Abraham Pérez imponse no Certame de Poesía Torre de Caldaloba. Rafael Catoira obtivo o segundo posto

Desde Cultura Galega:
“O poemario Chernóbil revival valeulle a Abraham Pérez facerse co primeiro premio do VIII Certame de Poesía Torre de Caldaloba. Pérez, que xa se fixera cun segundo posto nunha edición anterior do concurso, recibirá 1.500 euros en metálico do premio e verá publicado o seu traballo. Canda a el, Rafael Catoira quedou segundo no certame coa obra Corpo da palabra e terá tamén publicada a súa obra.
O xurado, conformado por Armando Requeixo, Adolfina Mesa e Xosé Otero Canto, ademais de Martiño Maseda, salienta de Chernóbil revival “o seu propósito compositivo, onde destaca a estrutura en prosa poética alternando con outra estrutura versal máis clásica, e coa intencionalidade de brincar pontes entre espazos interiores e exteriores, nun xogo continuo de vibrantes imaxes, como un tránsito por lenzos abstractos de poesía, que desembocan nun corpus de reivindicación existencialista fronte ao cataclismo que se precipita sobre o tempo da vida”.
Encol de Corpo da palabra, o fallo apunta que “partindo dunha estrutura compositiva máis clásica”, “supón un reclamo emocional da linguaxe, da palabra na súa esencia máis íntima, para servir de expresión configuradora dunha realidade que nos viste e nos afecta”.”