Xosé Daniel Costas Currás: “As mulleres foron fundamentais na construción de Moaña”

Entrevista a Xosé Daniel Costas Currás en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): De que vai falar durante o roteiro que guiará por Moaña?
– Xosé Daniel Costas Currás (XDCC): O roteiro percorrerá Moaña dende o Porto de Pasaxe ata o Concello. Imos ir facendo diferentes paradas centrándonos no mar e na memoria das mulleres, que tanto transformaron o mar e tanto o traballaron: no laboral, no ecolóxico e no xeito de vivir. Ao longo do percorrido irei lendo poemas adicados a mulleres redeiras, mariñeiras a mulleres que venden na praza, mariscadoras, ecoloxistas. Tamén iremos facendo diferentes paradas: no Mercado de Abastos, no mercadiño que se celebra todos os sábados, onda as mulleres que venden produtos do campo,… queremos interactuar coas mulleres de Moaña. Tamén imos parar en puntos que eu considerei que teñen trascendencia, como a estatua dos mariñeiros ou unha rúa do centro, onde lerei un poema adicado a Cándida Lago.
– DP: Vai empregar unicamente poemas seus ou de máis autores?
– XDCC: Eu tíveno fácil, porque collín todos os meus poemas, teño moita produción de textos vinculados co mar e vinculados con mulleres, e coloqueinos nos lugares de Moaña máis acaídos. O meu primeiro libro chámase Conservas e con el acadei o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel falo das conservas e da memoria, tanto miña coma da miña nai e das mulleres que me ensinaron a edificar a miña vida. Hai tamén moita temática das conserveiras da zona de Meira, e aproveitaremos o espazo de Moaña para ver Meira e explicar máis alá do centro da vila outros elementos que son importantes na vida moañesa.
– DP: Vai falar da muller traballadora en xeral ou tamén dalgún personaxe feminino destacado?
– XDCC: Falaremos globalmente da muller como traballadora, pero tamén queremos achegar o próximo. Falarei de mulleres anónimas, pero explicando quen son, que axudaron a construír Moaña. Tamén emprego personaxes que tiveron importancia na vila, que teñen rúas adicadas, que tiveron un traballo ecolóxico ou cultural importante. E tamén falaremos de memoria histórica, a través de persoas que estiveron toda a vida vinculadas ao mar pero que, por diferentes motivos, sufriron o exilio forzado na época da Guerra Civil.
– DP: Moaña non sería o mesmo sen as súas mulleres.
– XDCC: Non. A miña primeira frase en Conservas, está adicada a todas as mulleres que me ensinaron a ser muller. As mulleres son parte fundamental na construción social, marítima e económica de Moaña, porque levan toda a vida traballando na conserva, no marisqueo…, e conseguiron grandes reivindicacións laborais. Son capaces de que o Estado lles recoñeza o seu traballo e poder vivir con pensións dignas. Marisqueiras, redeiras… todas fixeron un gran traballo no pasado e tamén no momento actual, pois hoxe por hoxe está a Asociación de Mulleres de Moaña, que traballa fortísimamente. Temos moi presente como no pasado as mulleres axudaron a construír Moaña. (…)”

Vigo: presentación de Conservas, de Daniel Costas Currás

O mércores 3 de novembro, ás 20:00 h., no Museo do Verbum (Casa das palabras) de Vigo, a Lonxa Literaria de Moaña presenta o libro conservas de Xosé Daniel Costas Currás, obra gañadora do XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do concello de Dodro e publicado pola editorial Sotelo Blanco. Soledad Ríos, presidenta da Lonxa Literaria presentarán ao autor e ao proxecto cultural da Lonxa. Asistirá á presentación o mestre e poeta Anxo Angueira e deseguido o autor fará un percorrido por diferentes poemas do libro.