Desde a Deputación da Coruña:
“Silabario da peste de Lupe Gómez e Contra natura de Daniel Asorey son as obras gañadoras do Premio González Garcés de poesía da Deputación da Coruña que chega este ano a súa vixésima edición. O premio, que se concede ex aequo, está dotado con 6.500 € máis a publicación das obras.
Un xurado composto polas poetas Lorena Conde, María Lado, Ánxela Lema, Eli Ríos e Antón Lopo co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria, decidiu conceder a XX edición o Premio González Garcés ex aequo a Lupe Gómez e Daniel Asorey polas súas obras Silabario da Peste e Contra natura.
Da obra de Lupe Gómez o xurado destaca que é un “libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante”.
En canto ao poemario de Daniel Asorey o xurado puxo fincapé na interesante “incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía”.
O xurado destaca tamén o alto nivel dos máis de sesenta libros presentados a esta convocatoria, o que “demostra a boa saúde da literatura galega e, en concreto, da poesía”. Precisamente, a altura das obras presentadas motivou un gran debate e propiciou que, ante unha decisión especialmente difícil, o xurado decidise declarar ex aequo o premio e reflectir neste fallo a riquísima variedade das liñas creativas presentadas ao concurso.”