Arquivos da etiqueta: Consellería de Cultura
Comunicado da AELG ante a renuncia de Agustín Fernández Paz a aceptar o Premio da Cultura 2010
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, coñecido o fallo dos Premios da Cultura Galega 2010, outorgados pola Consellería de Cultura, traslada os seus parabéns ao noso socio Agustín Fernández Paz, premiado nesta convocatoria por vontade do xurado participante, ao tempo que quere facer público o seu inequívoco apoio á decisión tomada polo noso Socio de Honra de non aceptar este premio.
A AELG quere salientar a proxección do escritor Agustín Fernández Paz, autor de extensa e excelsa obra literaria que o ten convertido nas últimas décadas en referente indiscutíbel da literatura infantil e xuvenil no mundo, como explicitamente denota o altísimo volume de vendas dos seus títulos, a diversidade lingüística á que as súas novelas teñen sido traducidas e o múltiple recoñecemento co que ten sido agasallo en forma de prestixiosos premios de ámbito nacional, estatal e internacional.
Agustín Fernández Paz arrombou a diglosia errática á que a historia sociolingüística diacrónica nos conduciu, e aínda conduce na actualidade, e aceptou, sen prexuízos, a lingua propia e oficial, o galego, para guiarnos por multitude de viaxes reais e imaxinarias, itinerarios trazados en tempo presente, pasado e futuro, da man de personaxes novos e adultos, mesmo daqueles invisibilizados. Porque na obra narrativa de Agustín Fernández Paz, unha sensibilidade exquisita provocou que as mulleres, as nenas, tamén se convirtan en protagonistas activas e heroínas desenmascadoras que merecen o primeiro plano do relato, nunha evidente aposta metonímica pola agardada igualdade a todos os efectos na vida do noso día a día.
Eis o reto persoal: converter, a contrafío, en realidade visíbel, tanxíbel e veraz unha literatura infantil e xuvenil propia, en galego, contada desde nós, mais con vocación de universalidade. Conseguido o reto, e partillado polo noso mundo das letras, desde a AELG sumámonos ao exemplo de coherencia manifestado polo noso socio, que delata un compromiso vital e literario coa lingua galega, representada nomedamente na súa literatura, sempre en incesante proceso de recuperación e enriquecemento desde a súa pluma.
Consello Directivo da AELG
Entre o cinto apretado e a incerteza
Cultura creará unha Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos
A Consellería de Cultura e Turismo saca a concurso a organización das Feiras do Libro
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura saca por primeira vez a concurso público a organización dos actos das feiras do libro de Galicia 2010 por un importe de 260.000 euros, segundo o publicado no Diario Oficial de Galicia de onte, día 21 de xaneiro. A Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e a Federación de Libreiros de Galicia organizarán dez feiras en diferentes vilas e cidades galegas de abril a agosto do 2010. Nestes eventos o sector editorial ofertará unha ampla variedade das novidades literarias en todo tipo de soportes. [Ler nova completa]
A Consellería de Cultura renuncia a organizar este ano o Culturgal
A Consellaría de Cultura non fixo aínda ningunha comunicación oficial, mais segundo informa hoxe Vieiros “o director xeral de Promoción e Difusión da Cultural, Francisco López, comunicoulle o venres pasado á Asociación Galega de Editores que a Consellaría non conta con orzamento suficiente para organizala nos meses que restan de ano, aínda que se comprometeu a apoiar a súa celebración no ano 2010”. [Ler noticia completa en Vieiros]
Noticia relacionada: A Concellaría de Cultura da Coruña expresa o seu malestar pola decisión da Xunta de non convocar este ano o Cultural
Roberto Varela, novo Conselleiro de Cultura e Turismo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.