A Coruña: Xornada do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. “Lingua con dereito. Dereito á lingua”

Finalistas dos Premios Xerais 2012

Os xurados dos Premios Xerais de Novela e Merlín de Literatura Infantil 2012, reunidos no Castelo de Soutomaior durante a tarde do 1 de xuño, declararon as obras finalistas.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, formado por Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as corenta e unha obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Chaeira, Iris Hull e Palabras de auga.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, formado por Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, entre as trinta e dúas obras participantes, acordou declarar como finalistas as presentadas baixo os lemas Faneca brava, Ketos e Pouso da Arcai.
Ambos os dous xurados determinarán as obras gañadoras, na segunda reunión, a celebrar o sábado 9 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar no serán dese día na illa de San Simón. No acto literario participarán como mantedora a escritora Marilar Aleixandre e como músico convidado Xurxo Souto.

Setenta e tres obras compiten este ano polos Premios Xerais

Edicións Xerais, unha vez pechado o prazo de admisión de orixinais dos seus premios literarios 2012, nomeou aos membros dos dous xurados.
O xurado da XXIX edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros e no que concorren trinta e dúas obras, está formado por: Xaime da Pena Ceide (avogado), Ernesto Sánchez Pombo (xornalista), María Xosé Porteiro (xornalista), Begoña Rodríguez Outeiro (profesora), Xoán Cruz (profesor) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXVII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren corenta e unha obras, está formado por: Ledicia Costas (escritora e secretaria de GALIX), Anxo Fariña (escritor, ilustrador e gañador do Premio Merlín 2011), Cristina Fernández Ameal (profesora), Silvestre Gómez Xurxo (escritor e mestre), Ánxeles Saco López (profesora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os dous xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 1 de xuño, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 9 de xuño.