Branca Novoneyra: “Nada que non me transforme con intensidade ten espazo hoxe nos meus poemas”

Entrevista de Montse Dopico a Branca Novoneyra en Dioivo:
“Hai un movemento cara á luz nos dous poemarios de Branca Novoneyra, Dentro do labirinto e Cristal escuro. Unha procura da saída, unha viaxe a través dos simbolos. Pero é no segundo onde todo se concentra. En poemas de poucos versos. Algúns como haikus. Nos que só queda o esencial.
– Dioivo: No caso de Dentro do labirinto, había unha peza de danza creada a partir do poemario. Con Cristal escuro tamén é así?
– Branca Novoneyra: Si. Presenteino na Galería SCQ con Linde, unha instalación sonora que materializa a poesía fóra do papel. Para a produción da peza contei con Mónica de Nut no espazo sonoro e con Jesús Andrés Tejada nos visuais. Linde é un espazo simbólico onde a palabra procura unha última fronteira. (…)”.

Santiago: presentación-exposición Linde, sobre Cristal escuro, de Branca Novoneyra

A instalación sonora Linde, que presenta e dá corpo ao novo poemario de Branca Novoneyra, Cristal escuro, abrirase ao público o xoves 18 de outubro a partir das 20:30 horas na Galería SQC (Pérez Constanti, 12, baixo) de Santiago de Compostela. O espazo sonoro foi preparado por Branca Novoneyra e Mónica de Nut e o visual por Jesús Andrés Tejada.