
– 20:00 h. Proxección cinematográfica (CGAI).
* Venres, 30 de setembro:
Consello da Cultura Galega. Santiago de Compostela:
– 09:30 h. Sesións de comunicacións.
– 12:00 h. Conferencia Cunqueiro en castelán. Breve historia dunha recepción, por Fernando Valls (Universitat de Barcelona/Universidade de Berlín).
– 13:00 h. Mesa redonda O popular en Cunqueiro, con María Xesús Nogueira (Universidade de Santiago de Compostela), Camino Noia (Universidade de Vigo) e Marcial Gondar (Universidade de Santiago de Compostela).
– 16:30 h. Sesións de comunicacións.
– 19:00 h. Conferencia Os lugares do intelectual, por Jordi Gracia (Universitat de Barcelona).
– 20:00 h. Representación teatral.
* Sábado, 1 de outubro:
Vigo, nun lugar pendente de confirmación
– 10:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e o fetichismo sentimental, por Alberto Moreiras (TAMU, Texas A&M University).
– 11:00 h. Mesa redonda Os outros mundos de Cunqueiro, con César C. Morán Fraga (escritor), Carlos Paulo Martínez Pereiro (Universidade da Coruña) e María Xesús Lama (Universitat de Barcelona).
– 13:00 h. Conferencia Álvaro Cunqueiro e a tradición literaria anglófona, por John Rutherford (Universidade de Oxford).
– Inscrición:
A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do Consello da Cultura Galega. O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza. As persoas con comunicación aceptada deberán seguir o mesmo procedemento de preinscrición que o resto das persoas interesadas (formulario de preinscrición). O número de prazas é limitado (100 persoas).
– Tarifas de inscrición:
O pagamento da matrícula realizarase no prazo sinalado para a inscrición de asistentes (con ou sen comunicación), do 15 de xuño ao 15 de setembro, no seguinte número de conta: NOVACAIXAGALICIA 2091-0300-47-3110063172. Importante: O pagamento da matrícula só se efectuará unha vez que a organización confirme mediante correo electrónico a dispoñibilidade de praza.
• Inscrición con comunicación: 40 euros.
• Inscrición sen comunicación: 20 euros.
• Parados e estudantes: desconto do 50% sobre as tarifas anteriores.
Para formalizar a matrícula debe enviarse o xustificante de pagamento. Se está nos grupos de matrícula reducida, debe incluír tamén unha copia da tarxeta do paro ou da matrícula no curso 2010-2011.”
Aberto o prazo para a presentación de comunicacións para o Congreso Mil e un Cunqueiros
O prazo remata o 31 de marzo do 2011. Toda a información neste enlace.