Xabier Maceiras: “Reunín máis de 600 contos de Arteixo, son un obreiro da historia”

Entrevista de Candela F. Roldán a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Xa van dez anos de Crónicas de Arteixo. Case nada.
– Xabier Maceiras (XM): Así é. E aproveitando este décimo aniversario do blog decidín sacar unha segunda edición dos libros Crónicas de Arteixo I e Crónicas de Arteixo II. Levaban anos esgotados e dixen por que non. Era un bo momento de volver a poñelos a disposición dos lectores.
– LO: E nin unha soa semana sen faltar ás publicacións do blog.
– XM: Dende 2014 nunca. En Arteixo hai 13 parroquias e eu intento tocalas todas. Ao principio incluso facía dúas ou tres publicacións semanais. Eu son como o Rock and Roll, escribo o que me apetece e cando me apetece.
– LO: Cando comezou a escribir este blog, xa tiña en mente que levaría as historias ao papel?
– XM: Nunca o pensei. Eu fago este blog co único cometido de recuperar as historias dos meus veciños, sobre todo as das persoas maiores. Moitos vanse cando non deben, e hai moito que recuperar da súa memoria. Esta aventura nace co obxectivo de afondar no pasado. Eu, xa de pequeno, sempre fun de escoitar as historias de aldea. Medrei escoitando contos, en especial os relacionados co mar, e algúns deron pé aos meus primeiros traballos. (…)”

Xabier Maceiras: “Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria”

Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Cal é o obxectivo que se marca con este novo libro [Crónicas de Arteixo II]?
– Xabier Maceiras (XM): Realmente non me marco ningún obxectivo. O obxectivo é co blog. Crónicas de Arteixo II é un fillo do blog, igual que foi Crónicas de Arteixo I. O obxectivo que me marco co blog é encontrar historias e a seguir recuperando a memoria. O blog fixo seis anos en setembro. Procuro facer unha publicación semanal. Desde setembro de 2014 o blog tivo o seu primeiro fillo. En 2017 con 38 historias que publicaramos no blog. En 2020 volve con 50 historias. Fixeron unha viaxe da rede ao papel.
– LO: Curiosamente fai o recorrido inverso do habitual, vai da rede ao papel e non de papel á rede.
– XM: Efectivamente. Primeiro é o blog e logo o papel. Eu entendo que o papel para moita xente que mo demanda e así mo fixeron saber.
– LO: Crónicas de Arteixo I que acollida tivo?
– XM: Moi boa. De feito co tirón de Crónicas II houbo xente que me preguntou por Crónicas I.
– LO: Cre que se estas historias non as plasmase nun libro se poderían perder co paso do tempo?
– XM: Seguramente algunha si. O libro empeza en O Reiro con fotos atopadas. As historias máis recentes son coas que máis disfruto, con xente que viviu o Arteixo dos 50, 60 e os 70. Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria. Para algunhas historias chegamos a tempo para recuperalas.
– LO: Por iso é tan importante recuperar a memoria.
– XM: Eu teño a fortuna de ter amigos e coñecidos. Falo de xente maior, pero non vai vivir eternamente.
– LO: Gustaríalle ter vivido estas historias que conta no libro do Arteixo de hai 50 anos?
– XM: O mundo actual no que vivimos, de présas, non me gusta. Non me gusta o ritmo de vida que levamos. Entón, si que me gustaría facer unha viaxe no tempo. Se cadra para ver como era a miña vida na infancia, onde había máis socialización. Hoxe está cada un ao seu. Eu teño esa necesidade vital de socializar. (…)”

Paiosaco: presentación de Crónicas de Arteixo, de Xabier Maceiras

O sábado 14 de abril, ás 19:00 horas, no local social da Asociación Veciñal Campo da Feira (Avenida de Bergantiños, 48) de Paiosaco, Xabier Maceiras presenta Crónicas de Arteixo, publicado por Embora.

A Pastoriza (Arteixo): presentación de Crónicas de Arteixo, de Xabier Maceiras

O venres 16 de xuño, ás 21:30 horas, en Viandas Pastoriza (Travesía de Pastoriza, 147, Pastoriza-Arteixo), Xabier Maceiras presenta Crónicas de Arteixo, publicado por Embora. No acto haberá unha proxección fotográfica a cargo do seu autor. Colabora a Asociación O Grilo.

Xabier Maceiras: “O Balneario e o Santuario de Pastoriza foron os que situaron Arteixo no mapa”

Entrevista a Xabier Maceiras en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Que pode lerse no libro [Crónicas de Arteixo]?
– Xabier Maceiras (XM): É unha viaxe ao Arteixo de antes. Dos anos 40, 50 e así ata chegar aos 70. Son 38 crónicas nas que se fala dos primeiros locais de hostelería e de como era a vida do concello neses días e tamén a vida das parroquias. Fálase das percebeiras de Rañobre, do aeroporto que estivo a piques de asentarse en Arteixo e fálase de fútbol. Aparecen dous capítulos de Arsenio Iglesias: un da súa etapa como xogador e outro como adestrador. Hai un pouco de todo. Moitas delas que a xente descoñecía.
– LO: Como está estruturado o libro Crónicas de Arteixo?
– XM: As 38 crónicas están postas por orde cronolóxica.
– LO: O libro parte do seu blog, Crónicas de Arteixo. Por que decidiu abrir este espazo na rede?
– XM: Decidín crear o blog porque sempre fun consciente de que as informacións que fun xuntando ao longo da miña vida non ían chegar a papel. O blog nace para difundir esas historias antes de que se perdan. Ese era o obxectivo. (…)”